As exportacións caen un 2,3% en marzo en Galicia e as importacións aumentan un 12,6%

Exportamos máis barcos pero importamos máis co combustibles e aceites minerais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

As exportacións diminuíron un 2,3% en marzo en Galicia respecto ao mesmo mes de 2018, mentres que as importacións aumentaron un 12,6%, segundo datos que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En taxa intertrimestral, no primeiro trimestre respecto ao último do ano pasado, as exportacións baixaron un 9,5% e as importacións subiron un 14,3%. Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións de marzo foron os barcos e embarcacións que, cun peso do 2,8% sobre o total das exportacións galegas e unha taxa de variación do 609,5% con respecto a marzo de 2018, repercuten en 2,4 puntos na taxa de variación.

Seguíronlle os aparellos e material eléctrico (1,3 puntos). Pola contra, os produtos con máis impacto negativo nas exportacións de marzo foron os vehículos automóbiles e tractores (-3,5 puntos), que supoñen o 22,1% das exportacións galegas neste mes. A continuación situáronse os produtos de fundición, ferro e aceiro (-1,4 puntos).

No que vai de 2019, as vendas ao exterior de aparellos e material eléctrico son as que inflúen de forma máis positiva no comportamento das exportacións (1,2 puntos), mentres que as influencias máis negativas no total corresponden ás exportacións de pezas de vestir non de punto (-5,1 puntos).

En canto ás importacións, os produtos que máis positivamente influíron en marzo foron os combustibles e aceites minerais, que representan o 15,3% e achegan 2,8 puntos á taxa de variación das importacións.

Destacan tamén as máquinas e aparellos mecánicos, con 2,7 puntos, e as pezas de vestir non de punto (2,1 puntos). Pola contra, as maiores repercusións negativas áchanse en peixes, crustáceos e moluscos, que, cun peso do 9,2% sobre o total das importacións, repercuten en -0,4 puntos. A continuación figuran os vehículos automóbiles e tractores, con -0,3 puntos.

No que vai de ano, os vehículos automóbiles e tractores, con 3,8 puntos, representan a maior achega positiva á variación total e as graxas, aceite animal e vexetal, a maior negativa (-0,4 puntos).

O peso de Galicia no conxunto de España, en marzo de 2019, ascende ao 7,3% no total de exportacións e ao 5,8% nas importacións, e presenta unhas taxas de variación interanual do -2,3% e do 12,6%, respectivamente.

Colectores Maersk porto de Vigo. PORTO DE VIGO - Arquivo
Colectores Maersk porto de Vigo. PORTO DE VIGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta