Os perigos da 'dieta milagre', a enfermidade do verán

Coa chegada do verán, moitos galegos póñense a réxime co obxectivo de adelgazar, en ocasións, incluso sen ter sobrepeso. A imaxe distorsionada que ofrecen as redes sociais pode contribuír a esta obsesión por un corpo perfecto, aínda que agora, movementos como o 'body positive' comezan a cambiar esta realidad.

Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 31/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A chegada da calor e da época estival significa a proximidade de vacacións, relax e viaxes para moitos. Pero esta estación do ano non ten só connotacións positivas para todos. Seis de cada dez galegos póñense a dieta antes do verán segundo unha enquisa realizada por acierto.com. Moitas destas dietas non son saudables pero, é que ademais, moitos dos que as realizan non teñen sobrepeso. 

Adelgazar. Imaxe de arquivo
Adelgazar. Imaxe de arquivo | Fonte: Galicia Confidencial

Galicia é a oitava comunidade a nivel nacional con máis habitantes a dieta neste momento, segundo revela este estudo. A porcentaxe de mulleres é maior que a de homes, 4 de cada 10 mulleres afirman ter feito dieta fronte 3 de cada 10 homes. Unha diferenza probablemente debida á presión social exercida sobre o xénero feminino en canto ao seu físico durante séculos. Tamén hai diferenzas de idade. Os españois entre 25 e 35 anos son os que máis dieta fan. 

Á hora de informarse sobre que dieta realizar ou sobre a alimentación en xeral, 3 de cada 4 galegos recorren a Internet. Plataformas como YouTube ofrecen miles de trucos que prometen cambios imposibles da noite a mañá, distintos influencers e gurús ofrécennos cada día unha dieta nova e máis peculiar. Non caer nese mercado de dietas e apócemas milagrosas non é doado, e menos, cando as redes sociais nos bombardean 24 horas, 7 días á semana con corpos perfectos que en ocasións só unha xenética determinada (ou varias horas de photoshop) permiten conseguir. 

Poñerse a dieta co único obxectivo de modelar o corpo de acordo con certos estereotipos non é o máis saudable. Alicia Boquete, médica con anos de experiencia no ámbito da medicina estética, afirma que estas dietas milagre tenden a fallar a longo prazo. “Normalmente resultan contraproducentes porque o fundamental da dieta para perder peso é fomentar un cambio de hábitos alimentarios a longo prazo”, explica, “ e isto, estas dietas non o fan". 

Esta é tamén a causa do coñecido efecto rebote. Restrinxir a alimentación durante un período de tempo pode ter como consecuencia unha baixada de peso pero esta non se manterá se se volve aos hábitos anteriores. “A dieta Dukan, a dieta da alcachofa… Esas dietas son contraproducentes porque poden producir déficits e, por outro lado, como se volve aos hábitos que se tiñan antes, recuperas o peso que tiñas ou incluso gañas máis”, explica a médica. 

Ter hábitos alimentarios saudables e evitar unha vida sedentaria é o que se recomenda para manter un peso adecuado. Pero, é realmente necesario ter un corpo que cumpra cos canons preestablecidos para poñerse un bikini? A pregunta pode soar esaxerada pero a presión social ou do grupo chega a afectar ás persoas ata límites insospeitados, sobre todo en idades complicadas como pode ser a adolescencia. 

Unha excesiva obsesión polo físico pode derivar en trastornos alimentarios graves como anorexia ou bulimia. Para evitar isto é moi importante unha boa educación neste ámbito e a aceptación do propio corpo dende a infancia. Alicia Boquete recoñece que o feito de non encaixar no modelo estético que venden redes sociais, medios e publicidade, contribúe e pode ser determinante á hora de padecer algunha destas enfermidades. 

É importante ter expectativas reais de cal é o peso axeitado a cada un”, afirma Boquete, “xa que mantendo uns bos hábitos e sendo activos non todos acadan ese peso desexado debido a diversos factores que poden ser xenéticos, conxénito, metabólicos…”.

Pero as redes sociais, como calquera outro medio, non son máis que unha xeito de transmitir contidos. E entre estes contidos comezamos a atopar algo máis que barbies e kens.  Un exemplo disto é o movemento body positive, cun grande impacto en plataformas como Instagram. Acusado falsamente de fomentar a obesidade, esta corrente pretende “visibilizar o que se escondeu e se quixo tapar durante décadas, as realidades do corpo humano e do ser humano”, en palabras da top model Jennyfer Barreto-Leyva. Dentro desta definición atópase a obesidade pero tamén a celulitis, as estrías ou outras cuestións consideradas como defectos a nivel estético pola sociedade. 

O movemento ten a súa orixe en Estados Unidos e, en Europa, irrompe con forza sobre todo a partir do ano 2017. O obxectivo é que cada individuo ame o seu corpo, sen importar o gordo, fraco, vello ou engurrado que sexa. Imaxes de estrías, barrigas abundantes e brazos sen tonificar comezan a compartir por fin as redes con corpos escultóricos que parecen saídos do Olimpo dos canons de beleza máis clásicos.

Este movemento non aspira a quedarse nas redes senón que xa trascende. Exemplos disto é a elección dunha modelo con vitiligo (enfermidade que produce manchas na pel) como modelo da marca de roupa Desigual, a escritora octaxenaria Joan Didion como imaxe de Dior  ou o éxito da tamén modelo Sara Geurts, quen padece o síndrome de Ehler-Danlos, unha enfermidade xenética que provoca enrugas na pel. Un paso adiante para a destrucción dos canons de beleza imposibles e para que as redes sociais sexan un espazo un pouco máis san para os seus usuarios. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta