Un ano despois da folga na Xustiza a Xunta defende as negociacións: "Chegamos a un bo acordo"

Juan José Martín, valora un ano despois da folga de todos os sindicatos da xustiza, o estado actual do seu departamento que cualifica de "normal". Nesta entrevista destaca que "negociaron cos que quixeron sentarse a negociar" e considera que os sindicatos que non asinaron o documento final "por dentro recoñecen que é un bo acordo". "O comentario dun dos sindicatos asinantes foi, a este conflito sobráronlle dous meses”, asegura.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

-Logo dun ano de finalizada a folga en Xustiza, existen diverxencias sobre os resultados obtidos. Para uns representantes dos traballadores e traballadoras os puntos do acordo estanse a cumprir e outro sector non concorda con esa postura.
A situación agora mesmo é de normalidade, diría que é un momento similiar ao que viviamos antes da folga. Aqueles foron meses moi duros para todos e todas, todas as partes, tanto desde o punto de vista da xestión que fai a Xunta, pois son persoas as que levan a xestión da administración de Xustiza. Digo administración porque nós non temos competencias sobre xuíces e fiscais nin letrados. Concretando, estamos nun punto de normalidade. Tamén me gustaría puntualizar que prefiro falar, por competencias propias, da administración da administración da xustiza. Digo isto para poñer en valor o que dixo o Tribunal Constitucional cando se fixeron as transferencias ás CC AA. Estas transferencias fanse para xestionar os medios materiais, non temos competencias sobre xuíces e fiscais, iso corresponde ao poder xudicial.

O Museo Thyssen presenta a primeira experiencia de realidade virtual no museo. EUROPA PRESS - Arquivo
O Museo Thyssen presenta a primeira experiencia de realidade virtual no museo. EUROPA PRESS - Arquivo

-Algunhas CC AA reivindicaron as competencias de nomear xuíces ou fiscais.
Ningunha comunidade ten esas competencias tal como sinala o deseño constitucional. O artigo 149.1.8 di que é competencia do Estado a administración de xustiza. Algúns estatutos de autonomía quixeron recoller a idea “queremos facer o mesmo que fai o Estado”, serían as “cláusulas subrogatorias”, a nosa está no artigo 21 do Estatuto de Autonomía. Unha lei orgánica do Poder Xudicial en 1985, que era unha lei maximalista,  non permitía ningún tipo de intervención por parte das CC AA., iso sobre a parte executiva, sobre isto houbo unha sentenza en 1990. Logo comezaron as transferencias. Comezaron Cataluña, País Vasco e máis Galicia.

 "Prefiro falar, por competencias propias, da administración da administración da xustiza"

-Finalmente asinouse un acordo entre a administración galega  por unha parte, algúns dos sindicatos con representación entre os funcionarios e funcionarias mentres que outros non asinaron. Dous puntos que se trataron durate as negociacións foron o Complemento Autonómico Transitorio e o Complemento Específico. Que son estes complementos?
Os corpos de funcionarios ao servizo da administración de xustiza seguen sendo corpos estatais ou corpos nacionais, como son definidos dentro da terminoloxía xurídica. Fago este énfase porque logo está o persoal laboral da Xunta de Galicia. Sobre os corpos nacionais, o seu salario está regulado polo Estado dentro da Ley Orgánica do Poder Xudicial. O salario base é o mesmo en todas partes e tamén o trienio e os complementos xerais, entre eles o Complemento Xeral do Posto. Queda despois unha parte que a través do traspaso de competencias, corresponde ás CC AA. Algunhas teñen máis ca outras, Navarra e o País Vasco van por diante e nós quedaramos na parte media alta dentro da táboa de complementos autonómicos. Unha cousa que debo subliñar, e os sindicatos poden corroborar, é que temos o compromiso de manter sempre esa mesma posición. Así, se as outras Comunidades moven as súas pezas e nós quedamos por debaixo, durante o último trimestre do ano, debemos facer contas para que o complemento que paga a Xunta os deixe na mesma posición. Houbo algúns acordos máis, como que cobraras o mesmo salario dunha persoa a quen estabas substituíndo noutro posto dentro doutro rango superior. Así se crea un complemento para equiparar salarios.

"Ningunha comunidade ten esas competencias tal como sinala o deseño constitucional"

Reunión Folga Xustiza
Reunión Folga Xustiza | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

-Tamén se falara de creacións de prazas.
Si, falárase da creación de praza a medida que houbese crédito mediante outro tipo de amortizacións. Xa houbo a creación de trinta e cinco prazas pola creación daqueles reforzos que levaban máis de tres anos. Aquí quixera facer un paréntese. Este foi un tema artificial, porque o crédito para a creación das trinta e cinco prazas estaba xa dentro dos orzamentos para 2019.

-Cal sería entón a porcentaxe dos Orzamentos da Comunidade Autónoma que levaría a Dirección Xeral de Xustiza?
Andaría sobre o 10%. Este ano temos asignados 148 millóns. En 2008 eran 98 millóns, nunca diminuiron os orzamentos de Xustiza. Tamén é certo que unha parte importante era para infraestruturas, edificios, que economicamente teñen un grande peso. Temos un 60% máis de orzamento desde o ano 2008.

-Volvendo aos salarios, a Cláusula de Revisión que aparece no acordo toca en breve.
Si, este ano. É unha consecuencia dos acordos asinados noutras comunidades, ou o mesmo Estado, que quedou atrás. Todo o mundo foi facendo os seus acordos, por exemplo, un dos motivos da folga é que Asturias fixera o seu acordo, entón aquí pasaron a demandalo tamén. Efectivamente, sempre recoñecemos que estabamos por debaixo e o conselleiro dixo que queriamos poñernos dentro da media. Aí cada quen é responsable dos seus actos. Eran sete sindicatos, algúns recoñecen en privado que é un bo acordo, algúns dos que non asinaron, mais poden incorporarse.  Á parte puxémoslles un complemento aos funcionarios dos xulgados de violencia de xénero. Fíxose en tres niveis. Os exclusivos de Coruña e Vigo teñen cen euros máis por mes, setenta e cinco euros os funcionarios das cinco grandes cidades restantes e nas vilas, os que superen o 75% das dilixencias nesta materia, teñen cincuenta euros ao mes.

-Se seguimos coa cláusula de revisión, varias fontes falan de que agora mesmo Galicia baixara postos en canto complementos ata a oitava posición.
Iso tamén me comentaron a min, porque din que apareceron outro tipo de acordos aínda descoñecidos para nós. Xa falamos co Ministerio de Justicia para que nos remitan eses documentos. Mais o momento oportuno para falar deste tema será no último trimestre do ano, cando poñamos sobre a mesa eses acordos e os vexamos, é un acordo que nos obriga a subir se quedamos abaixo.

"Eran sete sindicatos, algúns recoñecen en privado que é un bo acordo, algúns dos que non asinaron, mais poden incorporarse"

-Cal é a diferenza entre Galicia e as comunidades con maior remuneración en complementos? Navarra e País Vasco son das máis altas dentro do Estado.
É posible unha diferenza de 400€. Con todo, a esa persoa que quere cobrar eses catrocentos euros de diferenza, tes que explicarlle que o PIB de cada comunidade é diferente. Desde logo, non quero dicir nada sobre este tema, porque unha vez desdebuxárase un comentario dun colega meu que, en ton de brincadeira, “pois entón concursárase para o País Vasco xa que se era de corpo nacional”. Este comentario esaxerárase, todo por estarmos nun momento álxido da folga e apareceran respostas como “que nos queren botar”. Iso non era así. Aquí hai unha serie de complementos en proporción coas capacidades de cada autonomía. Tamén hai que poñer eses complementos de cara a sociedade, en virtude dalgo que vas facer, a cambio de algo.

-Sobre comentarios, xa que mencionou o de concursar para o País Vasco, sabe que hai acusacións de negociacións “por detrás” entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e os sindicatos que asinaron o acordo?
As negociacións fixémolas con todos, ou tentamos facelas con todos os que querían sentar con nós. Algo rechamante foi o comentario dun dos sindicatos asinantes, “a este conflito sobráronlle dous meses”. O mesmo acordo que estabamos asinando daquela, estaba sobre a mesa o 19 de marzo de 2018 e isto asinouse en maio, o mesmo texto. Nós negociamos con quen podemos negociar. Sobre todo levamos o peso a Secretaria Xeral Técnica da Consellería e máis eu e Función Pública. O comentario que menciona paréceme unha cousa interesada. O caso é que eles mesmos acordaron levar o acordo a unha sorte de plebiscito que aí están as imaxes, que de liberdade  para votar non houbo moita.

-Hai unhas fotografías que foron subindo algunhas fontes sindicais sobre o estado dalgúns xulgados e arquivos.
Esas fotos terían que ter unha autorización do TSXG, porque hai un protocolo  para o tema de prensa. Entendo que dentro da actividade sindical é doado facelo, mais iso se non é unha peza de convicción relacionada cun delicto, habería que tiralo. Por outra parte, a cuestión das competencias e o seu traspaso é complicado porque ás veces colidimos, non podemos invadir o terreo doutra competencia. Os arquivos e arquivar é competencia dos funcionarios xudiciais. A ordenación dos arquivos, dos documentos que  van para eles, correspóndelle ao letrado da administración de xustiza e baixo as súas instruccións, a un corpo chamado auxilios xudiciais, iso está na Ley Orgánica. O mesmo sucede coas pezas de convicción. A custodia destas pezas é responsabilidade do letrado e baixo as súas instruccións, dos auxilios. A nós, á Dirección Xeral de Xustiza, pódesenos chamar a atención por non ter medios. Logo está o tema do expurgo que está relacionado coa ordenación do arquivo e despois, mediante unha comisión do Tribunal Superior de Xustiza, é autorizar a eliminación, ás veces poden quedar cousas que poden ter un valor histórico. O expurgo é competencia dos funcionarios, e ás veces con razón, din que non dan. Por que hai que facer unha relación de documentos que analizan desde Xustiza a Patrimonio. Actualmente xa van un millóns de expedientes expurgados, moitos dentro da Provincia de Pontevedra.

-Actualmente están facendo expurgos, entendo.
O ano pasado, debido á folga foi un ano estéril. Este ano está lanzado un contrato para actuar nos arquivos provinciais. Está para ver o arquivo de Ourense, a ordenación do de Vigo. En todos os xulgados onde temos que facer ese labor de ordenación, a Xunta está metendo subalternos. Con eles, elimináronse miles de pezas de convicción que non sabían de que eran. Agora temos un plan de mobiliario, que está na súa primeira fase e con dúas vertentes, unha de mobles e outra de armarios rodantes. Esta actuación levarase en tres anos.

-Que sucede entón coas persoas, interinos e interinas, enviadas para quitar carga de traballo acumulado logo da folga?
Se levan máis de tres anos, temos que crear a praza. Creamos trinta e cinco prazas. Por outra parte, nalgúns casos pódese cesar, que non vai seguir ese posto. Creamos as trinta e cinco prazas, os que estaban nelas adscribímolos a esa praza, no seguinte concurso de traslados, saíron e foron collidas maioritariamente por titulares. Entón os interinos saltaron. Menos a do número un de Lugo, onde estaba a xuíza de Lara, que ninguén a quixo. Mentres, durante as tres fases de recuperación e liberación de carga de traballo, a primeira foi de servizos comúns, de rexistro e reparto. Había notificiacións sen facer, o Imelga, as fiscalías e os rexistros civís exclusivos. Isto do 15 de xuño a finais de xullo de 2018. Logo desde outubro a finais de decembro, en todos os xulgados. Mentres, estas persoas non poden emitir sentezas e outras atribucións que corresponden aos xuíces e outras funcións. Segundo o acordo, metémonos na terceira fase. Mentres seguimos esperando porque hai un plan para os xuíces, fiscais e letrados.

-Os novos xulgados de Vigo incrementaron o seu orzamento na súa construción. Apuntan que de 27 millóns pasaron a 31 millóns de euros.
Era o antigo hospital xeral de Vigo e houbo un tirapuxa entre autoridade local e Xunta. Nós sempre construímos ou restauramos co terreo libre de cargas. Desde o ano 2009 tivemos iso, un tirapuxa coa administración local, que finalmente lle deu para adiante á expropiación. Cando xa tiñamos activado para un terceiro edificio, o Tribunal Supremo emite unha sentenza que anula o PXOM de Vigo e non puidemos seguir para adiante. Entón xurde a posibilidade de restaurar este edificio que foi moi ben acollida. As dúas partes laterais do edificio houbo que baleiralas de cobre e amianto ademais de teren problemas de construción e os técnicos recomendaron volver construir para afirmar os piares ademais de derrubar un edificio onde se construirá unha praza.

"Considero que Xustiza está ben dentro de Vicepresidencia"

-Outro dos puntos que sinalan desde as organizacións sindicais é a seguridade nos xulgados, falta de policías ou gardas civís.
Mediante o convenio que temos, os policías ou gardas civís que realizan labores de seguridade son persoal en segunda actividade. O convenio recolle unha serie de prazas, cando non hai xente para cubrir todas as prazas, ademais de que, en cidades con máis de catro xulgados hai que traballar mesmo domingos pola mañá. Por iso, cando non hai axentes suficientes, recorremos á seguridade privada que nos sae máis cara e, á parte, existe outra percepción cando se ve xente de uniforme. Ademais, estes gardas e policías reciben un complemento que nós lle pagamos ao Estado a través da Axencia Tributaria. 

-Por que non existiu nunca un departamento independente de Xustiza, é dicir, unha Consellería de Xustiza independente, sen estar fundida con outros departamentos?
Os modelos son os da Consellería de Presidencia, que iso conleva Xustiza. É  algo semellante a Facenda, que está ben que dentro dese departamento estea Función Pública, porque finalmente o funcionariado da Xunta ten relación con temas económicos. Pois considero que Xustiza está ben dentro de Vicepresidencia e á parte, tamén é cuestión de quen ten que decidir isto. 

Estado dos xulgados de Arzúa
Estado dos xulgados de Arzúa | Fonte: CIG
Juan José Martín, director xeral de Xustiza
Juan José Martín, director xeral de Xustiza | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta