Pontón chama a agrupar todo o voto "de esquerdas, inconformista e rebelde" no BNG

"Somos o freo a esa dereita reaccionaria que só goberna para os amigos e os intereses dos especuladores", di Seara.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón chamou a aglutinar todo o voto "nacionalista, de esquerdas, inconformista e rebelde" na candidatura do BNG o vindeiro domingo, 26 de maio. Con estas palabras pediu que "toda a corrente de simpatía cara ao BNG" se traduza nunha mobilización masiva ás urnas. Así o expresou en Ourense durante un acto electoral no centro da cidade no que tamén participaron o candidato á alcaldía, Luís Seara xunto con militantes e simpatizantes.

Ana Pontón en Ourense
Ana Pontón en Ourense | Fonte: Europa Press

"Para facer fronte á parálise na que a cidade estivo sumida durante catro anos é necesario que o BNG volva con forza á corporación municipal", manifestou.

Para facer fronte a un goberno e oposición que "non estivo á altura", Pontón chamou a "apostar polo proxecto renovado e ilusionante do BNG". Neste contexto, Ana Pontón puxo como exemplo o que o BNG fai noutras vilas e cidades.

"Alá onde estamos conseguimos dinamismo económico, pulo social, mellorar a vida das persoas e facer avanzar o pequeno comercio", subliñou.

FIN AO BALTARISMO

Pola súa banda, o candidato á alcaldía apuntou a que "o vindeiro domingo non valen excentricidades, hai que apostar por forzas políticas sólidas e solventes".

"O BNG somos a única forza nacionalista que se presenta a estes comicios e somos o xenuíno espazo de confluencia", engadiu.

"Votar ao BNG serve de freo a esa dereita reaccionaria que só goberna para os amigos e que só atende aos intereses dos especuladores, ademais de botar á secuela do baltarismo da institución provincial", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta