"Leve desaceleración" do crecemento económico de Galicia no primeiro trimestre, segundo o Indicador Abanca-Foro

Parte para a súa confección de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O Indicador Abanca-Foro de Coxuntura Económica reflectiu unha "leve desaceleración" do crecemento económico de Galicia durante o primeiro trimestre do ano 2019.

O indicador, elaborado polo equipo de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia, parte para a súa confección de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.

Así, o informe mostrou, no mes de marzo, un crecemento interanual do 3,1%, o que supón un descenso dunha décima con respecto aos dous meses anteriores. En termos trimestrais --xaneiro-marzo--, tal e como indica o Foro Económico nun comunicado, o crecemento da actividade económica de Galicia mantívose estable ao situarse, ao longo do primeiro trimestre do ano, no 0,6%.

Do mesmo xeito, o Foro Económico indica que, en comparación coa Contabilidade Rexional proporcionada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), "a tendencia á baixa é moito máis moderada no Indicador Abanca-Foro que no PIB de Galicia, xa que o segundo diminuíu tres décimas na súa taxa de crecemento interanual --2,3% en marzo fronte ao 2,6% de decembro do ano pasado--".

"Atopámonos ante unha diverxencia nos ritmos de crecemento das dúas magnitudes, que ten que ver co sector exterior. Segundo o IGE, a demanda externa desvirtuou no primeiro trimestre un punto de crecemento. Pola contra, a demanda interna atópase no seu máximo desde 2006 --3,3%--", expuxo o Foro.

Por último, esta plataforma apuntou que, nos últimos doce meses, a variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento é o transporte de pasaxeiros. En sentido contrario, explica que, como xa ocorrera o mes anterior, o Índice de Produción Industrial (IPRI) continúa sendo a variable recollida no Indicador cunha evolución máis desfavorable, así como a matriculación de turismos e o consumo de gasolina e gasoil.

Vehículo para a exportación
Vehículo para a exportación | Fonte: Remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta