Pontón sinala a Ana Miranda como "garantía de que o sector da pesca teña voz propia en Bruxelas"

A portavoz nacional do BNG lamentou "o desinterese das forzas estatais que sempre utilizaron este sector como moeda de cambio con nefastas consecuencias para Galicia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

Ana Pontón, subliñou este sábado a importancia de que Galicia "siga contando cunha voz propia en Bruxelas que defenda os intereses dun sector estratéxico para a Comunidade", polo que destacou á eurodeputada galega Ana Miranda como a "única garantía" para que isto suceda. Así o sinalou Pontón nun encontro co sector do mar en Vigo, onde asegurou que "quedou demostrado" que esta defensa da pesca foi "abanderada" por Miranda nos últimos anos.

Pontón (BNG) destaca a Ana Miranda como a 'única garantía de que o sector da pesca teña voz propia en Bruxelas'. BNG
Pontón (BNG) destaca a Ana Miranda como a 'única garantía de que o sector da pesca teña voz propia en Bruxelas'. BNG | Fonte: Europa Press

"Ninguén vai defender o sector pesqueiro galego se non o fai o BNG. Será Ana Miranda quen defenda unha repartición de cotas de pesca digno para Galicia, quen defenda que os fondos europeos de pesca teñen que servir para producir non para romper barcos, quen defenda destinar fondos para garantir rendas dignas para os traballadores do mar, sobre todo cando ven forzados a parar por causas biolóxicas ou outras que os deixen temporalmente sen actividade", apostilou a líder nacionalista, segundo recolle o Bloque nun comunicado.

Para Pontón, "non é unha frase retórica dicir que Galicia é unha nación pesqueira", xa que, ao seu xuízo, describe a realidade económica, social e cultural que a pesca representa para a Comunidade "cuxa repercusión no Produto Interior Bruto (PIB) é a máis alta de toda a Unión Europea".

"POTENCIA PESQUEIRA"

"Galicia é unha potencia pesqueira e por iso necesita ter unha voz forte, potente e experta, que defenda este sector onde se toman as decisións que máis lle afectan. E esa voz é a do BNG a través da nosa eurodeputada Ana Miranda", sentenciou a portavoz do Bloque, quen lamentou "o desinterese das forzas estatais que sempre utilizaron este sector como moeda de cambio con nefastas consecuencias para Galicia".

Entre as propostas que o BNG pretende impulsar na Eurocámara está a declaración de Galicia como zona altamente dependente da pesca. Tamén reclama a xestión directa dos fondos europeos de pesca que corresponden a Galicia.

Pontón pechou a súa intervención denunciando a "aberración democrática" que supón que hoxe en día non se garanta o dereito ao voto da xente do mar. "Aínda non nos explicaron como é posible que voten os astronautas que están no espazo e non os mariñeiros", sentenciou.

AXENCIA EUROPEA DOS OCÉANOS

Pola súa banda, Ana Miranda deixou sobre a mesa unha proposta concreta para Vigo, a de crear unha Axencia Europea dos Océanos e que teña como sede a cidade olívica. "Resultan indiscutibles os beneficios que para Vigo tería este organismo, ao converter a cidade en faro europeo da xestión e investigación oceánica, ademais de permitir profundar na investigación e na xestión mariña de Galicia e suporía novas oportunidades laborais e empresariais, ao contar coa posibilidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías mariñas e de innovación tendo en conta como elemento primordial o factor ecolóxico", apostilou a eurodeputada.

Así mesmo, o candidato á alcaldía de Vigo polo BNG, Xabier P. Iglesias, puxo en valor a cidade como "punta de lanza da potencia pesqueira galega" e lembrou que Vigo ten o maior porto de Europa de descarga de peixe fresco. "Vigo non pode entenderse sen a pesca, que de maneira directa e indirecta suma máis de 15.000 postos de traballo na cidade e a súa área", destacou.

A continuación, este sábado Pontón visitou a localidade veciña de Redondela, onde pediu aos cidadáns que concentren o voto no BNG se queren un cambio "real" para o municipio. "Redondela merece máis que un goberno esgotado e sen ideas e temos unha candidatura comprometida, cun proxecto solvente e unido para construír o futuro que merece este concello", indicou a portavoz do Bloque en relación ao candidato nacionalista Xoán Carlos González.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta