Instagram, a nova ferramenta dos millenials para falar ou denunciar aos caseiros

"Querido Caseiro" é un perfil de Instagram no que os inquilinos poden contar, de xeito anónimo, as súas malas experiencias cos caseiros. A conta leva dúas semanas aberta e está tendo unha moi boa aceptación. Para os seus administadores isto "dá boa conta de como están as cousas".

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O consumo de redes sociais en España fai anos que está totalmente normalizado. Para a poboación é a primeira forma de comunicarse coas xente que coñece e unha das formas máis habituais para informarse. Os medios de comunicación tradicionais víronse na obriga de adaptarse ao seus linguaxes, do mesmo xeito que as plataformas reivindicativas. Querido Caseiro (@queridocaseiro) é un perfil de Instagram onde os usuarios poden anonimamente denunciar as situacións que viviron nos pisos nos que estiveron alugados. Alí pódense atopar historias do máis curioso e, en moitas ocasións, tamén indignantes.

Vivendas en venda. EUROPA PRESS - Arquivo
Vivendas en venda. EUROPA PRESS - Arquivo

“Querido Caseiro xorde a partir da experiencia persoal da xente que estamos a levar a conta, a nós tamén nos pasaron cousas similares”, explica un dos administradores. “Actualmente o perfil funciona como forma de visibilizar o problema e tamén para crear comunidade en torno a el. Ademais, explica que a súa intención é ser un continuador espiritual doutras contas como Chapuzas USC, que expón as problemáticas estruturais da Universidade de Santiago ou Trabajos Ruineros, que fai unha función similar a Querido Caseiro pero no ámbito laboral e a nivel estatal.

A conta case acadou os 500 seguidores nas dúas semanas que ten de vida e os seus administradores aseguran que chegaron entre 25 e 30 historias diferentes. “Esta aceptación dá boa conta de como están as cousas”, afirman. Por outra banda, consideran “fundamental” o ton desenfadado que teñen á hora de expoñer as problemáticas. “Xente que ao mellor rexeita a organización ao uso ou que non quere estar nun sindicato tíranlle máis cousas de este tipo”.

Respecto ao público, “é maioritariamente universitario porque houbo moito boca a boca entre eles e fundamentalmente de Santiago de Compostela”. Aínda que tamén teñen seguidores que nada teñen que ver co académico e lles chegaron historias doutras partes de Galicia. “O problema dos alugueres non se debe vincular só co estudantado, isto segue sucedendo máis adiante, aínda que si que lles toca un reverso máis escuro en ocasións porque os caseiros se aproveitan de que non coñecen os seus dereitos como inquilino”, indican. “E isto non é unha crítica aos estudantes, senón ao sistema educativo que non os forma neste sentido. Porque moitas das cousas das que se queixan poderían acabar perfectamente nos tribunais”, aclaran.

Para as persoas que administran Querido Caseiro, o perfil dos mesmos é en moitas ocasións “persoas que teñen varios pisos e que fixeron cartas a base de enganar aos seus inquilinos de diversas formas”. En canto ao futuro da conta, nun futuro próximo van intentar dotala de contido informativo respecto aos dereitos que posúen os inquilinos. “Queremos axudar á xente porque a nós tamén nos aconteceron eras problemáticas”, explican.

Logo de Querido Caseiro
Logo de Querido Caseiro | Fonte: @queridocaseiro

“MEDROU MOFO NEGRO ATA NOS MEDICAMENTOS”

Manuel Núñez é unha das persoas que mandaron a súa historia a Querido Caseiro. “O meu antigo piso non tiña toma de terra e nos podiamos electrocutar en calquera momento. Ademais, unha porta non pechaba e veu o caseiro a arranxalo el mesmo cunha caladora, o resultado foi que se atascou o váter”. Decidiu compartilo porque aínda que considera “que só facendo iso non se vai lograr nada, é importante darlle publicidade ao problema porque a moita da xente que coñezo lle pasan casos similares. Os pisos dan noxo”, asevera.

El é estudante en Santiago de Compostela e indica que nesa cidade ·todos os pisos “teñen unha gran humidade e son moi fríos”. Coincide con el María Mancebo, outra das persoas que escribiron a Querido Caseiro e tamén estudante na capital galega. “Levo dous anos vivindo de alugueiro e xa pasei por tres pisos diferentes. Nun aconteceu un problema moi grande de goteiras que non me quixeron solucionar e no segundo a humidade era tal que medraba mofo negro en todos os lugares: dende os colchóns ata os medicamentos”, lembra Mancebo. “Ademais había unhas temperaturas terribles, alí non se podía vivir”.

No piso onde vive agora soamente leva uns meses e xa tivo dúas fugas de gas. “O único que nos din a caseira ao respecto é que limpemos ben o forno”, quéixase. Tamén comenta que se estragou a lavadora e que “non é que non a queira cambiar, é que nos dixo explicitamente que tiñamos que mercar nós unha nova”. Para ela a situación é alarmante: “Parece que os universitarios non necesitamos a mesma calidade de vida que as demais persoas”.

Dende Querido Caseiro, sinalan que as dúas historias que máis lle chamaron a atención é unha “na que a caseira entraba sistematicamente no piso para ver como estaban as cousas e se algo estaba sucio ía rompendo esa louza, tamén outra en Teo que rematou con ameaza de aos tribunais”. Comentan que as temáticas máis habituais son problemas na excisión do contrato ou danos produto do uso normal do piso dos que o caseiro non se quere facer cargo.

FALTA DE INFORMACIÓN

Pola súa banda, Núñez considera que un dos maiores problemas que teñen os inquilinos é non coñecer as accións que poden emprender se hai algún tipo de incidencia co caseiro. “Eu non as sei nin as persoas que coñezo tampouco, non temos información na man para saber que facer nin tan sequera se caseiro quere botarnos na casa”, laméntase

Mancebo non tivo outra que formarse por si mesma: “Despois de tantos problemas, unha se vai informando pouco a pouco. O problema que vexo é que hai unha gran diferencia dos contratos entre si, ademais que moitos dos pisos onde vivimos non están declarados e as fianzas non se depositan no Instituto Galego da Vivenda, como debería ser. Precisamente uns dos problemas que tiven tamén é que nos reclamaron facturas dúas veces porque non hai constancia legal de pagalas.”, explica.

Polo mesmo camiño vai Adolfo Telmo, membro da PAH Vigo. “A lei non contempla uns requirimentos estándar para os contratos, polo que nos atopamos con algúns que son demasiado restritivos”, afirma. “Ademais atopámonos nunha situación onde máis do 40% dos pisos están sen declarar”. Tamén sinala que Galicia “lonxe do que se adoita a pensar”, está por encima da media estatal no alugueiro de pisos turísticos “e esa vivenda nunca volve ao mercado do aluguer de novo”.

Tamén comenta que en Vigo estase a dar pulo ao Sindicato de Inquilinas, “que non ten vinculación orgánica coa PAH, pero que algún dos seus membros acoden a título individual”, unha solución colectiva “ante problemáticas que non se poden solucionar individualmente”. Telmo sinala tamén que os alugueiros están a aumentar notablemente o seu prezo. “Por exemplo, No barrio vigués de Coia fai un par de anos o prezo medio era de 300 euros e agora é de 700, a verdade é que está todo bastante mal”, laméntase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta