Trece cousas sobre a XIII do BNG

Por riba do ruído e da teima dalgúns coa “escisión”, a Asemblea do Bloque deixou moitas vías para a análise...

Por Rodri Suarez | A Coruña | 01/02/2012

Comparte esta noticia
1) Como nestas circunstancias case nunca se escrebe sobre elo, non está de máis poñer de entrada riba da mesa a enorme dificultade que supón a celebración dunha asemblea das características da última do BNG e a magnífica capacidade organizativa que demostrou o Bloque ante tamaño desafío. Nese éxito tiveron un especial papel os traballadores da fronte e, sobre todo, as decenas de voluntarios que pasaron un par de días esgotadores de forma altruísta. Por desgraza, todos estes afiliados tiveron que escoitar como dende a tribuna un dos seus principais referentes -incluso para algúns a figura que lles levou a meterse en política- afirmaba que antes no BNG a militancia esforzábase por amor a Galiza “non como agora que só o fai para gañar cartos”. Dende logo, as moitas persoas que sen nada a cambio pasaron frío e deixaron a pel recontando votos, entregando credenciais, controlando os accesos ou o que fose non merecían ese insulto. Como tampouco o merecían todos eses cadros de base que fixeron nalgunha ocasión algo semellante nos últimos anos, por exemplo, aturando por militancia pura e dura ese sumo tostón que se denomina “interventor electoral”. 
2) Entre as novidades que deparou a asemblea do Bloque e que apenas tiveron repercusión hai varias destacables. Sobre todo dúas. Por unha parte, por primeira vez dende hai varios lustros, acudiu a un acto do BNG unha delegación oficial diso que, á espera de que se restitúa plenamente a democracia formal en Euskal Herria e poida ter nome 'legal', dáse en chamar “esquerda abertzale”. Pola outra, no lingüístico, nunca o BNG certificou nos seus documentos un achegamento tan claro ao ámbito da lusofonía, ata o punto de que a formación se unirá á promoción da entrada de Galiza na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
3) Sen saír do ámbito do que quedou máis agochado, a cuestión de xénero tamén ocupou un fondo espazo no debate dos nacionalistas. Fíxose visible o desagrado de moitas mulleres do BNG polo feito de que ningunha das correntes optase por unha figura feminina para liderar as súas propostas, ben á portavocía ben á candidatura á Xunta. Incluso, persoas achegadas á opción gañadora amosáronse como as máis explícitas nesta queixa. A propia APU foi o único sector que estudou a posibilidade de presentar unha muller como cabeza de lista, neste caso ao Goberno galego. Nese aspecto acertou na súa posta en escena o Movemento Galego ao Socialismo durante a presentación do seu proxecto, xa que nela non só interveu o cabeza de lista, Rafa Vilar, senón tamén a súa compañeira Noa Presas, dando unha imaxe máis colectiva e reconfortante en clave de xénero. Finalmente, o mosqueo de boa parte da militancia traduciuse na aprobación dunha proposta  na que se urxe a reactivar unha Comisión sobre as desigualdades de xénero que nun prazo dun ano tome afonde nas medidas en clave feminista. Por certo, e relacionado con este tema, tamén resulta rechamante o limitado eco que tivo o paso á primeira liña orgánica dunha das mulleres con máis peso intelectual do BNG, a deputada Carme Adán. 
4) Nuns tempos onde as eivas no desenvolvemento da democracia resultan máis que evidentes e sacan a milleiros de persoas ás rúas, a lección o que deu o BNG ao tomar as decisións nunha asemblea aberta convértese sen dúbida na mellor noticia da fin de semana pasada para o nacionalismo, que ademais lembra que o da asemblea é unha vella práctica das organizacións alternativas e de esquerda real, non un invento do ano pasado. Que nunha mesma data coincidise este feito coa sucesión hereditaria na dereita da provincia de Ourense evidencia dúas formas ben distintas de entender a política. Dificilmente se pode atopar unha imaxe que represente mellor ás principais formacións deste país como a que se viu nestes días. Mentres o PP adícase ao dedazo caciquil e o PSOE espera o que lle digan dende Madrid, o BNG deixa que decida a xente, en democracia. 
5) As análises que buscan “derrotados” na asemblea resultan lóxicas en termos xornalísticos malia o seu efecto simplificador. Ao centrarse estas en nomes ou polos, ficou moi diluída a sensibilidade que realmente quedou, seguramente para sempre, xa completamente fóra de xogo dentro do BNG. Trátase do que se pode definir como “centrismo”. Tanto no sector cualificado “vencedor” como no “perdedor” como no ton dos debates fíxose patente que son  poucos os que dentro do Bloque aspiran a reeditar ese xiro prosistémico que caracterizou o “quintanismo” e que tanto criticou o propio Beiras. Os militantes nacionalistas non queren parecerse a CiU. Máis ben todo o contrario, como se demostrou cando a delegación de Convergencia foi asubiada por moitos asistentes, o que non resultou nada elegante malia que as políticas depredadoras que leva a cabo no Goberno catalán non merezan nin un aplauso. Pero chegaba co silencio, non se invita a ninguén á túa casa para facerlle pasar un mal trago. 
6) As tensións que se puideron vivir en Amio foron nada en comparación co pozo de odio e disparates no que se converteu internet a conto desta Asemblea do Bloque. Ser de esquerdas debería estar acompañado dunha visión crítica, intelixente e ampla sobre os instrumentos que crea o sistema. Por iso, á vez que se recoñecen como unha ferramenta tremendamente útil, sempre é importante ter presente que as redes sociais, os foros ou os comentarios nos xornais dixitais tamén conteñen unha evidente función obstaculizadora. O exceso de comunicación incomunica. Non hai ningunha riqueza intelectual en que, como ocorreu, unha persoa anónima escreba unha mentira (dicía que acababa de formalizar a súa baixa do BNG, algo que era imposible facer ás nove da noite do domingo) e a partir de aí se monte un eterno batifondo destrutivo e demencial. Este é un tema moi complexo que desborda a intención deste artigo, pero é ben telo presente a moitos niveis. 
7) A opresión existe. Na UE hai 115 millóns de pobres que poden dar fe. Queda avisado por se a algún moderno da progresía parécelle groseira e rancia a palabra. Pois ben, sempre foron os fascistas e/ou opresores os que usaron o termo “comunista” como insulto. A estas alturas -e máis alá de que no nome do comunismo se cometerán algunhas barbaridades- que xente que se di tolerante e incluso de esquerdas tamén intente descualificar, por suposto en internet, a alguén chamándoo “comunista” (ou sexa, a un paso do “rojo de mierda”?) resulta dunha enorme baixeza. Moitas persoas caen nela falando da UPG. Alguén de esquerdas pode ser comunista ou non. Pero nunca ve a ideoloxía comunista como o inimigo. Iso sábeno ben Beiras ou Aymerich. Ambos os dous, sobre todo o primeiro, coñecen e valoran o pouso ideolóxico de Karl Marx, autor dun histórico manifesto que, si, chamouse comunista, malia que agora non todos os marxistas o sexan. Que iso de Marx é doutro século e xa non vale para nada en 2012? Tendo en conta datos como que un de cada catro galegos está dentro ou a un paso da exclusión social, “dicir que o marxismo está acabado sería como afirmar que os bombeiros están pasados de moda porque os incendiarios son máis hábiles que nunca”, como escribiu o profesor Terry Eagleton. Porén, incriblemente, hai quen se define como “transformador” pero na práctica imita a eses malditos incendiarios. 
8) Posiblemente, a maior estupidez que deixa en herdanza esta asemblea debido ao nivel de ruído cibernético que a acompañou é a que converte aos que votaron unha cousa en fenómenos do mundo mundial e aos que votaron outra en pobres ovellas dirixidas. Pero o reallity show no que se está convertendo a sociedade xera monstros así. A maioría da militancia do BNG é intelixente, en todas as correntes hai elementos moi válidos e igual unha minoría que non tanto. Que algunhas persoas que din querer chegar aos gobernos defendan un argumento tan pobre resulta terrorífico e deprimente. 
9) Tamén se escoita unha análise, discutible pero xa máis construtiva, que asegura que a militancia do BNG tomou unha decisión pensando no que queren eles, non no que quere a cidadanía. Pois pode ser, pero é que iso tamén é lóxico. O principal desastre histórico do Bloque produciuse cando deixou de ser el mesmo para intentar ser outra cousa, allea aos principios da militancia. Ademais, a soberanía dunha formación política digna reside nos seus afiliados, non nas empresas demoscópicas. E o suposto éxito a calquera prezo non paga a pena. Por facer unha comparación, seguramente ten máis posibilidades de gañar pasta quen abre un pub no que se pon a Shakira ou Bisbal que un no que se escoite a Berri Txarrak ou The Homens; asegura máis triunfos entregarse á histeria de 'La Roja' que soñar cunha selección galega oficial; resulta máis rendible programar calquera excremento de tele-lixo que emitir unha serie de David Simon; pero son moitos os que se senten máis a gusto nesta vida grazas a que hai xente que en todos estes casos opta pola segunda opción. Moitos deles tamén son máis felices cando o Bloque é Bloque e non unha copia descafeinada de si mesmo que intenta parecerse ao PPSOE. En todo caso, esa idea de que o común da cidadanía galega é xente normal e a militancia do BNG uns raros é falsa, trátase dun interesado intento de frikización. Calquera que se dese unha volta polos corredores de Amio os dous días de asemblea vería a xente falando de política, sobre todo, e doutros temas de certa transcendencia pero tamén bebendo unha caña mentres comentan que o neno chora, escoitando por un auricular os partidos de Dépor ou Celta ou falando da roupa que se compraron nas rebaixas. As  persoas que forman o Bloque non viven illadas nunha dimensión paralela. De feito, seguramente está moito máis fóra da realidade quen vive nun mundo centrado en Bisbales, Casillas, Carboneros y, claro, Rajoys y Rubalcabas. 
10) Guillerme seguirá como portavoz nacional. En contra da versión xa case oficializada de que a bicefalia foi un invento de última hora da UPG porque viu que Vázquez “non daba o nivel para candidato” o certo é que xa dende a asemblea de 2009 en APU se falou de apostar por esta fórmula, algo que Francisco Rodríguez confirmou nunha entrevista ese mesmo verán e que, entre outras cousas, tamén se pensara para facilitar a pluralidade interna. Esa proposta sempre foi rexeitada polas outras correntes ata que cambiaron radicalmente de opinión poucos días antes da Asemblea. Como a Guillerme se lle ten infravalorado con frecuencia, é relevante lembrar que, entre outras cousas, foi deputado en Madrid, concelleiro de Goberno en Pontevedra e ocupou cargos orgánicos dentro do Bloque, por moito que se lle queira debuxar como alguén sen peso pola única razón de que non está todo o día dicindo de si mesmo que é o máis guapo e o máis listo, como se estila na política mediática. Xusto na comparación é onde o reelixido portavoz gañou unha prestancia entre as bases que non é moi coñecida. Tras uns anos de elitismo, con Guillerme volveu á vida diaria do Bloque o respecto e o cariño no trato directo coas bases e a aposta polo colectivo, ademais dunha firmeza ideolóxica que combina cunha especial retranca que ás veces desconcerta nun ámbito público xeral que aplaude poses falsarias e artificiais. Esa característica abre a porta a unha verdade que as ideoloxías alternativas e o BNG deben potenciar malia que soe extraño: o humor, como calquera actitude creativa, é unha potente arma política. Guillerme, como todos, ten as súas eivas, por suposto, pero ninguén repite vitoria nunha asemblea do Bloque porque un ser supremo pulse un botón vermello dende Moscú. A maiores, vai sendo hora de recoñecer que con el ao mando a organización nacionalista está a emprender un proceso de saneamento económico -necesario logo de pasados e custosos delirios presidencialistas- decisivo para o futuro do BNG e que dificilmente podería terse conseguido cunha figura ególatra á fronte. 
11) Aymerich xogou mal as súas cartas. Puido ser candidato mediante un pacto plural coa APU, pero entrou nunha, prexudicial para o seu obxectivo, deriva de confrontación na que tivo un peso decisivo o desacordo dentro de Máis Galiza e a presión que lle montou Teresa Táboas xunto a certo amago de lobby con querencia quintanista. Esa circunstancia acabou afectando, incluso cegando, a súa táctica e desgastándoo a ollos de moitos militantes. Agora parecía que daba un paso atrás con promesas de fidelidade pero resulta que saen novas que din que non descarta unha fuxida cara diante no coro das escisións. Esta posibilidade daría a razón aos que afirman que Aymerich é un dos mellores políticos de Galicia, pero demasiado influenciable a nivel interno cando se deixa levar pola ambición, lexítima en todo caso. Por certo, o pasotismo final dunha Táboas que se quita de en medio volve demostrar que a política de fichaxes estrela nunca vai funcionar no Bloque. Xa pasou o mesmo con Antón Losada. 
12) Beiras foi o gran protagonista do domingo e das últimas semanas. Tivo a favor a súa inesgotable enerxía e o seu enorme nivel intelectual e xogou á segura aposta da nostalxia dos seus tempos. Pero trabucouse gravemente en moitos aspectos, especialmente ao caer en tópicos agresivos contra unha importante parte da organización e usar seguido os medios para atacar á maioría máis activa do BNG. Tamén foi entendida por moitos como unha chantaxe desleal a súa constante ameaza de escisión, aínda latente. Con Beiras dáse unha rara circunstancia. Algúns dos que (como é o caso do que isto escrebe) levan nas costas anos de admiración á súa figura poden mirar cara a biblioteca persoal e presumir de ter uns cantos libros da súa autoría. E repasar as teorías que neles asinou. E ver a diferencia coa práctica actual. Porque grazas á súa dimensión política compraron un día, por exemplo, 'Prosas de Combate e Maldicer', onde ao abrir á páxina 332 poden ler o que afirmaba acerca dunha discrepancia no nacionalismo sindical que Méndez Ferrín aireara na prensa en 1985: “Non me dá a gana de facer striptease ante os nosos inimigos que tanto teñen de maníaco sexuais. As críticas ou mesmo amonestacións que me creo no dereito de facer a uns, teño onde facelas sen recurrir a un xornal”. Iso dicía Beiras. Sempre quedará a dúbida de como lle iría a el e ao BNG de ter aplicado as súas propias palabras. 
13) Jorquera será o candidato á Xunta e posiblemente o que teña máis presenza pública nos próximos meses. Moi poucos cadros do BNG representan un valor tan seguro como el e son tan respectados e queridos a nivel interno. Externamente, nas xerais nunca tivo problema para conseguir o seu escano, o que proba que xa é unha cara ben recoñecible entre a cidadanía. Seguramente deberá superar a (lóxica para todo o mundo agás Superman) imaxe de cansancio que ofreceu nos últimos días e coller folgos para o que lle espera, que é tela. Pero o aínda deputado en Cortes conta ao seu favor cun coñecemento da realidade do país e do Estado que moi poucos teñen na política galega, unha boa retórica para a axitación de campaña, que terá que pasar polos retoques propios das escravitudes dunha candidatura á Xunta, e unha dimensión humana moi valorada entre a militancia e fóra dela. Afronta un enorme reto que tamén é o de todo o BNG. E (de novo perdón pola interferencia personalizada) como este cronista é como é e é de onde é pois non pode deixar de dicir que Jorquera comezou a súa carreira ás eleccións da mellor forma posible: citando no seu discurso a Os Diplomáticos de Monte Alto. Que ben lle sentaría a este país un presidente bravú. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.