Baltar quere seguir gobernando Ourense, pero di que chegará a acordos só con quen apoie o seu proxecto

O presidente provincial di que o seu partido "ten todo o dereito a reivindicarse como forza de Goberno".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 30/05/2019 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

O presidente provincial do PP en Ourense, Manuel Baltar, advertiu este xoves que o seu partido "ten todo o dereito a reivindicarse como forza de Goberno" na provincia tras os comicios municipais celebrados o domingo e que está disposto a "escoitar, falar e pensar en clave de gobernabilidade". "Pero tendo en conta que os acordos serán con quen pense que o proxecto do PP é o mellor para o conxunto da provincia", matizou.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Así se pronunciou ante os asistentes á o Xunta Directiva Provincial celebrada este xoves en Beariz, o municipio no que os 'populares' lograron o seu mellor resultado en Ourense tras obter o 89,42 por cento dos votos.

O PP quedou a un escano da maioría absoluta na Deputación de Ourense, o que obriga ao aínda presidente en funcións, Manuel Baltar, a recorrer a acordos para revalidar o seu cargo ou a gobernar en minoría. En concreto, o pleno do organismo provincial repartirase con 12 escanos para os 'populares'; 9 para o PSOE; dous para Democracia Ourensana (DO); o BNG mantería o deputado actual e Ciudadanos cun representante, podería ser a chave de goberno, se apoia o PP.

Baltar e os 'populares' ourensáns reuníronse este xoves para analizar os resultados na provincia. Neste encontro, o presidente provincial recoñeceu que o PP se atopa ante "un escenario certamente complexo", aínda que asegurou que están "tremendamente satisfeitos" co apoio recibido por parte do electorado ao ser a forza política máis votada.

"Coa maior porcentaxe de participación de toda Galicia, tamén nas eleccións europeas, o que lexitima aínda máis os resultados", engadiu.

A pesar diso, Manuel Baltar recoñeceu que é momento "de escoitar e falar" tanto para o Goberno da Deputación de Ourense como daqueles concellos que requiran pactos políticos, "pondo enriba da mesa todos os aspectos que sexan necesarios", destacou.

"Con total disposición pero sempre desde unha política construtiva e en positivo", insistiu, lembrando que en Ourense "hai un grupo maioritario, como ningún outro, cun candidato e un programa de goberno coñecidos" e "avalados" por este catro anos de Goberno e con proxectos en marcha que non se pode dar "o luxo de paralizar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta