Pontón chama a sumar o voto "inconformista" no BNG fronte a un Feijóo "tocado"

"Que os veña apadriñar Pablo fracasado Casado é todo un síntoma do que lle espera ao PP, de fracaso en fracaso ata o fracaso final" di Pontón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2019 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou desde Ribeira (A Coruña) a sumar o "voto de país" e "inconformista" no BNG para impulsar nos concellos un "modelo transformador" a partir do 26 de maio, no que augura que se repetirá o "trompazo" que o PP sufriu nas eleccións xerais, cun Feijóo en Galicia "tocado" ao que apadriña "Pablo Fracasado".

Na mesma localidade coruñesa na que tamén este domingo celebrou o seu acto de campaña o Partido Popular de Galicia coa presenza de Pablo Casado e do líder galego Alberto Núñez Feijóo, Ana Pontón ironizou sobre a visita do presidente nacional do PP.

"Que os veña apadriñar Pablo fracasado Casado é todo un síntoma do que lle espera ao PP, de fracaso en fracaso ata o fracaso final", comentou en ton irónico, convencida dos malos resultados que obterán os populares o 26 de maio.

"A Feijóo tampouco o vexo ben, parece da Santa Compaña, como alma en pena de mitin en mitin pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que di que só quere depender dos veciños. Que nos explique de quen depende o PP en Andalucía", remarcou.

En Ribeira, Ana Pontón reivindicou ao BNG como "a mellor aposta" e pediu "concentrar o voto de país e o voto inconformista", de quen queren "que á fronte dos concellos haxa gobernos que se interesen pola vida das persoas, por ter espazos públicos de calidade, por xestionar ben cada euro".

Tras defender o "avance" dos concellos liderados polo BNG, Pontón mostrouse convencida de que a formación nacionalista seguirá coa súa tendencia á alza tamén nas eleccións municipais e europeas, como antesala ao "tempo novo" para Galicia que se iniciará nas próximas autonómicas de 2020.

A dirixente nacionalista augurou un gran resultado das candidaturas do Bloque en todos os concellos do Morrazo, reforzando o apoio recibido en Rianxo, que mostrou o "cambio real que supoñen os gobernos do BNG", pero tamén en Ribeira, na Pobra e Boiro.

No entanto, pediu mobilizarse ata o último minuto, para lograr "máis BNG nos concellos" e instou a "falar con todas as persoas coñecidas, chamarlles no corazón e explicarlles o proxecto transformador" que desenvolve a formación onde goberna. "Movilicémonos e seremos imparables", proclamou.

MIRANDA: "QUE O ESCANO DO BNG SEXA O DO POBO GALEGO" EN EUROPA

En Ribeira tamén estivo presente a actual eurodeputada e candidata a Europa Ana Miranda, que puxo en valor o seu traballo en defensa do sector pesqueiro e o saneamento integral das rías ou en contra de megaproxectos mineiros contaminantes, que poderían afectar de forma negativa ao sector do mar na comarca.

En concreto, lembrou que a frota do 'xeito', con máis de 400 embarcacións na comarca do Barbanza, foi un dos seus cabalos de batalla, logrando modificar unha normativa comunitaria que liquidaría "esta modalidade de pesca artesanal".

Por iso, pediu o voto para que o BNG volva ser "a voz de Galicia" no Parlamento europeo, "que fale en defensa da frota galega, das mariscadoras, rederas, conserveiras e de toda a xente que vive do mar nesta nación pesqueira". "O meu compromiso, fronte ao deixamento das forzas estatais con este país, é que o escano do BNG volva ser o escano do pobo galego", recalcou.

26M.- Pontón Chama A Sumar O Voto 'Inconformista' No BNG FRONTE A Un Feijóo 'Tocado' Ao Que Apoia 'Pablo Fracasado'. BNG
26M.- Pontón Chama A Sumar O Voto 'Inconformista' No BNG FRONTE A Un Feijóo 'Tocado' Ao Que Apoia 'Pablo Fracasado'. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta