Temas: BNG CATOIRA PSOE PP

A dirección do BNG desautoriza as negociacións do seu partido co PP en Catoira

O líder nacionalista local, Xan Castaño, insiste en abrir negociacións co PP para quitar a alcaldía ao PSOE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2019 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desautorizou este luns ao seu candidato en Catoira, Xan Castaño, para negociar ou manter algún tipo de contacto co PP para acceder á Alcaldía. Neste concello pontevedrés, o PSOE foi a forza máis votada, seguida do Bloque e do PP, que abriu a porta a sentar cos nacionalistas para sacar da Alcaldía a Alberto García.

Preguntada a este respecto en rolda de prensa, tras reunirse cos candidatos das principais cidades galegas, Ana Pontón dixo que o BNG "non vai apoiar un goberno" de dereitas nin "vai negociar ningún goberno municipal en ningún lugar" co PP.

Con todo, Xan Castaño afirmou a Europa Press o pasado venres que si se reunirá cos populares, aínda que manifestou que non será unha "negociación" cos populares senón unha comunicación do que a súa asemblea local decidiu --que é presentar candidato á Alcaldía na sesión constitutiva--. Repreguntada por estas declaracións, Pontón manifestou que o Bloque é "unha organización nacional" e marcou esta liña de acción.

"Non desautoriza a ninguén, quen non queira cumprila, non está a cumprir o que di esta organización. Non imos apoiar ningún goberno da dereita", aseverou a líder nacionalista con respecto á directriz da organización.

Ao ser interpelada por se, non habendo negociación, aceptaría os votos do PP para acceder á Alcaldía, Pontón rexeitou entrar en "cábalas" nun lugar concreto. E foi firme ao reiterar que o BNG "ten unha política moi clara con liñas vermellas: non imos gobernar nin negociar gobernos coa dereita".

AVANCE SOCIAL

Na súa intervención, a portavoz nacional volveu destacar o "avance social" da formación, ratificado pola "suma de apoios" que supuxeron "duplicar" os votos nas xerais e europeas e incrementalos nas municipais, ata "volver ter representación en todas as cidades galegas e ser determinantes". A conclusión de Pontón é un "avance claro do BNG e un PP en declive, que claramente retrocede e perde peso".

Así, o "novo reto" será en 2020, coa convocatoria das eleccións galegas, que o BNG afronta con "decisión para garantir un cambio real e pór punto e final" á década de Alberto Núñez Feijóo e "poder abrir este novo tempo político que necesita Galicia". A líder do Bloque incidiu en que o proxecto que capitanea é o dunha organización "unida e sólida" e "referente de moitas persoas neste momento", polo que seguirán traballando para "abrir ese tempo novo", porque "hai outra Galicia posible".

Así, subliñou que se avanzou un 22,2 por cento no voto nas cidades e un 31,3 por cento en xeral. Destacou, ademais, o apoio "maioritario" á cidade de Pontevedra, o que é "garantía de que esta cidade siga avanzado", á vez que recuperou a representación en Vigo e en Ourense e houbo un "avance importante en Santiago e A Coruña". A isto, sumou que o BNG é "decisivo" en Ferrol e en Lugo.

Pontón manifestou que o BNG vai actuar "con responsabilidade" á hora de contribuír cun "mandato con cambios reais nas cidades", pero non quixo concretar a posición da formación en ningunha delas. 

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Temas: BNG CATOIRA PSOE PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta