Coñece o patrimonio das cidades do Eixo Atlántico a través da banda deseñada

Realizado polo debuxante galego Norberto Fernández, o volume recolle a riqueza patrimonial de 34 concellos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/05/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Eixo Atlántico realizou unha tiraxe de 48.000 exemplares do cómic “Coñece o Eixo Atlántico”, un libro en banda deseñada para coñecer o patrimonio das cidades do Eixo Atlántico. Editado en dous idiomas, galego e portugués, a publicación do debuxante galego Norberto Fernández é un percorrido pola riqueza patrimonial das cidades 34 cidades e entidades que integran o Eixo Atlántico na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Un cómic do Eixo Atlántico
Un cómic do Eixo Atlántico

Cada unha das cidades dispón de dúas páxinas onde se mostra espazos e monumentos destacados, así como datos de poboación, extensión da cidade, data de fundación e xentilicio dos seus habitantes. Cun trazo simple e realista é fácil recoñecer a riqueza patrimonial que se mostra a través de “Eixiño”, a divertida mascota do Eixo Atlántico.

Esta publicación foi concibida inicialmente como unha unidade didáctica para os intercambios de escolares entre cidades do Eixo Atlántico que se iniciaron este mesmo ano. 

“Dada a calidade, frescura e interese deste cómic decidiuse amplialo e convertelo nun vehículo de difusión do patrimonio das cidades nunha linguaxe moderna e urbana, alcanzables a nenos, mozos e adultos coa intención de profundar na interiorización do territorio da eurorrexión”, apunta o Eixo Atlántico nun comunicado. Neste espazo habitan máis de 6,5 millóns de persoas con coincidencias culturais e idiomáticas que se resumen nun dos lemas máis aclamados no ámbito do turismo como é “Dous países, un destino”. A publicación pode ser descargada gratuitamente dende a web do Eixo Atlántico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta