Como vive a xeración ‘z’ o Día das Letras Galegas?

Cada 17 de maio celébrase en Galicia o día das Letras Galegas. Unha data para conmemorar ós nosos autores e autoras. Nas cidades e vilas da comunidade teñen lugar diversas actividades culturais con motivo deste día e nalgúns casos, ocupan toda a semana. Pero, como ven as xeracións máis novas este día?

Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 16/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A nosa lingua ocupa o lugar 160 en número de falantes entre as 5.500 linguas do mundo, segundo datos da Real Academia Galega. É ademais a 23º entre as 150 linguas europeas. Porén, segundo as últimas estatísticas, o uso do galego descendeu entre a xente nova e urbana probablemente, suxire a RAG, debido á perda de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas normalizadoras. No día das Letras Galegas homenaxéase aos nosos autores e autoras da nosa terra. Unha data que, ao mesmo tempo, reivindica e dinamiza a nosa lingua. Pero, que significa para os máis novos o 17 de maio?

Bandeiras galegas
Bandeiras galegas

Segundo os expertos, a chamada “xeración ‘Z’” ou postmillennial abarca a todos os mozos e mozas nados entre os anos 1994 ou 1996 e 2005 ou 2010. Estas datas son aproximadas e varían un pouco dependendo do estudo que se consulte pero todos concordan en que son a xeración do futuro. Estas persoas naceron xa nun mundo tecnolóxico e comezaron a empregar Internet sendo moi novos. Séntense a gusto coas redes sociais e interactúan uns con outros a través da rede e en persoa indistintamente. Este grupo de mozos e mozas son o futuro da nosa sociedade e polo tanto, da nosa lingua. Que pensan eles do día das letras?

Probablemente, a maioría dos postmillennials celebraron e celebran na escola o Día das Letras Galegas. Pero para os primeiros desta xeración, xa pasaron bastantes anos diso. Para Manuel Lorenzo, de 22 anos e estudante de mestrado, o día das letras é un día de recoñecemento a escritores e escritoras galegas. Para el é un día de celebración pero tamén ten un certo carácter reivindicativo no que se conmemora a persoas que poñen o seu gran de area para mellorar a situación da nosa lingua. Porén, para el, este día é “máis un festivo que outra cousa” e bota en falta unha implicación maior por parte de medios, autoridades e asociacións para mudar isto

"A LINGUA NON É IDEOLOXÍA"

Paula Graña, tamén de 22 anos e xornalista na Radio Galega, ve o día das Letras Galegas como unha data moi especial porque “representa a nosa cultura, memoria, tradición e lingua propia” e engade que “aínda que a lingua deba ser defendida todos os días, sempre é fermoso ter un motivo para achegarnos á figura dun persoeiro representativo da nosa cultura”. Sobre o homenaxeado deste ano, Antón Fraguas, Paula subliña a súa loita continua polo galego. “Non podemos esquecer, que hoxe, máis que nunca (o Día das Letras) é un día de reivindicación”, afirma e subliña que “a lingua nunca pode ser unha cuestión ideolóxica nin entrar no debate político”. Móstrase preocupada polo “retroceso histórico” que ve cando diferentes líderes políticos cuestionan o uso das linguas propias nas comunidades. “Non podemos esquecer o que foi o franquismo e menos agora ante o auxe de partidos fascistas”, declara. Para ela, esta data si que é unha iniciativa con forza e ben levada por parte de medios, institucións públicas e centros de estudos aínda que "sempre se pode mellorar". 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

Para Laura Rey, 23 anos e farmacéutica, cre que é un día de celebración pero ao mesmo tempo ve nel un certo “postureo”. “A maioría da xente proclama nas redes sociais frases relacionadas con este día aínda que a maior parte do ano non falan galego”, afirma, “fano soamente para sentirse mellor”.  Opina que, polo xeral, as iniciativas dos colexios relacionada con este día son moi positivas porque poñen en contacto o alumnado con autores galegos e coa propia lingua. Porén, cre que para “os máis maiores é máis como un festivo máis, un día no que non se vai a traballar”

UN DÍA DE "ORGULLO"

Valeria Gutiérrez, con 14 anos, forma parte dos membros máis novos da xeración postmillenial. Para ela, o día das letras, é un día moi importante, incluso “de orgullo” que permite “coñecer autores que doutras maneiras non terían coñecido”. “Desgraciadamente, en Galicia , dende sempre, infravaloramos o noso idioma e a nosa cultura”, afirma, “e este día axuda a compensalo un pouco”. Para Valeria é un día de celebración e reivindicación. “Ten que ser as dúas cousas a vez porque temos que estar contentos do noso pero tamén temos que reivindicar que isto é noso e temos que aproveitalo e telo en conta”. En canto a se esta celebración está adaptada ao noso tempo, comenta que “non, que se poderían ter feito cousas moitísimo mellores, moitísimo máis impulsado”. “No fondo é todo un bucle no que o único que muda é o personaxe principal e chega un momento no que che deixa de interesa", declara.

Claudia Gómez, historiadora de 24 anos, recoñece que non ten costume de falar sempre en galego pero considérao un elemento fundamental da nosa cultura. Este día ten para ela un pouco de celebración e un pouco de reivindicación. "Celebración da nosa lingua pero tamén reivindicación para que se lle de máis importancia", afirma, "porque en moitos lugares continúa a ser desprezada". Opina que se tería que concienciar máis da importancia da nosa lingua fora de Galicia, "que a importancia desta lingua quedase plasmada tamén nas televisións a nivel nacional"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 uu1

Esta é a triste realidade da nossa língua, a linga galega esmorece e parece que lutar pela sua supervivência na Galiza é uma causa perdida, pela nossa cegueira, e pelo maquiavelismo dos nossos políticos. Temos que aproveitar-nos de todos os contidos disponíveis no português do Brasil!!

2 Echasí

Resposta: non o vive, o galego está a ser asasinado por eutanasia e anestesia folclórica grazas á Xunta e á incultura dos pais dos cativos (alienados e colonizados polo españolismo dos massmedia e as arelas de "no ser de aldea ni del bloque"...). No meu edificio todos os pais galegofalantes fálanlle en castelán ós fillos e os meus sobriños entraron na escola falando galego e en 2 anos xa non o falan nen dándolles larpeiradas (non son capaces de articular unha frase completa).

1 Chiruca

Os meus irmáns (galegofalantes) non lles falan en galego aos seus fillos (castelanfalantes). O único galego que escoitan os meus sonbriños é o dos abós (galegofalantes, falan acastrapado cando falan con eles as fins de semana) e o meu. Quén ten a culpa? A solución está clara: inmersión lingüística na escola. Quén goberna? Pois...