Ourense volve ser socialista, pero a chave de goberno tena Democracia Ourensana

Os ourensáns castigan a PP e Ourense en Común, e premian a socialistas, Ciudadanos e BNG. O partido de Jácome é o único que pode dar maioría ao bloque da esquerda ou da dereita.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/05/2019 | Actualizada ás 23:46

Comparte esta noticia

Catro anos despois, Ourense volve ser socialista. O PSOE foi o gañador destas eleccións, con arredor do 26% dos votos, e acada nove concelleiros, un importante incremento, xa que os socialistas só obtiveran seis representantes en 2015, pasando daquela de ser o partido no goberno a ser a terceira forza, detrás do PP e Democracia Ourensana.

Rafa Villarino (dereita).
Rafa Villarino (dereita).

Agora, Rafa Villarino recupera para o PSOE o bastón de mando que tivo o partido entre 207 e 2015. O aumento de votos dos socialistas tradúcese no castigo a Democracia Ourensana e Ourense en Común, que retroceden.

A candidatura que lidera Gonzalo Pérez Jácome terá sete representantes, un menos que nas pasadas eleccións. Pola súa banda, a formación rupturista Ourense en Común sofre as consecuencias da caída das forzas vinculadas a En Marea e Podemos en toda Galicia, e no resto de España no caso dos morados. Os rupturistas pasan de tres a ningún concelleiro.

A caída do PP, que apenas superou o 13% do votos, deixa ao actual alcalde nunha situación delicada, ao pasar de dez a sete concelleiros e quedar relegada a segunda forza.

No novo escenario político aparecen Ciudadanos, que acada dous representantes, e o BNG, que consegue tamén dous.

Con estes resultados, será complicado conformar un goberno estable, xa que as contas non lles dan a niguén e Democracia Ourensana será a clave, pois deberá decidir se apoia un goberno de esquerda liderado polo PSOE e tamén co apoio do BNG, ou se facilita, canda Ciudadanos, que o popular Jesús Váquez manteña o bastón de mando.

REACCIÓNS

O candidato á Alcaldía do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, anunciou "o comezo dun tempo novo" na cidade das Burgas tras a vitoria de socialistas, aínda que dependerá de pactos para poder ser investido e poder gobernar.

"Somos o único partido que sobe de todos os que conformaban a anterior corporación", con estas palabras comezou a súa intervención Rodríguez Villarino: "Imos ter o Ourense que queremos e imos telo xa", asegurou o rexedor. A confirmación da subida dun concelleiro minutos antes de finalizar o escrutinio, desatou a euforia na sede.

O resultado electoral non permite ver nítidamente a fórmula para garantir a gobernabilidade da cidade. O PSOE gaña con nove edís, seguido do PP (que baixa de dez a sete), mentres Democracia Ourensá (DO) perde un e queda en sete. Pola súa banda, BNG e Cidadáns entran o Concello e conseguen dúas actas, respectivamente.

Respecto diso, o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, mostrouse "decepcionado" polos resultados dos comicios e dixo que "aínda non é momento de falar de pactos, posto que existen mil lecturas tras estes resultados". No entanto, non pechou as portas ao PP nin ao PSOE. Deste xeito, Jácome deixa "a Alcaldía no aire" e engadiu que por parte de Democracia Ourensá "farán o posible por salvar a Ourense".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta