CC.OO. celebra que Galicia "responsablemente non dá opcións á dereita recentralizadora de Ciudadanos"

O sindicato aplaude a "alta participación, superior á media do Estado", e a "vitoria do voto da esquerda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O sindicato CC.OO. valora positivamente os resultados das eleccións deste domingo en Galicia, das que destaca a "alta participación, superior á media do Estado", e a "vitoria do voto da esquerda", que saca máis de dez puntos porcentuais sobre "as dereitas" lideradas polo PP.

A central de traballadores celebrou que Galicia "responsablemente non dá opcións á dereita recentralizadora de Ciudadanos" e non outorga "representación algunha á ultradereita neofascista".

Albert Rivera, líder de Ciudadanos, na manifestación uninista de Barcelona
Albert Rivera, líder de Ciudadanos, na manifestación uninista de Barcelona | Fonte: Miguel Núñez

Neste contexto, CC.OO. ve ao PSOE como "o gran beneficiado do crecemento e da recomposición na esquerda galega", o que ocorre "ao redor dun gran caudal de expectativas para un xiro social e político no ámbito do Estado".

Deste xeito, o sindicato sinala que, igual que en Goberno central, son "amplos" os espazos que precisan "articular acordos, coalicións e alternativas políticas" en deputacións e concellos.

Así mesmo, CC.OO. destaca como "elementos centrais" de cara a realizar diferentes pactos nas institucións a loita contra o desemprego, o traballo de calidade, a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a transición ecolóxica e unha fiscalidade máis xusta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta