Temas: ANA PONTóN BNG

Ana Pontón destaca a consolidación dun "cambio de ciclo" para "pór fin ao decenio negro de Feijóo"

Destacou que o resultado do Bloque nas eleccións comunitarias, "onde duplicou os votos de fai cinco anos", é unha "aposta clara" dos galegos "para seguir tendo voz propia en Europa con Ana Miranda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 01:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou na madrugada deste domingo electoral o crecemento "imparable" do BNG, tanto nas eleccións municipais como nas europeas, o cal "consolida o cambio de ciclo" que, ao seu xuízo, "terminará nas eleccións autonómicas de 2020, cando se acabará o decenio negro do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo".

"Estou convencida de que este avance do BNG é imparable, que se vai a multiplicar nas próximas eleccións galegas porque temos un proxecto que ofrecerlle á xente do noso país para mellor a situación que vive neste momento Galicia", subliñou.

Tal como sinalou Pontón ante a prensa, todos os votos do BNG "teñen un valor enorme" xa que permitirán á organización nacionalista "seguir defendendo os intereses de Galicia", tanto en Europa como nos concellos.

Neste sentido, destacou que o resultado do Bloque nas eleccións comunitarias, "onde duplicou os votos de fai cinco anos", é unha "aposta clara" dos galegos "para seguir tendo voz propia en Europa con Ana Miranda". "Defenderemos unha Europa das nacións, social e democrática", subliñou.

Tamén se mostrou orgullosa polos resultados do BNG nas municipais, que "consolidan e amplían" a presenza do Bloque, polo que se cumpriron os obxectivos "de forma intensa" e "mantense a tendencia á alza".

CIDADES

Así, indicou que o BNG volverá estar en todas as grandes cidades galegas, cun 35% máis de representación, segundo os seus datos, xa que recuperou un concelleiro en Vigo e Ourense, duplicou a súa representación na Coruña (2) e mantívose en Compostela (2).

Ana Pontón prestou singular atención a Lugo "onde o BNG pasa de dous a cinco concelleiros e será determinante" para a alcaldía da capital lucense. Así mesmo, sinalou que o Bloque "revalidou" o goberno de Pontevedra, sendo a forza máis votada (11).

A portavoz nacionalista apostilou que a súa organización política "vai ter 14 maiorías absolutas" en Galicia, dez máis que nas anteriores municipais. "E imos ter moitas máis alcaldías, xa que en moitos concellos o BNG é a forza da esquerda máis relevante, o cal é unha boa noticia, porque afianzamos o espazo político que dá esperanza a este país", indicou.

"SEN VOLTA ATRÁS"

"Consolídase a tendencia á alza do BNG. Moitos galegos seguen mirando para nós. Este avance non ten volta atrás", sentenciou Pontón, quen mostrou a súa "man tendida" para seguir "sumando apoios".

Para ela, o obxectivo é "moi claro, pór fin ao decenio negro de Feijóo". "Galicia necesita un tempo novo. Imos seguir sumando, traballando con inconformismo, humildade e fortaleza. Canto máis avance o BNG, mellor vaille a ir a Galicia", destacou Pontón.

Tamén mostrou o seu agradecemento a todos os votantes, simpatizantes, militantes e aos que formaron parte das listas da organización nacionalista nas eleccións. "Asumimos con moita responsabilidade o apoio e quero dicirlles que imos estar á altura das expectativas", indicou.

26M.-. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
26M.-. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Temas: ANA PONTóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegocomatí

Pois eu non teño tan claro que a hexemonía do PP nas autonómicas toque ao seu fin. Unha cousa son as xeráis (o da ultradereita, vox, efecto Sánchez) e as municipáis (onde se vota ás persoas mais que partidos ou ideoloxías e o caso de Caballero en Vigo fala ben as claras disto), e outra as autonómicas; neste caso o voto “útil” na dereita será para Feijóo (Vox en Galicia non ten nada e Ciudadanos caseque tampouco) e a campaña xirará en torno a Feijóo – Galicia – España contra Gonzalo Caballero – Galiza – BNG ( xa saben: autodeterminación, independencia, mareas en declive…) Non esquezades que malia a evidente subida do PSOE, aínda é prisioneiro de pactos coa esquerda ruputurista e o nacionalismo na mayoría das cidades , polo que non é tan descabellado pensar que non todos os votos que colleitaron nas últimas citas electoráis, se manterán ahí nas autonómicas. Xa veremos e que ninguén venda a pel do oso antes de lle dar caza.