Compostela Aberta promete un novo modelo de xestión de lixo que situará Santiago "na vangarda europea"

O obxectivo é "recuperar o 55 por cento" do lixo que se xera na cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Compostela Aberta asegurou que o novo modelo de xestión de residuos situará a capital galega "na vangarda dos sistemas de recollida de lixos a nivel europeo" e que suporá "un cambio radical no tratamento de desperdicios" en Santiago co obxectivo de "recuperar o 55 por cento" do lixo que se xera. Así o indicaron o actual edil de Medio Ambiente, Xan Duro e o alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega.

Martiño Noriega e Xan Duro
Martiño Noriega e Xan Duro | Fonte: Europa Press

O rexedor santiagués apuntou que neste mandato que agora conclúe, o seu goberno "deixou os pregos elaborados e sometidos a consulta pública ao mercado", o que permitirá "iniciar" proximamente a licitación do novo contrato do sistema de recollida de lixos.

Segundo Noriega, este contrato está marcado pola introdución de cambios lexislativos como a nova lei de contratos do sector público que entrou en vigor en 2017, así como a nova directiva europea sobre residuos aprobada no verán de 2018 e que afecta directamente os concellos.

"Santiago vai ser, coa Coruña, a única cidade galega que cumpra coa obriga imposta desde o Estado para que os concellos de máis de 5.000 habitantes traten de forma separada os residuos orgánicos antes de que termine o ano 2020", destacou o candidato á Alcaldía pola marea santiaguesa.

Así as cousas, o modelo, exposto por Xan Duro, que ocupa o número sete da lista de CA para as eleccións locais, "suporá un importante cambio na forma na que os veciños tratan o lixo que xeran".

E é que a compostaxe será, segundo Duro, un dos alicerces do novo sistema porque así o marca a normativa comunitaria que obriga aos concellos a "recuperar o 55% do lixo que xeran".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta