Esquerda Unida apela a reflexionar sobre as "ferramentas de confluencia" tras os resultados "agridoces" das municipais

Apela a iniciar un período de reflexión e "análise".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

Esquerda Unida apela a iniciar un período de reflexión e "análise" sobre as "ferramentas de confluencia" despois dos resultados das eleccións municipais do pasado domingo 26 de maio nas que as candidaturas do espazo da chamada unidade popular sufriron un importante retroceso en apoios que implicou a perda de gobernos como o de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Yolanda Díaz e Eva Solla, de Esquerda Unida, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo
Yolanda Díaz e Eva Solla, de Esquerda Unida, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

A federación galega de Esquerda Unida que encabeza a deputada de En Marea Eva Solla define como "dispar" o panorama que deixan as municipais cun "agridoce" resultado nalgunhas prazas, destacando o "crecemento de confianza" en localidades como Mugardos, O Porriño ou Cangas.

Con todo, resalta que o "estrechamiento" dos apoios recibidos no "espazo da esquerda" require "unha análise das ferramentas de confluencia, que evidenciaron o peso das discusións internas, condicionando en boa medida os resultados obtidos".

"Esquerda Unida entende que estes resultados son unha advertencia da necesidade de emendar e corrixir críticamente os erros e unha oportunidade de traballar na reconstrución dun espazo político máis integrador, feminista, ecoloxista e de clase que ofreza propostas para mellorar as condicións de vida da clase traballadora", asevera o comunicado.

RESULTADOS DAS MUNICIPAIS

A división dos socios da En Marea que se presentou ás eleccións autonómicas --actualmente rota de facto-- provocou a proliferación de candidaturas e o enfrontamento mutuo en 15 dos 313 concellos galegos. A loita electoral traduciuse nunha acusada baixada ou a desaparición nesa quincena de municipios, coa excepción de Cangas do Morrazo, e supuxo perder --só nestas circunscricións-- un total de 33 edís.

Concretamente, os socios víronse nas urnas nas seguintes localidades: Lugo e Sarria, na provincia de Lugo; Pontevedra, Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Cangas, Gondomar, Nigrán, Marín e Ponteareas, na provincia de Pontevedra; Ferrol, Betanzos e Ames, na provincia da Coruña; e Ourense, na provincia con igual nomenclatura.

Co 99,74 por cento de voto escrutado en toda Galicia, actualmente as candidaturas 'rupturistas' manteñen só 17 actas de concelleira nos 15 concellos onde se enfrontaron, mentres que en 2015 conseguiran un total de 50 nestes mesmos municipios, de maneira que reduciron a menos da metade o número de representantes.

A única excepción tivo lugar en Cangas do Morrazo, onde as dúas 'mareas' xa se presentaron por separado na cita anterior e onde cogobernan na actualidade nun tripartito. Neste municipio pontevedrés Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) mantivo s súas catro actas, mentres que Avante-Candidatura Veciñal-Mareas Locais --a que apoia a dirección de En Marea dirixida por Luís Villares-- conservou os tres edís que tiña.

Con todo, Alternativa Canguesa e o PSOE empataron a catro edís nesta ocasión --fronte aos 7 da candidatura máis votada, a do PP--, polo que para revalidar un goberno de coalición agora entra en xogo tamén os socialistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Tocallinus matutinus

Do "agridoce" onde está a parte "doce"? Será a acta de deputada de Yolanda no Congreso porque non vexo eu máis doce en ningures. E que aproveite que é a última...

2 Gamela

Hai que te cara dura para escribir isto: "traballar na reconstrución dun espazo político máis integrador, feminista, ecoloxista e de clase que ofreza propostas para mellorar as condicións de vida da clase traballadora" // Traballar nin saben o que é! Integrar, sectarios de toda a vida! Feminista case mellor calar cando a lista da Marea de Vigo a preside o burro de Rubén e deixa o segundo posto á filla de Ferrín! / Ecoloxista será polos xardíns xaponeses que inaugura Abel Caballero coa aquiesciencia da Marea en plena campaña electoral sen que ninguén o denuncie! / De Clase ! Sí de clase alta coma os emolumentos que empeta Eva Solla coma Vicepresidenta da Mesa do Hórreo (96.000 €) !!! Esqueda Unida nin é esquerda e moito menos está unida! Se non que llo pregunten á Marquesa de Galapagar !!!

1 Troski

Agora podedes irvos pra Madrid, voltaron os vosos amigos...