Vázquez Almuíña: "na Sanidade ten que haber eventualidade, porque a Xunta fai contratación de días"

Almuiña, nunha entrevista na Radio Galega, insistiu ademais na súa reclamación ao Executivo central de que se incremente o número de prazas MIR previstas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reclamou ao novo Goberno unha reunión coas comunidades autónomas sobre financiamento da sanidade, porque "non se pode incrementar a carteira de servizos sen aumentar o financiamento".

Almuiña, nunha entrevista na Radio Galega, insistiu ademais na súa reclamación ao Executivo central de que se incremente o número de prazas MIR previstas. "Se non acreditamos prazas antes de xullo, non podemos incrementar o número de MIR que formemos antes do ano que vén". "Temos moita présa. Xa mandamos toda a información para que nos acrediten tanto novas unidades docentes de médicos de familia como de pediatría", remarcou.

A sanidade galega atópase inmersa na implantación do novo Plan de Atención Primaria que será un modelo, sinalou que "mellorará a calidade do servizo" pero tamén "a forma de traballar dos profesionais". Vázquez Almuiña incidiu en que a reforma será "progresiva", nun novo modelo que "non está pechado e que cada día poderá revisarse e incrementarse con accións novas".

Entre os seus puntos máis relevantes, puxo en valor a redistribución do traballo e os plans de coordinación entre as diferentes categorías profesionais, así como o incremento de persoal e o "papel importante" que terá a enfermaría. En paralelo, tamén se mellorará a coordinación e os cidadáns poderán "notar que se van a abrir vías rápidas de acceso de primaria a hospitalaria". "Aí é unha parte moi importante do cambio que van notar os cidadáns".

Unha das fórmulas que se mellorará, sinalou, é a accesibilidade dos pacientes que acoden ao centro de saúde. "Máis que dicir o paciente vou ao centro de saúde a que me vexa o meu médico, que poida dicir vou a que me vexa o meu equipo", subliñou. Sobre as críticas dos profesionais de enfermaría que denuncian a existencia dun elevado número de contratos eventuais, o conselleiro apuntou que "na Sanidade ten que haber eventualidade, porque é un dos poucos servizos públicos que fai contratación de días".

"Aquí se hai unha persoa que falta nunha quenda tentamos chamar a unha compañeira para que poida vir cubrir esa quenda. Por iso ás veces hai que facer contratos de días, pero para nós o servizo sanitario ten que ter sempre o número necesario de profesionais", expresou.

"NON ENTENDO A CONVOCATORIA DE FOLGA DE PRIMARIA EN VIGO"

Ante a convocatoria de folga dos médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo para os próximos días 21 e 22 de maio, Vázquez Almuiña mostrouse tallante e asegurou que "non" a entende. "A verdade é que non entendo a convocatoria, a folga sempre é un medio non un fin, e as folgas fanse cando non hai posibilidade de diálogo coa administración ou noutro ámbito e isto non foi así porque a Consellería estivo aberta ao diálogo", replicou Vázquez Almuiña, para quen "en todo momento" fóronse dando "solucións".

O titular autonómico de Sanidade pon en valor o acordo adoptado, con 200 accións que xorden "das suxestións que presentaron o profesionais" pero tamén das máis de "4.000 enquisas que cubriu a poboación". Así, subliñou que non comprende tampouco a convocatoria de folga que a nova asemblea de áreas sanitarias de Galicia realizou para o 19 de xuño porque non se consideran representadas polo Consello Técnico de Atención Primaria constituído o día 14.

"Cal é a causa? Non o sei, pero se queremos mellorar o sistema sanitario hai que facer unha acción en positivo, de accións como estamos, de brazos caídos ou de folga sen obxectivo claro non melloramos o sistema sanitario", asegurou o conselleiro, que pediu a incorporación "ao diálogo coa administración" para que acheguen as "melloras que consideran oportunas".

Ademais, suxeriu que "é difícil de entender" que non se atopen representados nese Consello Técnico porque están "profesionais da sociedade científica, sindicatos e grupos de profesionais". "Estamos a cumprir todo o que se dixo na asemblea previa á desconvocatoria de abril. Seguimos pedindo que se incorporen ao diálogo coa administración", sinalou.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Artabra

Ultraneoliberalismo de libro. Así está a sanidade pública en Galiza (na realidade todo o que toca a Xunta). Ter a esta xente ós mandos do país lévanos ó sálvese quen poida. As esmolas con segundas de D. Amancio non computan, é filantropía interesada e falsa (qué non evadan cartos, paguen impostos conforme a ganancia...). O PP deste señor (ou Cs, ou o PsoE) son armas de destrucción masiva: 5 meses pra unha valoración fibroquística... 6 meses entre consultas psiquiátricas... Dependencia e discapacidade? Qué esperen, morrendo afórran cartos... Hai que botalos!

1 Gamela

Diálogo de xordos... non gracias! Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk