Existe compromiso político e social dentro da intelectualidade galega?

A tradición apunta á xente da cultura, da creación ou da expresión artística como persoas perto das ideas de “esquerda” ou polo menos “progresistas”. Algúns deles son activos militantes. Con todo, nas últimas décadas outras voces clamaron contra o acomodamento de intelectuais e artistas, apuntando como motivo as axudas achegadas desde as institucións. Axudas din, que serven para "calar bocas" e crear "estómagos agradecidos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O posicionamento social e político de creadores e creadoras foi contextualizado na chamada “esquerda”, quizais pola característica rompedora dos movementos artísticos no século XX. A mesma centuria viviu unha serie de cambios socipolíticos que trouxeron, case inevitablemente, unha crise de identidade para aquelas persoas da cultura que viviran o seu posicionamento desde esa esquerda. 

Cidade da Cultura
Cidade da Cultura | Fonte: flickr. Noel Feans

As eleccións municipais en Galicia para o 26 de maio traen candidaturas onde algunhas forzas políticas inclúen nas súas listas xente vinculada ao mundo cultural. Mais a cuestión é se creadores e creadoras se senten posicionados dalgunha maneira tanto social como politicamente.

IMPLICADOS

Suso de Toro, escritor, considérase a si mesmo unha persoa “totalmente” posicionada politicamente. “Non é que un escolla, máis tranquilo queda un vivindo á marxe, con todo si que considero que estou implicado”. “Creo que estou implicado desde sempre, xa aos catorce e quince anos estiven en forzas sociais e culturais, logo entrei nunha organización política clandestina, de tal maneira que iso durou anos”. De Toro sinala tamén que “houbo épocas en que estiven máis tranquilo porque considerei que as miñas ideas estaban ben expresabas e noutros momentos cando vexo que o meu país e as ideas que teño están en perigo, sinto que debo implicarme de novo, é unha cuestión moral, non teño vontade de carreira política”.

O artista, intelectual debe implicarse na vida política? “Non creo que deba, depende de cada persoa” di Suso de Toro. “Hai persoas que fan un traballo intelectual de investigación, creación artística ou de información e non senten esa obriga moral, mais acontece que ese traballo intelectual nos obriga ver cousas que ocorren”. Visto así, a intelectualidade ten coñecemento abondo sobre o que acontece dentro da sociedade e por tanto “non pode alegar inxenuidade, opino eu” como di de Toro.

“Como pai, como creador e como profesor, en calquera dos ámbitos da miña vida, penso que si, que teño unha responsabilidade como individuo e parte dunha sociedade” di Sechu Sende. “Todo aquilo que poida aportar desde o punto de vista creativo para responder como persoa diante da actualidade, pois penso que é necesario”.

Implicarse máis ou menos en cuestións sociopolíticas “depende da percepción desa persoa” responte o escritor Alberto Ramos. “Pola súa actividade profesional dalle unha certa visibilidade para facer ou dicir determinadas cousas, non obstante non é garantía de sexa útil ou necesario”. Ramos considera que o posicionamento dun artista, dunha persoa con proxección no mundo da arte ou da investigación “ten máis repercusión o que faga e ten máis posibilidades de que o vexan e escoiten”. “Isto tampouco quere dicir que o dito por artistas teña máis validez ou máis criterio que o dito por outras persoas”.

E por que se relaciona aos e ás intelectuais coa esquerda? “Eu creo que a esquerda está máis necesitada de todo tipo de apoios, pois defende intereses que están nunha posición débil e bota man do que ten” di de Toro. “Os intereses do estado e dos poderes económicos teñen todos os medios, as televisións ofrecen os partidos do estado”. Alberto Ramos considera que é por “unha cuestión de preconcepto, de tradición e de respostas habituais, pois boa parte da xente implicada na arte e creación manifestaron posicionamentos de esquerda”. Os motivos para Ramos poderían estar en que “polo traballo que desenvolves tes máis información e por tanto maior sensibilidade segundo a que cousas pasan na sociedade e tes máis impulso para implicarte nun prisma determinado”.

ACOMODACIÓN

A grande acusación despois dos anos sesenta foi que a intelectualidade, nomeadamente a dos países occidentais e que se denominara de esquerdas, acabou acomodada aos designios do mercado e do estado. Pasou o mesmo en Galicia? “A intelectualidade española si, con honrosas excepcións, a maior parte das persoas que se consideran intelectualidade española están sendo cómplices co que acontece cos presos políticos e exiliados cataláns e outros presos políticos que hai nas cadeas do Estado” sinala de Toro. “Cando parte da cidadanía catalana quere practicar a democracia pois o Estado castígaa e hai intelectuais que calan mais insisto, hai honrosas excepcións”.

Senchu Sende opina sobre isto que “hai moitas análises sobre iso, pertencemos a unha tradición de loita, resistencia e creatividade fortemente comprometida cun territorio, cun pobo, cunha nación desde hai moito tempo”. Non obstante, Sende ten en conta que “si é certo que o que se visibiliza é esa outra Galicia onde tamén hai artistas, intelectuais e xente da cultura que non están tan comprometidos, ou se están comprometidos é máis coa situación actual ou o stato quo predominante”.  “Desde o meu compromiso coa lingua, por exemplo, si que vexo moita falta de compromiso co galego por parte de moita xente”.

A implicación, para uns é necesaria pois senten un deber moral de defender posicións cunha carga política, pois o contexto os empurra a facelo. Quen non o fai, logo de escoitar diversas respostas, é probable que teña detrás  intereses persoais e outros que podan ir máis alá do persoal, pode haber un posicionamento favorable ao estado das cousas. No caso galego, aínda cun número importante de creadores e creadoras contrarias á situación social e política interna, a repercusión do seu discurso non parece estar chegando a un amplo abano de xente e que así se poda poñer en cuestión a actual xestión do territorio e da súa lingua e cultura. Cuestión mediática? Cuestión educativa? Cuestión de mensaxe?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 Galeguiña

O primeiro que habería que concretar é quen ten dereito a seren cualificado de intelectual. Chamar intelectual a Sechu Sende semella pouco axeitado, e que este home resposte ás preguntas que se lle fan en relación con esta cuestión paréceme pretencioso.

1 Gamela

Ben falado. Confundir a un profesor con un intelectual ... é pouco atinado!

2 Sentidiño

Ben falado? Non é Ferrín, pero ten un premio Max e un María Casares... algo é...

3 Gamela

4 Sentidiño

Si, os Max, esa trapallada de premio que teñen Flotats, Josep Maria Pou, Juan Diego, Lola Herrera,...

3 Txapeltegui

Intelectualidade galega? Funcionarios sobrecolledores da Xunta de Galicia, procesión de caladiños e mantidos. O nivel é o dos calumnistas da Voz, Progreso, Faro, RTVG, etc, uns coitadiños e mansos cadeliños ós pes da mesa do amo. Hai excepcións pero non acadan voz por non ter medios de nós.

1 Gamela

Non ter medios de nós... velaí o problema principal para que non agrome un novo xeito de facer as cousas, pero tamén deberamos recoñecer que o nivel de compromiso intelectual é ben baixo: non é cuestión de compromiso político, ás veces bastaría con dicir algo novo que fose máis aló das charlas de cafetería para interesar ao público! Vivimos nunha sociedade mediática sí, pero tamén vivimos adormecidos polos medios e as redes...

2 JCC

Simpatico que um tipo que se passa o dia fazendo comentários a todas as novas fale de que outrxs vivem à margem do mundo. Eu não sei se a intelectualidade galega precisa de complementos linguísticos mais o que está claro é que algum seudoprogre espanholaço precisa desenganchar do ecrã

1 Gamela

se tí non o sabes será que es o único que non coñece ao Che que leva toda a vida vivindo de paparota en paparota cultural (seica) . Penso que con este perfil xa tes dabondo para saber como se cobran os "complementos lingüísticos" nesta terra de Vividores do Conto! E ollo, hai moita xente honrada na cultura galega (pero eses nin cobran nin comisarian exposicións coma que aparece no vídeo da Cidade da Incultura!) Amén.

1 Gamela

semella que algúns "intelectuais galegos" pecisan de "complementos lingüísticos" para seguir vivindo á marxe do mundo real... Estamos acostumados pero seguimos agardando un intelectual verdadeiramente comprometido coa súa terra e coa súa xente... E iso en Galicia é moi complicado de equilibrar: porque a terra somos nós.. e mira tí como destrozamos a nosa terra coa disculpa da "pseudocultura" https://i.gal/gamela00 Non chega coa etiqueta é preciso ir máis aló e dar trigo !!!