Vanessa Angustia propón vincular as axudas da PAC coas políticas contra o cambio climático

A candidata de Unidas Podemos para a Eurocámara afirma que o resultado do 28A "avala" o proxecto do seu grupo e abre a porta a ser elixida como senadora por designación autonómica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O 'número dez' da candidatura de Unidas Podemos Cambiar Europa, Vanessa Angustia, incide na necesidade de vincular as axudas da Política Agraria Común (PAC) a políticas contra o cambio climático, de modo que un 30 por cento das subvencións estean destinadas explotacións agrogandeiras que cumpran con "criterios de sustentabilidade a nivel ambiental".

Trátase dunha das medidas que inclúe o programa da coalición de Unidas Podemos na que a exsenadora por En Marea Vanessa Angustia (Pontevedra, 1980) busca facerse cun escano en Bruxelas para o próximos cinco anos e pasar, en pouco menos de dous meses, da Cámara alta ao Parlamento europeo, dúas institucións que, como recoñece nunha entrevista con Europa Press, gozan de mala imaxe entre a cidadanía.

"Existe un descoñecemento do que pasa no Parlamento europeo que é intencionado por parte das forzas tradicionais (socialdemócratas, conservadores e liberais). É certo que si se pode facer unha reflexión máis profunda sobre o Senado como cámara territorial, que non se usou para iso", asegura Angustia, militante da federación galega de Esquerda Unida e a primeira candidata galega na lista de Unidas Podemos para as eleccións europeas do próximo 26 de maio.

Para a exsenadora, PSOE, PP e Cidadáns están "interesados" en "ocultar" o que ocorre en Bruxelas, pois alí "ponse de acordo no 75% das decisións que se toman en Europa mentres aquí (España) queren facer parecer que perseguen vías diferentes". Así, marca como obxectivo da súa candidatura "abrir" as "moi burocratizadas" institucións comunitarias durante unha lexislatura na que, segundo apuntan as enquisas, o bloque de extrema dereita terá unha ampla representación.

Un "auxe" da extrema dereita do que Angustia responsabiliza ás forzas conservadoras e liberais tradicionais, pois non cre que poida culparse aos partidos de esquerda. "Están a facer políticas agora que fai sete anos parecía que só defendía a extrema dereita", apostila a candidata, que pon como exemplo "as políticas migratorias, o plan europeo de pensións ou o tráfico de armas". "Esa Europa das prioridades do mercado e non dos pobos é en realidade unha axenda compartida por liberais, conservadores e socialdemócratas. En realidade, o avance da extrema dereita depende deles tamén", incidiu, para despois apuntar que en España "non foi o voto obreiro" o que impulsou a Vox.

GALICIA: "DESPOBOAMENTO E CAMBIO CLIMÁTICO"

Nunhas eleccións europeas que marcarán "as inclinacións a longo prazo que os pobos de Europa teñan respecto da Unión Europea", Vanessa Angustia considera que Galicia debe afrontar "dous retos a moi curto prazo" que se decidirán desde Bruxelas: o despoboamento e combater o reto climático.

Sinala que Unidas Podemos avoga por situar as políticas ambientais no "centro" da Política Agraria Común (PAC), así como defender na Eurocámara que se recoñeza e potencie a pesca artesanal porque representa "o 80 por cento" da frota galega e, ademais, vai na liña de "garantir a sustentabilidade dos recursos naturais".

"As políticas para frear o cambio climático deben ser un eixo fundamental da PAC. Os estados membro deben garantir unha parte, nós propomos un 30%, que estea destinado a cumprir criterios de sustentabilidade a nivel ambiental", profundou Vanessa Angustia, que subliña que "o futuro da UE" tamén pasa por apostar por esa pesca tradicional que ve "ignorada" pola concepción da UE dun sector pesqueiro unicamente "industrial".

PENSIÓNS, REFUXIADOS E EXÉRCITO EUROPEO

As políticas migratorias, o futuro do sistema de pensións públicas e a creación dun exército europeo serán tamén outros dos asuntos que porán de manifesto a existencia de dous bloques diferenciados no Parlamento europeo. Angustia considera que este tres cuestiones evidencian a intención de socialdemócratas, liberais e conservadores de "reorientar as prioridades" da UE e os estados membros, cuxa intolerancia ante a chegada de refuxiados supón a "vulneración" de tratados e da Declaración dos Dereitos Humanos.

"Non me parece casual que cando o ano pasado (Jean-Claude) Juncker anuncia a aposta polo exército europeo coincida cando se coñecen os recortes na PAC", engade a candidata á Eurocámara, que afirma que os países membros teñen capacidade de acollida para persoas migrantes e ve na creación dos plans paneuropeos de pensións "un cuestionamiento dos servizos públicos".

CONFÍA EN LOGRAR O ESCANO

As enquisas, entre elas o último barómetro do CIS publicado en véspera do arranque da campaña, sitúan a Vanessa Angustia fóra da Eurocámara, pois só outorgan oito deputados á candidatura de coalición entre EU e Podemos, unha alianza que, segundo a exsenadora, "non está en cuestión" porque se trata dunha aposta "de principios, estratéxica e non táctica".

Para Angustia, os resultados de Unidas Podemos nas xerais do pasado mes de abril "avalan un crecemento" do proxecto que presenta "unha evolución favorable" a pesar de perder máis dun terzo dos deputados que tivo durante a última lexislatura.

Cuestionada sobre se a súa lista prevé algún mecanismo para que Galicia estea presente na Eurocámara no caso de que ela, como 'cota' galega, non logre praza; Vanessa Angustia recoñece que dalgún modo "traballará" para levar os asuntos galegos a Bruxelas, aínda que non concreta o modo.

SÁBADO   ENTREVISTA VANESSA ANGUSTIA SC. IZQUIEDA UNIDA
SÁBADO ENTREVISTA VANESSA ANGUSTIA SC. IZQUIEDA UNIDA | Fonte: Europa Press

"A campaña vai evolucionar positivamente. Pensamos que ese posto si se vai a conseguir", engade a candidata en relación ao décimo escano que a levaría ás institucións europeas grazas a unha candidatura que se viu sacudida pola renuncia da cabeza de lista, Pablo Bustinduy (Podemos), a pouco menos de dous meses para as eleccións.

En relación á marcha de Bustinduy, aliñado co chamado sector 'errejonista'; a militante de EU asegura que se trata dunha decisión "a título persoal" que non supón que o exsecretario de Internacional do partido morado deixase de "apoiar" ou "traballar" pola candidatura Unidas Podemos Cambiar Europa "Gañamos porque Pablo (Bustinduy) segue traballando, poida que a niveis máis ocultos, pero igual de importantes. A candidatura gaña en presenza, aposta política e solvencia con María Eugenia Palop", incide, en relación á substituta de Bustinduy á fronte da lista da coalición para as europeas.

ABRE A PORTA A VOLVER AO SENADO

Por último e aínda que se mostra convencida de que finalmente logrará o escano de europarlamentaria, Vanessa Angustia abre a porta a volver á Cámara Alta como senadora por designación autonómica, un cargo que lle corresponde ao Grupo Parlamentario de En Marea no Pazo do Hórreo como primeira forza da oposición.

"Se este espazo colectivo cre que este tránsito non está esgotado, con toda a responsabilidade, asumirei o posto institucional que corresponda, sempre entendendo que a vida institucional é un tránsito", recoñece despois de subliñar que "as decisións" nun espazo político como o que incumbe ao grupo de En Marea "tómanse de maneira colectiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

algunha teñen tanto morro que se non é para Bruxelas é para Madrid... o caso é seguir chupando outros 4 anos e dar por boa a ANC de Maduro que foi o único que fixo esta Senadora Caradura! A xente de EU non se pon colorada ???