DGT e Garda Civil poñen en marcha unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables na estrada

A DGT pon en marcha en Galicia esta campaña cun dobre obxectivo: "por unha banda, concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade na estrada e lembrar a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectoras".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil comezan este luns unha campaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas galegas, que se centrará na seguridade de peóns, ciclistas e motoristas.

Esta iniciativa, que terminará o venres día 24 de maio, enmárcase dentro da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020, no que se fixou como unha das prioridades a "protección dos usuarios máis vulnerables", co fin de dar resposta a un dos focos de accidentalidade identificados.

"Os usuarios en situación de vulnerabilidade son aqueles cidadáns que por diferentes circunstancias, ben polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento empregado, teñen máis probabilidade de verse implicados nun accidente de tráfico ou de resultar mortos ou feridos a consecuencia do mesmo", explicou a Garda Civil nun comunicado. O concepto tamén inclúe aos peóns en xeral (nenos, adolescentes, novos, adultos, maiores e persoas con mobilidade reducida), así como a ciclistas e motoristas.

FALECIDOS

Os datos de accidentalidade en vías interurbanas de Galicia indican que en 2017 o 34% dos falecidos foron usuarios vulnerables e o 31% en 2018. Entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril deste ano, o 43% foron vítimas mortais destas características.

Por iso, a DGT pon en marcha en Galicia esta campaña de sensibilización cun dobre obxectivo: "por unha banda, concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade na estrada e lembrar a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectoras" e por outro, "búscase sensibilizar aos demais usuarios da vía sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios".

Desta maneira, os axentes de Tráfico repartirán elementos reflectores a peóns na estrada, así como trípticos a ciclistas, motoristas e condutores coas normas e recomendacións para ambos. A Garda Civil lembrou a necesidade de reducir ou moderar a velocidade ao pasar un usuario vulnerable, prestar "especial atención" en cruces e xiros, mirar polos espellos retrovisores para confirmar a posible presenza de ciclistas e motoristas, usar os intermitentes con antelación suficiente, así como respectar a distancia lateral de polo menos 1,5 metros ao adiantar a un ciclista ou peón.

DXT e Garda Civil inician este luns unha camapaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas. GARDA CIVIL
DXT e Garda Civil inician este luns unha camapaña de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta