Feijóo defende que a Sanidade é un dos servizos con menos eventualidade

Villares expón o caso dunha enfermeira que encadeou "810 contratos" no Sergas desde que terminou a carreira hai "11 anos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a sanidade pública "non é só un compromiso político" do seu Goberno senón que é para el un "compromiso persoal e defendeu que o Sergas é un dos servizos con "menos eventualidade" de España.

Manifestación pola sanidade en Vigo
Manifestación pola sanidade en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

"A sanidade pública vai seguir sendo un compromiso permanente desde o punto de vista orzamentario e de prioridades", incidiu o presidente durante a sesión de control do Parlamento de Galicia, na que deu resposta a unha pregunta do portavoz de En Marea, Luís Villares, sobre a eventualidade na sanidade galega.

Despois de que Villares expuxese o caso dunha enfermeira que, segundo indicou, encadeou "810 contratos" no Sergas desde que terminou a carreira hai "11 anos", Feijóo lembrou que a Xunta asinou cos sindicatos un plan de estabilidade que incluía un "compromiso explícito" de reducir a interinidade ao 5%.

"MELLOR SANIDADE"

"Isto fixémolo e esgotamos o 100% da taxa de reposición. Temos ofertas públicas de emprego pactadas de 5.000 persoas, desde que chegamos á Xunta aprobamos ou executamos 8.850 prazas", manifestou para incidir en que o galego é un dos servizos sanitarios con "menos eventualidade".

"Non só mantemos a estabilidade e é o noso compromiso, senón que o cociente de enfermeiras é superior ao do sistema nacional de saúde. Temos 10.500 profesionais de enfermaría e o 88% ten un nomeamento definitivo", subliñou para insistir en que a Xunta "utiliza todos os mecanismos legais para dar a maior estabilidade ao persoal do Sergas".

En fronte, Villares denunciou que na Atención Primaria galega hai "contratos de luns a venres" para que a Xunta "non pague soldos nin seguridade social os fins de semana". "As 8.000 enfermeiras eventuais que se manifestan porque fan un traballo estrutural quéixanse de vicio?", preguntoulle o portavoz de En Marea.

Pola súa banda, o presidente da Xunta afeoulle a Villares que a política sanitaria das mareas sexa "estar en contra" dos métodos de cribado de cancros xinecolóxico, "cuestionar as vacinas" e concentrar a súa campaña electoral "en contra da doazón de 350 millóns de euros no Servizo Nacional de Saúde para aparellos tecnolóxico".

DESAFIUZAMENTOS

Por outra banda, na sesión de control, en resposta a unha interpelación formulada pola líder do BNG, Ana Pontón, o máximo mandatario autonómico asegurou que a Xunta evitou o desafiuzamento "ou hipotecario ou de aluguer" dun total de "2.470 familias".

Neste sentido, puxo en valor as doce medidas impulsadas polo seu Goberno contra os desafiuzamentos como a dación en pago das vivendas protexidas, o reacollo dos afectados por execucións hipotecarias ou o bono de aluguer social. Ademais, destacou que "55.000 familias" beneficiaranse das axudas de rehabilitación da Xunta de Galicia.

Todo iso despois de que a portavoz nacional do Bloque denunciase a "falta" de política social de vivenda do Goberno de Feijóo que, na súa opinión, plásmase nun "drástico recorte" dos investimentos en vivenda protexida, especialmente a destinada ao aluguer, "pese ao incremento dos prezos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta