Compostela Aberta promete investir 20 millóns no rural

A formación de Martiño Noriega compromete 20 millóns de investimento no rural nos próximos oito anos e aposta por "lograr máis equilibrio" no territorio e por un "rural máis vivo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Investir 20 millóns de euros no rural no próximos oito anos, ao amparo do Pacto Rural impulsado pola Federación de Asociacións de Veciños do Rural, estender a rede de saneamento e abastecemento e continuar dotando ás parroquias de centros socio comunitarios cubertos son algunhas das propostas coas que Compostela Aberta concorre ás próximas eleccións municipais coa idea de "lograr máis equilibrio" no territorio e un "rural vivo".

COMPOSTELA ABERTA
COMPOSTELA ABERTA | Fonte: Europa Press

O concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, presentou este luns en Santiago as propostas programáticas de Compostela Aberta neste ámbito acompañado do número 16 na lista ás municipais, Graciela Carro. Durante a rolda de prensa, Carro asegurou que "só un goberno de Compostela Aberta garante que o rural siga recibindo os investimentos que necesita", xa que "ao longo deste catro anos fíxose un esforzo que nunca antes se fixo, destinando ás parroquias os máis de dous millóns de euros anuais dos Plans de Obras da Deputación da Coruña".

A maiores, Graciela Carro reivindicou que, nesta pasada lexislatura, incluíronse "outros proxectos importantes" para os veciños destas áreas, máis aló de "os asfaltados", como a dotación de equipamentos socio comunitarios e a organización de "actividades de empoderamento feminista", pasando por "partidas específicas do proxecto de Orzamentos Participativos".

"Compostela Aberta aposta claramente por un rural máis vivo, cun tecido socio comunitario fortalecido, no que se desenvolvan actividades culturais diversas e no que se impulsen medidas para pór en valor o tecido produtivo", dixo Graciela Otero.

PACTO RURAL

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Rural asegurou que "o déficit de investimentos nas parroquias nos últimos 20 anos obriga a comprometer agora un orzamento que sexa suficiente para paliar as carencias acumuladas".

No último mandato, explicou Peña, o goberno de Compostela Aberta destinou ao rural "os dous millóns e medio anuais dos Plans da Deputación, ademais de fondos propios" e o compromiso da formación, se reedita mandato, é investir "outros 20 millóns nas parroquias" rurais nun horizonte de oito anos. Ao amparo do Pacto Rural, o concelleiro evidenciou o seu desexo de "alcanzar un acordo coas outras administracións para afrontar actuacións tan necesarias como a humanización da estrada N-550".

Un dos "principais obxectivos" neste ámbito será "pór en marcha un plan para levar o abastecemento e o saneamento aos núcleos do rural que carecen destes servizos" e que "non poden seguir dependendo unicamente dos seus pozos privados" nun contexto de "seca" e de "contaminación de acuíferos".

Do mesmo xeito, Rafael Peña explicou que Compostela Aberta "seguirá dotando ao rural de espazos socio comunitarios cubertos", como os que están proxectados en Laraño ou Berdía, impulsará unha dotación de banda ancha nas parroquias mediante a colaboración coa Xunta, o Estado e as empresas operadoras e impulsará novas formas de actividade económica, principalmente relacionadas coa agricultura ecolóxica.

Rafael Peña explicou que o programa de Compostela Aberta tamén pasa por "seguir traballando para mellorar a seguridade peonil" nas estradas do ámbito rural, continuar coa renovación da iluminación, para "mellorar a súa calidade e eficiencia enerxética", e proceder á instalación de nova señalética.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta