A Xunta destina máis de 115.000 euros a financiar iniciativas dirixidas á mocidade na provincia da Coruña

Para o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, "con estas iniciativas locais dirixidas á mocidade trátase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2019 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou este sábado da resolución da orde de axudas destinadas ás entidades locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á mocidade este ano, polo que o Goberno galego destinará máis de 115.000 euros en toda a provincia para financiar actividades limitadas ás persoas con idades entre os 14 e os 30 anos.

Por comarcas, na da Coruña o Executivo autonómico financiará a través do programa Iniciativas locais sete proxectos que supoñen un investimento de máis de 35.000 euros. Os concellos nos que levarán a cabo son A Coruña, Bergondo, Abegondo, Betanzos, Coirós, Culleredo e Cambre.

Ás entidades locais do Barbanza, a Xunta destinará máis de 32.000 euros para financiar seis proxectos nos concellos de Boiro, Carnota, Lousame, Porto do Son, Rianxo e Ribeira. En Ferrolterra, o Goberno galego tamén gastará case 30.000 euros en seis iniciativas dos municipios de Cariño, Fene, Moeche, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez e Valdoviño.

Por último, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte serán un total de tres proxectos das localidades de Camariñas, A Laracha e Vimianzo os que reciban financiamento autonómico, con ata 18.000 euros.

EDUCACIÓN NON FORMAL

"Con estas iniciativas locais dirixidas á mocidade trátase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación", explicou Rodeiro, segundo recolle a Xunta nun comunicado.

Ante estas áreas atópanse as iniciativas locais emprendedoras, a promoción de hábitos saudables, a dinamización da información para a mocidade, o fomento de actitudes creativas, así como o fomento da inclusión social, entre outras.

A contía máxima que se pode solicitar é de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e 22.000 euros se está formada por tres ou máis municipios. Este ano, a Consellería de Política Social investirá máis de 500.000 euros en apoiar este tipo de proxectos.

Valentín García e Ovidio Rodeiro na presentación do concurso Lingua de Namorar
Valentín García e Ovidio Rodeiro na presentación do concurso Lingua de Namorar | Fonte: Xunta.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta