Denuncian a colocación de propaganda electoral en Touro usando a empresa de mantemento eléctrico municipal

Galicia Confidencial recibiu unhas imaxes nas que se ven dous operarios da empresa Electricidad Lorenzo, colocando unha pancarta co lema “Vota PP”, na rúa principal de Touro. O alcalde da localidade confirma as imaes. "Foi porque lles paguei eu para facelo", asegura.

Por Galicia Confidencial | Touro | 20/05/2019 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

Un vídeo achegado á redacción de Galicia Confidencial ofrece imaxes da colocación dunha pancarta electoral nunha rúa. Segundo fontes consultadas, serían empregados da empresa Electricad Lorenzo, contratada para o mantemento do alumeado público no Concello de Touro. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido respondeu a este medio que este punto é certo e ademais “págolles eu para que ma poñan (a pancarta)”. Ignacio Codesido respondeu ademais que “tamén lles pago a uns chavales para colocaren carteis, non os poño eu”. “Hai quen contrata unha empresa, eu págolles e non teño outro problema”.

Colocación dunha pancarta electoral en Touro
Colocación dunha pancarta electoral en Touro | Fonte: Cedida

Pola súa banda, fontes da empresa Electridad Lorenzo declararon que “fixémolo nós porque somos do Partido Popular, sen cobrar nada”. Ante estas declaracións, o alcalde de Touro declarou que “a miña intención é pagarlles que non quero deberlles favores a ninguén, se son militantes ou non, niso non me meto”.

“Somos do PP, militantes do PP” responde da empresa, que ademais engaden “preguntaron, quen pode poñer isto?, dixemos que nós por termos a escada para facelo, unha escada profesional das que di a lei”. Sobre se podería haber un accidente durante a colocación da pancarta, a resposta foi “si, poder pode pasar tamén, mais somos militantes e decidimos colocarmos as pancartas”.

Desde a empresa comentaron que levan a contrata do mantenemento eléctrico, unha contrata que se renovaría cada dous anos. “Este ano acabamos e entrará outro, sairá a subasta e virá outra empresa”, remarcan.

Sobre por que a empresa está colocando a pancarta, Codesido responde “teñen uns medios que non temos nós, teñen unha escada propia e legal para facer este tipo de traballos”. Preguntado sobre canto lle cobrarían, se acaso un prezo simbólico, o rexedor de Touro declarou “pois non sei, cincuenta ou cen euros, non lles preguntei, foron tres bandeirolas”.

“Dá igual quen os colgara, se os colgo eu, porque os colgo eu e se as colga outra persoa porque é outra persoa” responde Codesido cando se lle pregunta polas motivacións detrás da gravación das imaxes. “Que non se dediquen a gravar á xente que teñen moito que facer na súa casa, que non vixilen aos que traballan, que polo menos traballan”, remarca o alcalde de Touro.  “Se a empresa di que non cobran por facer isto, polo menos vounos chamar para darlles as gracias polo menos, pero eu díxenlles que me cobre” di Ignacio Codesido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cacicadas variadas

Este será un exemplos d moitos outros q non se saben.

1 Maréome

Manda carallo!! Que escandalo!!