Os servizos sociais en Galicia, por debaixo dos niveis da media española

O Índice DEC detecta "déficits" en servizos para maiores e unha "moi mala cobertura" residencial para persoas sen fogar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2019 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

Os servizos sociais teñen en Galicia unha "relevancia económica débil" e unha cobertura "aínda reducida en prestacións e servizos", a pesar do sistema normativo ben ordenado, en particular no ámbito das persoas sen fogar e os maiores, segundo determinan as conclusións do Índice DEC 2018, elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais.

Dependencia.
Dependencia.

Nas conclusións deste informe, os expertos determinan que o "principal desequilibrio" do sistema público de servizos en Galicia pode expresarse mediante a analoxía dos "dereitos de papel", é dicir, un sistema "ben ordenado" e con varios instrumentos normativos, pero que ten "unha relevancia económica débil" e unha cobertura "aínda reducida de prestacións e servizos".

O Índice DEC recolle que desde 2012 ata 2018 "se avanzou", aínda que "de forma lenta", cara a "un maior equilibrio do sistema" en Galicia, especialmente no eixo da relevancia económica e a cobertura, "o que suxire unha leve mellora da eficiencia".

Para a Asociación, Galicia "debe manter o crecemento dos seus servizos sociais ao ritmo, polo menos, dos dous últimos anos" de cara ao futuro, para o que é necesario que as administracións públicas "sigan incrementando os seus orzamentos" para "achegarse á media estatal en gasto por habitante".

PRIORIDADES

En canto ás prioridades, o informe insta a "mellorar a cobertura e dotación do Sistema de Rendas Mínimas de Inserción", que se atopa "moi por baixo da media estatal, beneficiando só ao 6,8% das persoas por baixo do limiar da pobreza na Comunidade", mentres que o dato estatal é do 8%.

Do mesmo xeito, apostan por "continuar incrementando a cobertura do sistema de atención á dependencia" e por "incrementar os servizos para persoas maiores, especialmente as prazas residenciais".

TENDENCIAS

Galicia, indica o Índice DEC, ocupa o posto número 12 na clasificación das Comunidades Autónomas con respecto ao desenvolvemento do Sistema Público de Servizos Sociais. Desde 2017, apuntan, rexistra unha evolución positiva fronte ao retroceso previo, aínda que non recuperou o nivel de 2012, establecen.

O maior incremento neste período dáse na ordenación do sistema, un apartado no que Galicia alcanza o nivel de excelencia.

En canto á relevancia económica, en 2018 rexistra unha "recuperación importante", aínda que está por baixo da media estatal en gasto por habitante e ano (332,78 euros en 2018, fronte aos 381,25 do Estado), porcentaxe do PIB autonómico que representa o investimento en servizos sociais (1,845%) e porcentaxe que supón sobre o gasto total consolidado das administracións públicas en Galicia (9,16%).

INDICADORES BAIXO A MEDIA

Na mesma liña, aínda que rexistra unha mellora na cobertura nos últimos anos, o informe apunta que moitos dos seus indicadores "seguen por baixo da media estatal".

Entre eles, destaca un "déficit en servizos para persoas maiores", cunha cobertura de 1,08% en prazas residenciais (2,47 en media estatal), 3,39% en axuda a domicilio (fronte a 4,2%) e 2,75% en teleasistencia (9,29%). Só ten mellor cobertura, explica o índice, en prazas de centros de día (1,21% de cobertura fronte a 1,09%) e en intensidade da axuda a domicilio, que supera as 29 horas mensuais.

Do mesmo xeito, o informe destaca que "é moi baixa a súa cobertura de prazas residenciais para persoas sen fogar", con 35,1 por cada 100.000 habitantes, cando a media estatal é de 62.

En Rendas Mínimas de Inserción, continúa o documento, a cobertura do 6,8% da poboación en risco de pobreza está por baixo da media estatal do 8%. En atención á dependencia, cunha cobertura do 7,75% da súa poboación potencialmente dependente, as cifras están por baixo da media estatal, aínda que a porcentaxe de desatención "se reduciu de maneira importante nos dous últimos anos", situándose por baixo da media do Estado.

Pola contra, o informe destaca positivamente a dotación das estruturas básicas de servizos sociais de ámbito local, cun profesional por cada 1.892 habitantes de media, mellor que a estatal, así como os servizos para persoas con discapacidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Prioridades do Sergas https://flic.kr/p/2fTD4vJ