Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/05/2019 | Actualizada ás 19:53
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a dous acusados de agredir sexualmente a unha amiga tras realizar un 'botellón' na vivenda dun deles. Nun fallo asinado por tres xuízas con data de 16 de maio deste ano, a Audiencia asegura que o relato da demandante é "xenérico, difuso, con poucos datos colaterais", á vez que destaca que se aprecian "lagoas acerca de detalles relevantes". Contra a sentenza cabe recurso no Tribunal Supremo.
Nos feitos probados, a sentenza sinala que sobre as 2,30 da madrugada do 19 de marzo de 2013 todos os presentes na festa abandonaron o piso para ir a un concerto. Despois, sobre as 5,30 horas, volveron ao domicilio os dous acusados. Alí, posteriormente, a denunciante chegou e dirixiuse á habitación na que se atopaban os dous mozos en senllas camas e deitouse cun deles, onde mantivo relacións sexuais e "non consta que fosen forzadas ou sen o seu consentimento".
As xuízas tamén sinalan que "non consta acreditado" que o outro sospeitoso actuase de acordo co primeiro nin que suxeitase a vítima dun brazo ou aproximase os seus xenitais á súa boca.
Ademais, afirman que tampouco quedou acreditado que durante os feitos a denunciante estivese afectada "polo consumo de alcol ou fármaco algún".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.