Socialistas e nacionalistas, socios preferentes en concellos e deputacións

O PSOE insiste en que o seu "socio privilexiado" para gobernar é o BNG, ao que queren tamén gobernando nalgunhas cidades. Os nacionalistas prefiren entrar só nas deputacións pero non nas grandes cidades por temor a ser fagocitados na oposición polas mareas. E hai casos illados como en Catoira, onde o BNG negociará co PP para expulsar ao PSOE ou en Baiona onde sentarán xuntos Ciudadanos, BNG e PSOE para botar ao PP.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Socialistas e nacionalistas poderían reeditar os pactos que xa mantiveron nas tres deputacións na pasada lexislatura e en diferentes concellos da xeografía galega. Un pacto que poderá ser ampliado logo das pasadas eleccións do 26M tamén ao goberno das grandes cidades.

Miguel Fernández Lores. EUROPA PRESS - Archivo
Miguel Fernández Lores. EUROPA PRESS - Archivo

E é que, PSOE e BNG están moito máis próximos a acordos de goberno conxuntos que coas mareas, coas que, ademais, as dúas formacións mantiveron posturas moi encontradas, especialmente, nas cidades da Coruña, Ferrol, Compostela ou Pontevedra. As experiencias anteriores --mesmo no goberno da Xunta-- fan que as direccións de ambas as dúas formacións estean máis cómodas reedianto pactos de goberno sen a presenza das mareas.

Esta posibilidade é, ademais, a que tamén defenden os grandes medios de comunicación, nomeadamente, La Voz de Galicia. E é a mesma estratexia que tamén seguen algúns grandes grupos mediaticos do estado, que apostan por un acordo entre Ciudadanos e o PSOE.

Con todo, non hai unanimidade en sectores do PSOE e do BNG á hora de reeditar eses acordos en todas as administracións. E é aí onde radican as principais dificultades das direccións das dúas formacións para atopar fórmulas que poidan ser de interese mutuo. Os socialistas queren o apoio dos nacionalistas nos grandes concellos, algo ao que se resiste o BNG en determinadas urbes, mentres que estes queren cogobernar nas tres deputacións.

Por iso, tanto as direccións dun e doutro partido buscan fórmulas que poidan contentar ao outro, como pactos concretos para a lexislatura ou o apoio das contas municipais. Con todo, un acordo entre PSOE e BNG deixará mans libres ás mareas para exercer como única oposición na esquerda, algo do que recelan tamén nas filas nacionalistas, que temen ser fagocitados polos socialistas e ser castigados nos vindeiros comicios.

Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero
Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero | Fonte: EP

"GOBERNOS SÓLIDOS"

O argumento que defenden as direccións do PSOE e do BNG é o de buscar "gobernos sólidos". E niso foi o que incidiu, precisamente este luns, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou por configurar "gobernos sólidos e estables" para toda a lexislatura naqueles municipios nos que sexa necesario chegar a acordos con outras formacións e definiu ao BNG como "socio privilexiado" para estes pactos.

"A miña preferencia persoal sería facer gobernos conxuntos alí onde fose posible que reforzasen a posición dun goberno. Iso hai que pactalo no territorio en cada lugar e depende tamén da vontade dos demais", indicou Leiceaga, que recoñeceu que non haberá unha "solución única" xa que hai lugares nos que poderán darse acordos entre ata "catro forzas".

Respecto diso, tras destacar o "reforzo" das posicións do PSOE e pór en valor as maiorías absolutas alcanzadas, apuntou que, onde o PSdeG non poida gobernar en solitario, "a vontade é establecer acordos de amplo espectro".

"Hai un socio privilexiado, que é o BNG, porque ten máis apoios que ninguén despois do PSOE e vai ser necesario para a gobernación en moitos lugares", explicou para asegurar que o que lle "gustaría" é que se puidesen configurar "gobernos sólidos e estables" para toda unha lexislatura co convencemento de que "é o mellor para os cidadáns".

Con todo, recoñeceu que "hai circunstancias diversas" e que se debe deixar unha "marxe de actuación" aos actores locais. Así, apuntou a posibilidade de que haxa acordos "con menos estabilidade" nalgúns lugares pola incorporación doutros actores aos que o PSdeG tamén lle "gustaría" incorporar" e referiuse a as "múltiples candidaturas do mundo das mareas" ou ás "independentes" coas que, conforme indicou, os socialistas queren "levar ben".

O BNG "VAI DIALOGAR"

Pola súa banda, a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, manifestou que o BNG vai actuar "con responsabilidade" á hora de contribuír cun "mandato con cambios reais nas cidades", pero non quixo concretar a posición da formación en ningunha delas.

En Lugo, con todo, a asemblea local xa decidiu iniciar un diálogo para cogobernar e en Ferrol garantiuse ao PSOE, tanto por parte de Ferrol en Común como do BNG, que se facilitará un goberno dos socialistas para evitar que o faga o PP. "O resultado non o podemos predeterminar", apuntou.

En rolda de prensa, Ana Pontón manifestou que o debate "non se pecha estes días" e vaise a pór a traballar "para fortalecer o proxecto do nacionalismo e contribuír desde onde os colocaron os cidadáns", sexa no goberno ou na oposición.

"Onde non temos Alcaldía, imos ás institucións para cambiar as cousas. Imos ser moi esixentes desde o diálogo", explicou a dirixente nacionalista, quen insistiu na máxima de que o BNG non vai facilitar nin negociar coa dereita e quen defendeu que a formación "non ten ningún apriorismo" con respecto ao resultado dese diálogo.

LORES: "NESTA OCASIÓN NON É UN TEMA PECHADO"

Pola súa banda, o alcalde e candidato á reelección en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo que "falarán co PSOE", como "falan sempre en todos os mandatos", aínda que o resultado nalgunha ocasión foi a de cogobernar e noutras a de facelo en solitario.

"Temos experiencia para todo", manifestou o rexedor pontevedrés, quen manifestou que "neste caso, é un tema que non teñen pechado, pero haberá conversacións". "E non ten nada que ver coa deputación", resolveu, preguntado especificamente por se estarían ligadas as negociacións e conversacións á gobernabilidade da Deputación de Pontevedra, na que o Bloque cogobernou co PSOE o mandato que agora termina. Os socialistas están a un deputado provincial da maioría absoluta.

Preguntado por se o feito de perder un concelleiro fai máis plausible un pacto de goberno, o alcalde pontevedrés dixo que unhas veces se sobe e outras se baixa", pero reivindicou que o BNG "gañou as eleccións claramente nun contexto que é difícil" e con cuestións que "incidiron" especificamente nestas eleccións, como a situación de "privilexio" que quere manter a pasteira Ence --dixo--.

CATOIRA E BAIONA

Por outra banda, e a pesar das directrices dos partidos, hai concellos nos que as direccións locais van por libre. Iso é o que acontece en Catoira e en Baiona. Na primeira, os nacionalistas sentarán a falar co PP para que non goberne o PSOE. Na segunda, o Bloque sentará co PSOE e con Ciudadanos para tentar quitar do poder ao PP.

Sobre o caso de Catoira, Ana Pontón desautorizou esa operación aínda que evitou confirmar a expulsión dos concelleiros nacionalistas no caso de que senten a falar co PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

5 Esperanza Garabelos

Como é posible que non vos decatedes de que pactar co falsario PSOE é o abrazo do oso que acaba co nacionalismo galego. que nada ten a ver o PSOE cos intereses das galegas. sabedes de sobra que PPSOE e Ciudadanos tenhen o mesmo patrón. non pode ser tanta inocencia. aquí algúns confundides o voso apetito co ideal do país. abonda de impostura, se o BNG se converte nunha franquía do PSOE, entón o BNG traballa para os intereses da dereita, dos oligopolios, do nacionalismo espanhol excluinte e dos borbóns. non se pode servir a dous amos, as ideas do BNG e a do PSOE son incompatibles, logo os que se entreguen son uns VENDIDOS. e punto.

4 Mugueimes

Se o BNG vai em coalizão com Bildu e com ERC, partidos proscritos pelo PsoE (presos políticos, exiliados, persecução, repressão, falsidade e corrupção), que fazem pactuando, compartilhando governos, mesas e toalhas de banquete o BNG e o PsoE? Coerência, zero! Apoio ao sistema, total!

1 Pertom

Daquela que nom pactem e que governe o PP, nom é? Desgraciadamente a correlaçom de forças é a que é e hai que optar polo mal menor. Tamém o fam Bildu ou ERC, que já amosarom a sua dispossiçom a facilitar o governo de Pedro Sánchez, e seguro que nom por concordáncia política...

2 Alpinista

Unha cousa é pactar e participar no desgoberno co PsoEspañol (estratéxia do BNG e agora de Podemos), outra é non impedir ou facilitar (Bildu e ERC). Sospeito que xa o sabías... Xa se nota, abofé que Caballero era o 'mal menor'? Patético servilismo!

3 Foxo

O BNG é libre de negociar con quen queira se defende os intereses de Galiza. Outra cousa é venderse a Madrid. O PNV é españolista? Pois iso, madrillegos a Madrid.

1 Alpinista

Boisimo. O psoE defende os intereses dos galegos, e, se cadra, tamén dis que Baltar os de Ourense e Caballero os de Vigo. E o BNG pacta co demo, a cambio de alimento para as súas criaturas.

2 Foxo

Eu votei BNG (x3) sabendo que habería pactos co PsoE, era o mal menor. Qué outro partido galego "quimicamente puro" coñece vosté? Non o hai (son indepe, CausaGaliza pediu o voto para o BNG, tamén son españolistas??

3 Sentidiño

É unha desgraza que para algunhas persoas apoiar ou non as representantes políticas sexa algo así coma votar en eurovisión, ou ser fan dunha equipa de fútbol... As persoas son o de menos, trátase de proxectos, de ideas, e de vontade. Unha aperta, Foxo.

4 Alpinista

Natural, o PsoEspañol é de esquerda, respeta a pluralidade nacional e a democracia básica. Verdade? Feitos: a reforma laboral, o 135, o 155, o Gal, a financiación alemana era 'gratuita', a OTAN, Filesa, os Eres, a monarquía, a igrexa, as portas xiratorias, os presos políticos, peche de medios críticos, control da xustiza, continuidade da represión e a tortura (TEDH), Venezuela e outras inxerencias, refuxiados, valados, CIES, recurso contra a Leí de Normalización, Paco Vázquez, Caballero... Natural, ti es Independentista de IKEA, segues a Causa do Real Madrid de Florentino, e apoias a Galiza de don Amancio (seguro que tes de cabeceira a foto do Beiras do BNG e o Camilo co patrón, ou da lideresa e o alcalde vitalicio co Borbón). Anxiño inocente...

2 eusi

o Bnjajaja en estado puro: ou que pensaban os seus votantes? ...É que a culpa é sempre dos demais, e aos pobres carneiros non lle queda outra que pactar co P$oe

1 Chaíñas

Preguntaremos en que pensas ti, esmolante, se non estivesemos certos de que pensar non é o teu. Isto chámase negociar, sabías? Coma cando Iglesias apañaba menesterios sen dicir ninchicas os de anova, ou coma agora, que anda axeonllado porque ou apaña menesterio, ou lisca para casa (mentres poida pagar a hipoetca, claro). Negociar é unha cousa, abrir a porta e vender organizacións os da meseta, é outra cousa ben distinta. E se non pillas a diferencia, que cha explique O'Beiras, que desta seguro aprendeu algo.

1 Bendito Chiringuito

Como é posible que o BNG pacte con quen aplica o 155, acusa (abogacía do estado, fiscalía, tribunais políticos) e mantén na cadea presos políticos, até exiliados, prefire hoxe mesmo un goberno de trifachitos en Nafarroa (a unha abstención de Bildu)? Resposta: polo alimento de Ana Pontón e cuadrilla de tragadeiras agradecidas ao PsoEspañol!

1 chiringado

Pregúntalle a ERC ou Bildu que tamém pactam co PSOE

2 Bendito Chiringuito

Chingado, podías amosar un só exemplo de repartito con Bildu pactando e compartindo goberno co PsoEspañol? En Barcelona, contra ERC, non se unen PsoEspañol, Ciudadanos españolistas de Valls e Ada Colacao do españolisimo postureo equidistante? Querer comparar un equipo da decaída segunda rexional, como o BNG, con líderes da primeiro división é ben ridículo! E todo, xa sabes, por que o BNG véndese barato ao PsoEspañol!