Temas: FRASEOLOXíA

“Saír do cosco” ou “saír da casca”, equivalentes, entre outras varias, á castelá “salir del cascarón”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 26/05/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestarmos que unha persoa adquiriu a experiencia ou madureza que consideramos axeitadas ou que entendemos que debería posuír, nomeadamente porque xa abandonou a protección de alguén e se tivo que enfrontar por si ás vivencias que lle confiren a dita experiencia ou madureza (así como tamén para darmos a entender, na súa enunciación negativa –que probablemente sexa a máis utilizada–, que inda non as adquiriu, sobre todo por non abandonar aínda a protección de alguén e non se ter que enfrontar por si mesma ás vivencias que lle corresponderían), resulta frecuente que escoitemos dicir que xa saíu (ou que inda non saíu, en negativo) do cascarón. Por extensión do seu significado primixenio, esta mesma expresión tamén pode manifestar que alguén perdeu (ou inda non perdeu, na súa enunciación negativa) a timidez, vergonza ou retraemento que lle impiden sacar á luz o seu verdadeiro potencial, competencia ou habilidades.

Quebranoces de Armaior
Quebranoces de Armaior

Dado que a voz cascarón é allea ó galego (a palabra galega equivalente é casca, tamén susceptible de ser empregada no caso da locución casca de noz, que se viría a corresponder co castelán cascarón de nuez [DRAE: “Embarcación pequeña y frágil para el uso a que se destina”]), resulta obvio que nos atopamos ante unha construción espuria e non admisible. Non obstante, e tal e como ocorre en tantas ocasións, na nosa lingua dispomos de locucións equivalentes, como imos poder comprobar deseguida:

(Todavía no) Salir del cascarón # Romper el cascarón

{= 1. (Inda non) Adquirir unha persoa –ou mesmo unha entidade– independencia, experiencia ou madureza, nomeadamente por (non) abandonar a protección de alguén e (non) ter que enfrontarse por si mesma ós problemas, dificultades, etc. –ou, en definitiva, ás vivencias– que lle corresponderían. 2. Por extensión, (inda non) perder unha persoa –ou mesmo unha entidade– a timidez, vergonza ou retraemento que lle impiden sacar á luz o seu verdadeiro potencial, competencia ou habilidades.}

(Inda non) Saír do cosco

(Inda non) Saír da casca

Ex. (acepc. 1): No se le puede pedir que reaccione como una persona madura ante este tipo de situaciones, que solo tiene quince años y, como quien dice, todavía no ha salido del cascarón.

Non se lle pode pedir que reaccione coma unha persoa entrega perante este tipo de situacións, que só ten quince anos e, coma quen di, inda non saíu do coscoinda non saíu da casca.

Ex. (acepc. 2): Por fin el chaval salió del cascarón y nos ofreció un partido acorde a lo que los técnicos y afición esperan de él.

Por fin o rapaz saíu do coscosaíu da casca e nos ofreceu un partido acorde co que os técnicos e a afección agardan del.

● Tamén:

(Inda non) Saír da cinza && (Inda non) Sacar # Botar os corniños ó sol && (Inda non) Saír do(s) cueiro(s)

● Tamén, normalmente asociadas a rexistros ou ámbitos de uso máis populares e familiares:

(Inda non) Caerlle a casca do cu # a cagalla do cu && (Inda non) Cheirar o cortello

Ex. (acepc. 1): Non se lle pode pedir que reaccione coma unha persoa entrega perante este tipo de situacións, que só ten quince anos e, coma quen di, inda non saíu da cinzainda non sacou os corniños ó solinda non lle caeu a casca do cuinda non cheirou o cortello.

Ex. (acepc. 2): Por fin o rapaz saíu da cinzaPor fin o rapaz botou os corniños ó solPor fin ó rapaz lle caeu a casca do cu e nos ofreceu un partido acorde co que os técnicos e a afección agardan del.

● Tamén, mais só para aqueles casos en que se dá a entender a falta de experiencia ou de madureza:

Ter aínda o leite nos beizos && Andar aínda co leite nos beizos && Mamar aínda o leite && [E, PROBABLEMENTE ASOCIADAS A REXISTROS MÁIS FAMILIARES E POPULARES]: Ter aínda o cascabel no cu && Ter (aínda) a casca de ovo pegada no cu && Ter (aínda) a cueira detrás da porta && Ter (aínda) o cu preso á casca de ovo && Andar (aínda) coa cagalla no cu && Voar (aínda) coa casca de ovo pegada no cu

APUNTAMENTO:

Nótese que nestes casos, para dar a entender que xa se adquiriu a madureza ou experiencia axeitadas habería que, en función dos contextos, optar basicamente (entre algunha outra) por unha das seguintes opcións:

a) Mudar o adverbio aínda (ou a súa variante inda) polo adverbio xa, acompañado da partícula negativa non: Non ter xa o leite nos beizos && Non mamar xa leite && Non ter xa o cascabel no cu && Non ter xa o cu preso á casca de ovo && Non ter xa a cagalla no cu && Non voar xa coa casca de ovo pegada no cu.

b) Antepoñer a secuencia deixar (xa) de ás expresións indicadas: Deixar (xa) de ter o leite nos beizos && Deixar (xa) de andar co leite nos beizos && Deixar (xa) de mamar leite && Deixar (xa) de ter o cascabel no cu && Deixar (xa) de ter o cu preso á casca de ovo && Deixar (xa) de ter a cagalla no cu && Deixar (xa) de voar xa coa casca de ovo pegada no cu.

Ex.: Non se lle pode pedir que reaccione coma unha persoa entrega perante este tipo de situacións, que só ten quince anos e, coma quen di, ten aínda o leite nos beizosanda aínda co leite nos beizosmama aínda o leiteten aínda o cascabel no cuten aínda o cu preso á casca de ovoanda aínda coa cagalla no cuvoa aínda coa casca de ovo pegada no cu.

Ex.: Por fin o rapaz deixou (xa) de ter o leite nos beizosdeixou (xa) de andar co leite nos beizosdeixou (xa) de mamar leitedeixou (xa) de ter o cascabel no cudeixou (xa) de ter a cagalla no cudeixou (xa) de voar coa casca de ovo pegada no cu e nos ofreceu un partido acordo co que os técnicos e a afección agardan del.

NOTAS:

1. Facemos a seguir unha sucinta lembranza de certo léxico que se recolle neste artigo e que, se callar, resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Cosco (DRAG): substantivo masculino 1. Folla que recobre a mazaroca do millo. Antigamente os xergóns facíanse con cosco. Sinóns.: caracocha, caroca, carocha, carrupa, concho, coucho, croucho, cuncho, follada, follato, follo. 2. Envoltura que recobre o froito dos cereais, os legumes, a liñaza e outros froitos como a castaña. Bota os coscos dos chícharos nese cesto. Sinóns.: casula, casullo, casulo,vaíña. Coce as castañas sen cosco. Sinóns.: carapa, carapela, casca, monda, para, paraza, pel, pela, peladura, peleca, pelica, plana, tona. 3. Enfermidade que ataca os cereais. Hai que airear o trigo para que non lle veña o cosco. 4. Caracol terrestre. Miña nai ten unha receita especial para os coscos. Sinón.: cascarolo. ► FRASES E EXPRESIÓNS CON cosco: Saír do cosco Deixar de ser tímido e inexperto. Aínda mal saíu do cosco e xa quere andar de noite. [ENTENDEMOS QUE PARA ENTENDERMOS A ORIXE DA FRASE FEITA REFLECTIDA NO PRESENTE ARTIGO HABERÁ QUE PARTIR DA ACEPCIÓN NÚMERO 2, OU, EN TODO CASO, DA NÚMERO 1.]

Casca (DRAG): substantivo feminino 1. Cuberta exterior máis ou menos dura de certas cousas, como a do ovo e a dalgúns froitos ou sementes. A casca do ovo rompe facilmente. O quebranoces serve para romperlle a casca á noz. 2. Cuberta exterior máis ou menos grosa, dalgúns froitos como o plátano, a laranxa, a castaña, a mazá, a pera etc. Esvarou nunha casca de plátano. Castañas cocidas coa casca. Sinóns.: cacha, carapa, carapela, monda, para, paraza, pel, pela, peladura, peleca, pelica, plana, tona. 3. Capa exterior das árbores. A casca do piñeiro. Sinóns.: paraza, tona. Confróntese: cortiza. 4. Esqueleto externo dos crustáceos. A casca do marisco.

Cueiro (DRAG): substantivo masculino Peza de lenzo, algodón ou celulosa absorbente, que se coloca coma unha braga e que se lles pon aos nenos pequenos ou as persoas con problemas de incontinencia. Cambiarlle o cueiro ao neno. [TRÁTASE, COMO FACILMENTE SE PODE DEDUCIR, DA VOZ GALEGA EQUIVALENTE Á CASTELÁ *PAÑAL].

Cagalla (DRAG): substantivo feminino Porción de excremento sólido de pequeno tamaño dalgúns animais, como a ovella, a cabra, o coello etc.. As cabras deixaron o carreiro estrado de cagallas. Sinón.: cagalleira.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXVI/80, pp. 287-306. Ano 1971.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta