As contas non cadran

Gardo a Cartilla Militar que me entregaran ao rematar o servizo militar obrigatorio, nas que se reseñaban as calificacións polo amor ao servizo, entrega, sacrificio e disciplina. No que fai ao Valor facían unha anotación común para todos: “se le supone”.

Por Xosé Glez. | Redondela | 03/06/2019

Comparte esta noticia
Non ignoraban os xerarcas militares o desdén dos soldados por aquel patrioteirismo  que pedía “derramar la última gota de la sangre en la defensa de la Patria”. Durante ese período de prestación do servizo militar  seguín as miñas actividades clandestinas contra a dictadura, para o que si que había que ter valor e demostralo a cotío.
 
Aos militantes sindicais e político de agora presupónselles valor na defensa dos valores identitarios. Mais ese compromiso é só en actos rituais e na participación nos comicios electorais.O resto dos días do ano os seus comportamento son perversamente incoherentes. Amosan desdén e desleixo con todo o que sexa falta de correspondencia entre a palabra e a realidade, os xestos, os principios, entre as voces e as figuras das que non xurden conceptos aplicables aos problemas. O desleixo xera frustracións, fura e fire a autoestima. Pola contra, a autenticidade cando se exerce é unha forza de tal natureza que é imparable.
 
Ante tales incoherencias debemos apelar á necesaria corrección desas conductas. Porque non hai ningún correlato entre os milleiros de militantes con carné e a empobrecida realidade sociolingüística. As contas non cadran. E os que teñen “mando en praza” deberían reflexionar para reordenar tantas enerxías e emocións poñéndoas ao servizo da reconstrucion da nosa identidade nacional con programas formativos eficaces.
 
O déficit de galeguización social non cadra coas contiosas cífras de milleiros de militantes e electores comprometidos con partidos que din defender a identidade galega. Non cadran as contas porque os milleros de hipotecas  subscritas op ano pasado (11.414) e os 14  millóns de propiedades rústicas e inmobiliarias ( 5 por habitante) que se formalizan en instrumentos xurídicos nas notarias, exprésanse en castelán. As que se escrituran en galego son anecdóticas. O mesmo podemos dicir do número de pólizas que se subscriben en castelán coas sociedades aseguradoras malia existir lexislación reguladora que permite formalizalas en galegos a pedimento dos beneficiarios. Non cadran as cífras de tantos milleiros de cidadáns  que din estar comprometidos coa galeguización cos datos que ofrece a Memoria anual do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos  procedementos abertos  en todos os órganos xurisdicionais, maioritamente tramitados en castelán. Os litigantes que contratan os servizos xurídicos dos máis de dez mil avogados, non lles esixen que defendan os seus intereses en galego, sabendo que quen paga manda. Dos 30.000 falecementos que anualmente se producen en Galicia,o uso da lingua galega é insignificante no número de esquelas publicadas nos xornais e nas lápidas dos camposantos.Moitas contas non cadran.
 
A marxe de autonomía que teñen os cidadáns no ámbito persoal é ben grande para empurrar polo proceso galeguizador se quixesen. Cómpre que os partidos, sindicatos e movementos asociativos artellen cadanseu programa pedagóxico para animar a militancia a participar na tarefa colectiva de galeguizar as conductas individuais e familiares. 
 
As políticas lingüísticas institucionais de todas as administracións públicas debe ter o imprescindible complemento das do resto das organizacións sociais. Mentres iso non aconteza as contas non cadran. O optimismo dos dirixentes de partidos e sindicatos nos avances das súas formacións nada teñen que ver co inexistente medre da galeguidade social. Non recoñecelo é mirar para outro lado eludindo as súas responsabilidades.

Pintada nun instituto do Bierzo por non impartir galego
Pintada nun instituto do Bierzo por non impartir galego | Fonte: Fala Ceibe
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.