Temas: FRASEOLOXíA

“Entre o eixo e a roda”, equivalente, entre outras, a “entre a espada e a parede”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 19/05/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos a entender que unha persoa se atopa nunha situación moi comprometida, nomeadamente por se ver na conxuntura de ter que elixir entre dúas opcións máis ou menos igual de malas ou comprometidas ou por se achar entre dous perigos que non presaxian que poida saír indemne deles, acostumamos escoitar iso de que se atopa entre a espada e a parede.

Carro de bois
Carro de bois | Fonte: Youtube

Trátase dunha expresión que probablemente proveña da loita con espadas, relembrando a complicada situación en que un dos espadachíns ficaba entre a espada do contrincante e unha parede, e que tiña unha versión clásica máis antiga na locución entre Escila e Caribdis, cuxa orixe a encontramos no mundo da mitoloxía grega: no estreito de Mesina, que separa a illa de Sicilia da Italia peninsular, historicamente considerado como moi perigoso para a navegación, atopábanse os monstros mariños Escila e Caribdis en cadansúa beira do estreito, de tal xeito que os barcos que intentaban evitar un deles acababan pasando moi preto do outro, e viceversa, polo que a situación sempre era complicada e extremadamente perigosa.

Non obstante, e a maiores da dita expresión, en galego contamos tamén con paremias máis achegadas ó noso mundo cotián e imaxinario colectivo, como imos ver deseguido.

Entre la espada y la pared

{= En situación moi comprometida [unha persoa ou entidade], nomeadamente por se ver na conxuntura de ter que elixir entre dúas opcións máis ou menos igual de malas ou comprometidas ou por se achar entre dous perigos que non presaxian que poida saír indemne deles.}

Entre a espada e a parede

Entre o eixo e a roda

Entre a cruz e o caldeiro

Entre a cruz e a caldeiriña

Entre o eixo e o carro

 [E mais tamén]:

Entre Herodes e Pilatos

Entre a cruz e o Calvario

Entre o caldeiro e a cruz

[E inda incluso, como variante deturpada da primeira das expresións]:

Contra a espada e a parede

Ex.: La gestora se vio entonces entre la espada y la pared: o defraudar a los votantes del partido o permitir, después de jurar y perjurar que no las habría, unas nuevas elecciones.

A xestora viuse entón entre a espada e a paredeentre o eixo e a rodaentre a cruz e o caldeiroentre a cruz e a caldeiriñaentre o eixo e o carroentre Herodes e Pilatosentre a cruz e o Calvario: ou defraudar os votantes do partido ou permitir, logo de xurar e perxurar que non as habería, unhas novas eleccións.

APUNTAMENTO 1:

● Polo que atangue á expresión entre o eixo e a roda (e o mesmo podemos dicir con respecto a entre o eixo e o carro), cómpre indicar que tamén se podería empregar, en pago de eixo, a voz eixe. De feito, esta última é a máis recomendable normativamente, pero dado que na expresión de referencia sempre rexistramos a variante eixo, mantémola neste caso como prioritaria.

Obsérvese, ademais, a transparencia da locución: así, aquilo que se atopa entre o eixo e a roda do carro é visto que está nunha posición moi apertada, estrullada ou complicada.

● En relación coas locucións entre a cruz e o caldeiro e entre a cruz e a caldeiriña (así como tamén entre o caldeiro e a cruz), resulta evidente a súa relación coa lenda da Santa Compaña: así, a persoa viva que encabezaba a Santa Compaña adoitaba levar unha cruz e mais un caldeiro (ou unha caldeiriña, que segundo o Dicionario da Real Academia Galega 1913-28 era un “calderillo de cobre en que se lleva el agua bendita en las iglesias”), e só quedaría ceiba se era quen de atopar outra persoa polo camiño a quen lle entregar os ditos elementos, persoa que nese momento pasaría a remudala. Daquela, é escusado dicir que a situación da persoa que levaba a cruz e mais o caldeiro non resultaba precisamente moi cobizada nin desexada, senón máis ben todo o contrario.

● Por último, as locucións entre Herodes e Pilatos e entre a cruz e o Calvario remiten ó Novo Testamento: a primeira deles a dous moi coñecidos personaxes de consideración altamente negativa dentro da relixión católica e a segunda á paixón ou martirio de Cristo.

● Tamén:

Entre el yunque y el martillo

Entre a bigornia e o martelo

● Mesmo tamén:

Entre a tixola e as brasas && Entre o lume e a tixola

● Inda incluso, en contextos:

Coma (o) peixe entre dous gatos && Coma (a) sardiña entre dous gatos && Coma (o) labrador entre dous avogados

Ex.: Se vio entre la espada y la pared, con los bancos por un lado y los acreedores por el otro, y no pudo aguantar tanta tensión, así que lo abandonó todo.

Viuse entre a espada e a paredeentre o eixo e a rodaentre a cruz e o caldeiroentre a cruz e a caldeiriñaentre Herodes e Pilatosentre a cruz e o Calvariocoma peixe entre dous gatoscoma sardiña entre dous gatos, cos bancos por un lado e os acredores por outro, e non puido aturar tanta tensión, así que o abandonou todo.

● E inda tamén, en certos contextos, indicando simplemente que unha persoa se atopa nunha situación complicada:

Na caixa da música && Entre varas && [E MESMO, SOBRE TODO CANDO HAI QUE TOMAR UNHA DECISIÓN ENTRE DÚAS OPCIÓNS MALAS]: No cuarto de estudos

Ex.: A xestora viuse entón na caixa da música entre varasno cuarto de estudos: ou defraudar os votantes do partido ou permitir, logo de xurar e perxurar que non as habería, unhas novas eleccións.

APUNTAMENTO 2:

● Nótese tamén a transparencia das máis destas últimas locucións: resulta obvio que quen, ou aquilo que, se atopa entre a bigornia e o martelo está a piques de ser batido ou mazado; que o que se atopa entre a tixola e as brasas ou entre a tixola e o lume está a piques de se queimar; e que o peixe ou sardiña que se atopan entre dous gatos poden darse por perdidos, ó igual ca (partindo neste caso da moi probablemente máis estendida interpretación ou opinión popular) o labrador no medio de dous avogados. De feito, obsérvese neste sentido a paremia, recolleita por Vázquez Saco, de o labrador entre dous avogados está como o peixe entre dous gatos.

● Pola súa banda, é moi posible que a locución na caixa da música dea conta da situación de estrullamento e apertamento (dun xeito semellante ó que nos daba a entender entre o eixo e a roda) de quen teña que caber dentro dun receptáculo tan pequeno; mentres que no cuarto de estudos parece que quere dar a entender que alguén se atopa nunha posición na quen ten que matinar ben a difícil decisión que vai tomar.

NOTAS:

1. En función dos contextos, as expresións recolleitas neste artigo poderían compartir espazos de uso coas que no seu día reflectiremos cando tratemos da locución contra las cuerdas. Mesmo en contextos pouco marcados nos cales unicamente se faga referencia a unha situación problemática ou complicada, tamén se podería botar man (coas debidas adaptacións) dalgunha ca outra expresión que veremos cando abordemos as paremias meterse en camisa de once varas e meterse en un berenjenal.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta