Temas: ELECCIóNS

Estes son os tránsfugas das eleccións municipais

Varios alcaldes e ex-rexedores mudaron de partido para volver presentarse nestas municipais. As escisións do PSOE en Lugo e Ourense fan xurdir 13 novas listas, mentres que Ciudadanos e Vox centraron as súas 'fichaxes' no PP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2019 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

As listas presentadas polos partidos para as eleccións municipais do próximo 26 de maio confirman que practicamente todas as grandes formacións botan man de edís e mesmo ex-alcaldes que nalgún momento da súa carreira política, ou mesmo durante esta última lexislatura, representaron a outras siglas. Máis concretamente, nestes comicios hai un total de oito ex-rexedores galegos que se cambian de formación para volver ostentar o bastón de mando. O maior número destes casos atópase na provincia de Ourense.

Votación
Votación | Fonte: Europa Press

Un dos máis soados foi o do ex-secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, quen anunciou este ano a súa baixa do partido e a creación de Espazo Común. Con esta iniciativa, o 26M buscará volver á Alcaldía do Carballiño, onde gobernou entre 1995 e 2005.

Ademais de en este municipio, Espazo Común preséntase noutros sete concellos ourensáns e en Tordoia (A Coruña). Xunto a Vázquez incorpóranse a este proxecto a ex-edila socialista na capital provincial María Quintas, que será número dous á cidade das Burgas, e o ex-portavoz na Deputación, Francisco Fraga, quen encabeza a lista en Piñor.

Parecido é o caso do ex-vicepresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez --cuxas diferenzas co presidente, o socialista Darío Campos, derivaron na súa expulsión do goberno provincial--, quen fundou para o 26M a marca Galicia Sempre, con candidaturas en Becerreá, Lugo, Meira, Sarria e Burela.

En canto a 'fichaxes' do PP, unha das súas últimas incorporacións na provincia de Ourense foi a alcaldesa socialista de Parada do Sil, Yolanda Jácome, quen en 2015 se estreou como primeira rexedora muller deste concello.

Pero este movemento cara ás filas populares non é exclusivo destas eleccións, posto que xa para as de 2015 uníronse ao PP o alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, que era rexedor desde 2007 como independente pero co PSOE; e a da Bola, Teresa Barge, que deu o salto desde o BNG xunto con algúns membros da súa lista.

No entanto, non só os populares inclúen nas súas candidaturas a rexedores que o foron anteriormente por outros partidos, xa que o PSOE de Maceda sitúa como número uno da súa lista a Xabier Oviedo Rodríguez, quen gobernara o municipio entre 2007 e 2015 co BNG e, ademais, era militante de Compromiso por Galicia (CxG). Esta situación xerou un conflito entre a dirección socialista local, que apoiaba a Ana María Rodríguez como candidata, e a provincial, que apoiou ao exnacionalista.

'FICHAXES' DE CIUDADANOS

Nesta mesma provincia tamén son significativos as 'fichaxes' de Ciudadanos á conta do PP. O que fora portavoz popular no Concello da capital provincial, José Araújo, figura agora como número un do partido laranxa na cidade, mentres que outra ex-concelleira, Isabel Castelo, aparece como última da lista. Doutra banda, a ex-deputada provincial do PP Montse Lama será a candidata por Ciudadanos en Xinzo.

Á parte destes saltos entre lexislaturas consecutivas, tamén hai ex-rexedores que volven á política anos despois de deixala e en representación doutros partidos. Este é o caso de Juan Miguel Diz Guedes, quen fora conselleiro na Xunta con Manuel Fraga e agora será candidato do partido de Albert Rivera en Tui, onde xa foi alcalde entre 1987 e 1990.

Un retorno parecido realiza a que foforase alcaldesa de Sanxenxo co PP entre 2006 e 2015, Catalina González Bea, que agora encabeza o seu novo proxecto, Xuntos por Sanxenxo, despois de abandonar as filas populares o pasado mes de xaneiro.

No entanto, tamén se producen movementos en dirección contraria, dado que o alcalde de Chantada (Lugo), Manuel Lorenzo Varela, volve presentarse polo PP despois de deixalo en 2008 para fundar Independentes de Terras do Asma (INTA), formación coa que gobernou o municipio desde 2011. Ademais, acaba de ser elixido senador nos comicios do 28 de abril cos populares.

Mentres tanto, o alcalde de Vimianzo (A Coruña), Manuel Antelo, quen fora elixido en 2015 polo BNG con maioría absoluta, decidiu en 2016 abandonar esta formación. No entanto, nos comicios de 2019 presentarase á reelección, pero esta vez como cabeza de lista de Adiante Vimianzo, formación que cualifica como "nacionalista" e "de esquerdas" pero que rexeita incluír en calquera outro partido de ámbito autonómico.

OUTROS EDÍS QUE CAMBIAN DE SIGLAS

Estes saltos e traspasos tamén acontecen na provincia de Pontevedra. Na capital, a que fora candidata polo PSOE nas municipais de 2007, Teresa Casal, é agora o número dous por Marea de Pontevedra.

Así mesmo, en Baiona, a tenente de alcalde co PP nesta recentemente terminada lexislatura, María Iglesias, será a candidata por Vox no municipio. Tamén en Santiago de Compostela o partido de Santiago Abascal atopou nas filas populares un nome para incluír nas súas listas. Trátase do número 11 de Agustín Hernández en 2015, Luís Javier Boo Feijóo, quen será agora o terceiro por Vox.

En Ourense cidade, o rexedor popular, Jesús Vázquez, anunciou o pasado febreiro que o seu número dous para revalidar o seu cargo o 26M sería o empresario e ex-secretario xeral de Xuventudes Socialistas (XX.SS.) --sección xuvenil do PSOE-- Santiago Rodríguez.

Por parte de Ciudadanos, o seu candidato á Alcaldía de Ferrol, Alejandro Langtry, foi o nove do PP nos anteriores comicios, aínda que non logrou a acta de concelleira.

RETORNOS CO MESMO PARTIDO

Máis aló destes cambios de partido, tamén hai antigos rexedores que volven figurar nas listas polo partido co que no seu momento chegaron ao poder.

O caso máis representativo é o do candidato do PSOE á Alcaldía da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, que volve nestes comicios despois de ser alcalde entre 1998 e 2011, un total de trece anos.

Máis anecdótica é a volta do que fose entre 2005 e 2009 vicepresidente da Xunta e alcalde de Allariz entre 1989 e 2000, o nacionalista Anxo Quintana, tras anunciar en 2016 que se daba de baixa do BNG. Agora, nestes comicios municipais de 2019, volverá figurar nunha lista polo Bloque aínda que máis ben de forma simbólica, xa que ocupa no último lugar da candidatura de Cristina Cid.

Temas: ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 OPiloto

O de Chantada é o pinchacarneiro oportunista máis revirado dos últimos tempos. E logo vai e declara que realmente nunca se fora do PP... Agora que é senador en Madrid (onde o PSOE ten maioría... non ía facer nada, a súa especialidade xunto coa de votar en contra dos seus veciños coma no caso do canon eléctrico e ir ós tanatorios dar pésames) volta ó partido máis corrupto e condenado de Europa para tentar regalarlle ó Frijol a Deputación de Lugo. Primeiro no PP (Chantada á cola de toda a provincia), logo vaise porque o PP é malo con Chantada (golpe de estado no concello para caciquear a gusto e deixando a Chantada aínda pior), logo volta ó PP que era malo con Chantada (pero agora vai ser mellor, promete o Frijol no mitin...). Un lince iste "ti vai facendo" profesional. Pero se nen os do PP de Chantada poden velo...

1 xacobe

En Rodeiro pasa o mesmo coa lista do Bng que para tapar o pouco que fixo e o ben que se leva co alcalde apresenta unha diferente.