A Policía alerta de grupos itinerantes dedicados aos "furtos amorosos" en Pontevedra e Marín

Os criminais diríxense ás vítimas tentando gañarse a súa confianza con algunha escusa, como a semellanza con algún familiar, consultar unha dirección, ou mesmo co ofrecemento de sexo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2019 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detectou de novo na cidade de Pontevedra, e tamén en Marín, a presenza de persoas de grupos itinerantes dedicadas aos "furtos amorosos" a persoas maiores. Os denunciados aproxímanse ás súas vítimas con diversas escusas co fin de gañarse a súa confianza e "así manter un contacto físico que lles permitise subtraerlles obxectos sen que se decatasen".

Coche da Policía Nacional. ARQUIVO
Coche da Policía Nacional. ARQUIVO

Estes individuos escollen as súas vítimas, principalmente persoas de avanzada idade portadoras de xoias e diríxense a elas tentando gañarse a súa confianza con algunha escusa, como a semellanza con algún familiar, consultar unha dirección, ou mesmo co ofrecemento de sexo.

Unha vez que xa crearon este primeiro vínculo, os autores establecen contacto físico coas súas vítimas e aproveitan para subtraerlles os obxectos de valor que leven enriba, indican as fontes policiais.

Na maioría dos casos, a Policía avisa de que as vítimas non se dan conta de que lles quitaron obxectos de valor ata que os presuntos autores marcharon do lugar, "chegando a pensar algunhas veces que se trataba dunha perda e non dunha subtracción", sinala.

Estes individuos divídense en equipos de traballo constituídos por un condutor, xeralmente home, que se encarga do transporte, localización das vítimas e facilitar a fuxida e polo menos dúas mulleres encargadas de cometer directamente a subtracción.

DENUNCIAS

Esta semana presentáronse dúas denuncias na Comisaría Provincial de Pontevedra, indica a Policía. Nelas, un home de 83 anos de idade denunciou a subtracción dun cordón de ouro de gran valor.

O home foi abordado por unha muller nova que "se mostrou moi cariñosa e dicíalle que se parecía moito ao seu avó", relata a Policía, dándolle unha aperta, tras irse do lugar a vítima decatouse de que lle subtraeron o cordón de ouro valorado en 1.500 euros.

Na outra denuncia unha muller de 72 anos de idade explicou que a presunta autora achegouse dicíndolle o mesmo, que lle lembraba á súa avoa e deulle unha aperta, momento no que lle subtraeu unha cadea de ouro.

En Marín hai tamén unha denuncia interposta por un home de 80 anos na que relata que unha moza lle abordou para pedirlle roupa vella que non usase para colaborar coa xente necesitada. El mostrouse colaborador e a moza agradeceullo agarrándolle as mans e dándolle de forma reiterada as grazas.

Ao entrar no portal da súa vivenda decatouse de que lle faltaba da man o reloxo valorado en máis de 2.000 euros. En ambos os casos a presunta autora é unha muller nova "con boa aparencia", concreta a Policía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta