A CIG denuncia a sobrecarga laboral nos xulgados de Arzúa con máis de cen demandas sen abrir

Apuntan un exceso de carga de traballo derivada da peculiaridade do Partido Xudicial, que conta con cinco residencias e un sanatorio psiquiátrico, que fan aumentar os expedientes e demandas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2019 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A CIG-Xustiza apunta a actual situación do xulgado da vila de Arzú como “saturación”. Segundo o sindicato, en parte débese a que só hai un xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único, “saturado desde hai anos pola falta de persoal e de medios materiais”. Así, sinalan que durante o “primeiro trimestre de 2019 había 109 demandas pendentes de incoar e 523 escritos pendentes de prover”. Desta maneira, a central sindical demanda medidas urxentes para reforzar “tanto con medios humanos como materiais este xulgado”. Tamén apuntan que estas medidas solicitadas “foron defendidas mesmo pola Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, profesionais da avogacía, da procuradoría e o propio concello de Arzúa”.

Estado dos xulgados de Arzúa
Estado dos xulgados de Arzúa | Fonte: CIG

Segundo explica o representante da CIG Antón Ayaso, “o xulgado está servido por unha xuíza, un Letrado da Administración de Xustiza, dúas funcionarias do Corpo de Xestión Procesual e Administrativa, tres funcionarias do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa e un funcionario do Corpo de Auxilio Xudicial”. O feito de que só exista un xulgado en Arzúa, segundo describe Ayaso, estas dependencias xudiciais están “de garda todos os días do ano, desenvolvendo funcións civís, penais, de violencia sobre a muller e Rexistro Civil ou atención cidadá”.

Outro punto máis a ter en conta para a CIG “é o notable exceso de carga de traballo derivada da peculiaridade do Partido Xudicial, que conta con cinco residencias e un sanatorio psiquiátrico”. Esta peculiaridade “provoca que entren a trámite multitude de expedientes de incapacidade, tutelas e internamentos dos cales se derivan seguimentos ao longo dos anos”. Esta situación afecta a un colectivo extremadamente vulnerable”, explica Antón Ayaso, que engade: “isto vai ir a máis polo cada vez maior envellecemento da poboación”.

CAMBIO DE TITULAR

Xunto a esta  carga de traballo habería engádese ademais que a xuíza titular trasladarase en breve, “co cal hai que facer un alarde xudicial que consiste en revisar todos os asuntos vivos do xulgado polo miúdo. Requisito obrigado cada vez que se cambia de titular” apunta Ayaso. A isto súmase a xubilación dun dos funcionarios este ano o que previsiblemente virá acompañado dun período de baleiro da praza mentres non se lle dea cobertura e a adaptación.

Desde a CIG lembran que a situación non é de agora senón que vén desde hai anos e que os titulares do Xulgado veñen solicitando reforzos desde o ano 2017. “Necesitan de forma perentoria un funcionario do corpo de Auxilio Xudicial e outro de Tramitación Procesual e Administrativa”. Xunto a isto, para un primeiro momento, precisan tamén un reforzo en forma de prolongación de xornada. Esta demanda sería para compensar o traballo desinteresado que veñen facendo a maiores as traballadoras “sen contar ata o de agora con recoñecemento algún por parte da administración”.

Sobre medios materiais, Antón Ayaso sinala a necesidade de cuestións tan básicas “como cadeiras, armarios axeitados para os expedientes, porque de momento a única das peticións que se atendeu foi a de instalarlles recentemente o sistema Fidelius de Gravacións de Vistas, Audiencias e Comparecencias, do que até hai nada tamén carecían”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta