"Os castrexos eran multiculturais, multiétnicos e polígamos"

É unha das promesas da arqueoloxía deste país e acaba de presentar a súa tese de doutoramento sobre o mundo castrexo logo de 35 anos de seca sobre a temática. Xurxo Ayán (Pontevedra, 1976) rompe tópicos nunha obra que algún catedrático xa cualificou de obra mestra da arqueoloxía castrexa. Este fiel colaborador do GC fálanos da "Casa, Familia e Comunidade na Idade do Ferro no NW".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 06/02/2012 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

Un traballo novidoso o que acabas de presentar, sobre todo, porque en 35 anos non se fixera algo tan completo sobre o mundo castrexo. Que segredos desvelas?

None

A última síntese sobre o mundo da arquitectura doméstica dos castros data de 1976 (El Hábitat castreño de Ana Romero Masiá), ano, casualmente do meu nacemento. Dende aquela mesmo un sector da investigación segue defendendo que non era posible dicir nada máis sobre a casa dos castros, malia os centos de escavacións arqueolóxicas desenvoltas dentro dos poboados fortificados nas últimas décadas. Esta estraña situación complétase con outra cuestión máis misteriosa: se o NW da Península Ibérica é a zona de Europa con máis metros cadrados escavados no interior dos castros, por que apenas se coñece nada do espazo doméstico? Por que os planos dos castros seguen a ser mapas mudos? A miña tese tenta respostar a este interrogante. Para iso, fixo falla levar a cabo unha ampla crítica historiográfica da evolución da arqueoloxía galega dende a Ilustración. Este estudo desvela algúns segredos, como ti dis, que podo resumir nos seguintes puntos:

-A historia da Arqueoloxía galega non é como nola contaron.

-A Arqueoloxía galeguista contribuiu á consolidación dun sistema cultural galaico-minhoto que encerrou a investigación, pechando calquer influencia teórica exterior até a década de 1980.

-Dende os século XIX predomina unha visión salvaxista e primitivista da xente dos castros, que pasou á cultura popular e mesmo á Arqueoloxía Clásica que ve a romanización como Progreso e Modernización.

-A cultura castrexa non existiu.

-As comunidades da Idade do Ferro non eran pacíficas, nin eran igualitarias.

 

 

É logo certo iso de que a casa xa é o centro da vida galega desde a Idade do Ferro? por que?

O xurdimento dos poboados fortificados entre os séculos IX-VIII a. C. vai supoñer a aparición por primeira vez en Galicia de asentamentos sedentarios, permanentes, erguidos por comunidades plenamente campesiñas que se apropian do territorio. Neste contexto de sociedades labregas a dicotomía unidade familiar-comunidade é o eixo sobre o que se vertebra a reproducción social e a convivencia. Por iso a vivenda, a casa, é un eido da cultura material que reflicte moi ben  as rupturas e continuidades, os cambios sociopolíticos acontecidos dentro desas comunidades. Isto puidémolo comprobar de cheo no noso traballo etnoarqueolóxico na fronteira entre Sudán do Sur e Etiopía. Neste senso, a miña tese amosa como na 1ª Idade do Ferro a colectividade predomina sobre as unidades domésticas, a arquitectura monumental é a do propio poboado mentres no interior dos asentamentos as casas están erguidas en materiais perecedoiros, son todas praticamente iguais, hai un predominio dos espazos públicos sobre os privados, non existen estruturas de almacenamento de excedente agrario… é dicir, semella que existía unha certa homoxeneidade nunhas comunidades que desenvolvían un modo de producción doméstico. Doutra volta, a continuidade coa Idade do Bronce precedente é total en moitos eidos (arquitectura doméstica, emprazamento, cerámica, tecnoloxía), agás nun fenómeno clave: o xurdimento da fortificación a escala do NW e da arquitectura en cachotería na área das Rías Baixas. A situación troca a partires do século IV a. C. cando estas comunidades entran nun proceso de división e xerarquización social que conducirá a aparición na área meridional de auténticas ciudades (oppida) a partir do século II a. C. Neste contexto a vivenda ritualízase, monumentalízase e pasa a ser un referente identitario da familia extensa, unha unidade de producción e de consumo. Este fenómeno constatáse moi ben no S de Galicia e NW de Portugal, onde investigadores como Alfredo González Ruibal falan das sociedades de casa, aplicando o coñecido modelo antropolóxico de Lévi-Satrauss. Na nosa tese, con datos procedentes das nosas escavacións arqueolóxicas en castros como Castrolandín, vemos como nos séculos II-I a. C. hai familias que van para arriba e outras que van para abaixo, hai casas que se van apropiando do espazo público, van medrando de tamaño e número de estancias e van acaparando o excedente agrario e mailos produtos de importación, bens de prestixio procedentes do Mediterráneo e da Meseta (viño, cerámica fina, ornamentos, ungüentos…). Xa que logo non me atrevería a dicir que a casa é o centro da vida galega dende a Idade do Ferro, pero si é evidente que é a imago mundi das comunidades da Idade do ferro, unhas sociedades que priorizaron na súa paisaxe cultural o asentamento, o espazo doméstico, por riba do espazo funerario, por poñer un exemplo. 

 

Se tiveras que salientar algo das comunidades castrexas, que dirías?

A vontade de permanencia na memoria, no espazo e no tempo. Así se explica que Galicia conte coa arquitectura doméstica máis monumental de toda a Europa continental do 1º milenio a. C., froito do labor dun traballo colectivo no que non existía a figura do arquitecto. No fondo, a xente dos castros no creía no feísmo.

 

A capacidade de reinterpretación das aportación alóctonas. As nosas comunidades locais non eran suxeitos pasivos colonizados senón que se apropiaban das innovacións tecnolóxicas, das crenzas e dos obxectos, adaptándoos á súa cosmovisión, á súa maneira de estar no mundo. Malia que emulaban modelos de prestixio de fóra, non deixaban de construír a súa propia identidade. Unha boa lección para os tempos que corren.

 

A perfecta adaptación a un medio ecolóxico que nunca sobreexplotaron, garantindo un modelo de poboamento que perdurou durante un milenio. Un espello onde mirarnos se non queremos acabar de vez con este país.

 

O seu carácter dinámico e a súa integración en dinámicas de multiculturalidade e globalización, como eixo de comunicación entre o Atlántico Norte e o Mediterráneo. Este fenómeno racha coa imaxe clásica do aillacionismo e primitivismo dos habitantes dos castros, tal como aparece reflectido na educación escolar dende hai décadas, como demostro na terceira parte da miña tese.

 

Celtismo

 

Algúns lectores preguntaránse porque non falamos dos celtas ao referirnos a esta época. Poderías explicalo?

Eu mesmo teño participado nun libro colectivo xurdido do seo do noso grupo de investigación titulado Los Pueblos de la Galicia Céltica, título que obedece a márketing editorial e a unha liña de traballo interdiscplinar que tenta resituar a problemática dos celtas en Galicia. Na miña opinión é un tema que se dilucidará (ou non) grazas a o traballo de lingüistas e historiadores da relixión. Pola contra, aos arqueólogos resúltanos complexo identificar marcadores de identidade a partir dos restos arqueolóxicos. Por exemplo, a casa é un símbolo étnico. Nós en Etiopía, vendo o tipo de remate da cuberta de colmo dunha choupana sabemos de que etnia é a familia que se cobilla dentro dela. Algo semellante tería acontecido na Idade do Ferro do NW, onde os límicos, os lemavos e os prestamarcos probablemente se diferenciasen moito a nivel material. Este é o cerne da cuestión. Contra a imaxe estática e uniformizadora que se agocha tralo termo político e ideolóxico de cultura castrexa (iso nunca existiu), a realidade dos castros era multicultural e dinámica, con comunidades moi diferentes, suxeitas a distintas dinámicas sociais e influencias alóctonas. As fontes clásicas falan de celtici no NW e doutros pobos, polo que creo que non é excluínte pensar na cohabitación de diferentes comunidades étnicas. A historia da arqueoloxía galega que levamos a cabo na primera parte da tese amosa ben ás claras a sucesiva utilización do concepto de civilización norte dos castros e civilización céltica (por parte da Arqueología galeguista histórica), do posterior de cultura castrexa pola xeración anticeltista formada nos anos 60 e 70 e do máis aséptico de Idade do Ferro que é o que preside, por exemplo, o título da miña tese. Doutra volta, na terceira parte da tese si que analiso polo miúdo a percepción popular da Protohistoria galega na que o mundo celta é un referente identitario, sen ninguna dúbida. Aquí analiso os factores sociolóxicos e historiográficos que explican o contraste brutal entre os castrexos do discurso científico e os celtas cos que se identifica a inmensa maioría da poboación galega.

Houbo celtas ou non en Galicia? Eu só sei que hai bos e malos arqueólogos, como en todos lados.

 

 

Pero hai algo que diferencie aos nosos antergos dos que vivían en Murcia?, o que? 

Supoño que a calidade dos pementos. Non, en serio, eu creo que a diferencia sustancial foi a enorme presión demográfica sobre o medio e un modelo de poboamento disperso, no caso galego. Os arqueólogos galeguistas, sobre todo os máis católicos, gustaban de dicir que en Galicia cada parroquia tiña un castro. Non é así pero case. O costume galaico de vivir esparexidos remóntase á Prehistoria Recente. Por iso me fai gracia o discurso tecnócrata destes mamalóns popes que consideran un hándicap para a modernización e o progreso esta manía galega do hábitat disperso e do minifundio. En Etiopía o goberno comunista (1974-1991) procedeu ao reasentamento en poboados modernos de grupos étnicos enteiros. Tan pronto como caiu o goberno, a xente voltou ás súas aldeas e hoxendía quedan abandonados os poboados modernos no medio da selva, coas súas gasolineiras e tractores esborrallados.

 

 

Ti que tes excavado numerosos castros, que nos podes dicir destes recintos fortificados que configuran a paisaxe da Galicia prerromana e que tamén son fundamentais para entender a etnografía galega da actualidade? 

Os castros seguen a ser espazos simbólicos na paisaxe rural tradicional galega. Este papel de referente territorial chamou a atención dos primeiros ilustrados galegos que como o Padre Sarmiento ou o Padre Sobreira comezaron a facerse preguntas sobre estas obras antigas. Doutra volta, cómpre lembrar que o descubrimento das casarellas castrexas tivo lugar en Galicia nas décadas de 1910 e 1920 co gallo de obras públicas vencelladas aos accesos a santuarios que coroaban castros como Santa Trega ou Troña. A cristianización destes antigos poboados fai que sigan formando parte do ethnos galaico, con ese inmenso atlas inzado de romerías e festividades vencelladas a antigos ritos (os fachos de Vilela e Castrolandín, por exemplo). Doutra volta, nos últimos tempos, a concienciación patrimonial fai que moitas comunidades locais comecen a preservar estes xacementos, poñéndoos en valor. A miña experiencia nos últimos anos en proxectos como o de Neixón, Castrolandín ou A Lanzada demostra o excelente estado de saúde dos castros como escenografías identitarias na cartografía mental dos galegos.

 

Castrexos polígamos

 

Apuntas na túa tese que os castrexos poderían ser polígamos. En que te baseas para dicir iso?

Na primeira parte, como dixen, tento demostrar como outra Arqueoloxía puido ser posible de non ser pola creba de 1936 que impediu a consolidación de visións alternativas (e progresistas) sobre o mundo da Idade do Ferro. O que predominou dende entón foi o tradicionalismo católico representado por Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco ou Xaquín Lorenzo. Isto marcou até o de agora o sistema cultura galego e así se explica que, por exemplo, a homosexualidade siga sendo en parte un tabú á hora de abordar a historia cultural deste país. Salvando as distancias, do mesmo xeito, suxerir que os nosos devanceiros galaicos eran polígamos pois non sentaría moi ben. Esta é a diferenza con Portugal. Incluso durante o salazarismo, os etnógrafos e antropólogos lusos manexaban unha ampla experiencia antropolóxica (colonial, iso si) en África, coñecendo perfectamente a variabilidade de estruturas de parentesco e o predominio da familia extensa e da poligamia nas comunidades premodernas. Pero en Galicia semella que se aplicaba ao pasado o modelo de familia nuclear cristiá. A nosa experiencia etnoarqueolóxica con grupos como so añuak fannos ver que, por exempo, as casas-patio dos oppida meridionais poderían acubillar este tipo de familias extensas, con varóns polígamos. De todos os xeitos, cómpre lembrar que a Arqueoloxía de Xénero, por exemplo, apenas se ten desenvolto no estudo do mundo dos castros. Algo moi necesario para rachar cos tópicos e prexuízos que proxectamos no pasado, eu o primeiro.

 

Tamén dis que o impacto da romanización non foi tal porque aquí xa chegaran as innovacións técnicas. E iso?

O que se ten demostrado cientificamente é que moitas das innovacións tecnolóxicas que se consideraban froito da romanización, chegaron séculos antes. Así pois, sabemos hoxe que o muíño xiratorio entrou nas Rías Baixas nos séculos IV-III a. C., que os monumentos con forno non eran unha imitación dos modelos romanos senón unha creación propia da 2ª Idade do Ferro, que existían vivendas cadradas e rectangulares en zonas de Galicia ao longo do 1º milenio a. C., que as alfareiras castrexas imitaban a cerámica pintada cartaxinesa, que estas comunidades tiñan explotación mineiras de ferro… son evidencias que rachan con esa imaxe chantada pola Arqueoloxía Clásica que vía en Roma o progreso e a civilización. Voltamos ao comezo, segue vixente, de xeito inconsciente, a visión primitivista e salvaxista da xente do castros, complementada coa falacia de que era unha sociedade pacífica e igualitaria, un únicun no mundo.

 

O conflito no mundo castrexo

 

Ou sexa que os nosos devanceiros habían de ser bos e grandes guerreiros?

Outro proceso que se constata nas últimas décadas é aquilo que demos en chamar narcotización do pasado. O mesmo que se fixo na Transición democrática aplicouse á Idade do Ferro. O conflicto, o trauma, a violencia non teñen cabida na interpretación sobre a vida da xente dos castros. Dá igual que aparezan armas, que haxa murallas, deidades vencelladas ao mundo da guerra, estatutas de guerreiros, que se producisen as Guerras Cántabras ou que os romanos reclutasen soldados entre as comunidades castrexas (como a afamada á de cabaleiría dos lemavos). Todo se interpretaba minusvalorando o conflicto como mecanismo de regulación social. Nas comunidades premodernas o conflicto (e a resolución pacífica ou violenta do mesmo) é fundamental para construír a identidade e lexitimar as diferencias sociais. E moito máis nunhas comunidades que se fortifican.

 

Outra das cuestións que me chamou a atención do teu traballo é o da recuperación histórica dos grandes arqueólogos republicanos como Sebastián González García-Paz. Que fixo polo país?

O pontevedrés Sebastián González García-Paz, arqueólogo e historiador da arte, foi membro do SEG e da vertente máis progresista do Partido Galeguista. Becado pola Junta de Ampliación de Estudios en Alemaña en Franza foi profesor de Arqueoloxía na USC nos anos 30 e o primeiro investigador que centrou a súa atención na arquitectura doméstica dos castros, escavado en Troña, Santa Trega, Borneiro ou Baroña. Tamén escribiu unha historia da USC con Pérez Bustamante, e era especialista en Historia de América e arte galega. Tras 1936 o seu nome desapareceu da bibliografía e da historia da Arqueoloxía galega. Mesmo traballos que fixera el antes da guerra foron publicados por outros sen citalo a el, non fora ser. A diferencia de el, Pérez Bustamente faría carreira na universidade feixista como fidel apoio ao Rexime.

Depurado, marchou ao exilio a Puerto Rico onde estivo como profesor da Universidade de Río Piedras até a súa morte en 1967. Alí colaborou durante a guerra na axuda na recepción de exiliados republicanos (el foi o primeiro en chegar porque tiña familia alí) como Pau Casals ou Juan Ramón Jiménez. A súa xenerosidade era proverbial. Como exemplo esta cita entresacada dunha carta que lle mandara dende París ao egrexio Antón Fraguas en 1931:

Eu son optimista, non serei catedrático, non quero máis que traballar escuramente e gozar cos descubrimentos, sen ambición de ver o meu nome no papel impreso. Que recolla todo o proveito o Seminario de Estudos Galegos e as xeracións que veñan detrás do meu traballo de futuro, porque ata o de agora nada teño feito.

Este home é  toda unha metáfora da Arqueoloxía que puído ter sido. Coa tese comezamos a indagar na súa figura e obra, e niso seguimos. Estamos na fase de elaboración dunha monografia na que recuperamos numeroso material inédito do seu traballo arqueolóxico de preguerra.

 

Que fixo, despois, a Ditadura na arqueoloxía galega?

O proceso de institucionalización da Arqueoloxía galeguista truncouse dramaticamente e iso tivo consecuencias durante décadas. A Arqueoloxía acabou en mans de eruditos, afectos ao Rexime (Filgueira Valverde, Luengo, por poñer dous exemplos) e outros sen formación especializada, como Chamoso Lamas. Asemade, moita da Arqueoloxía que se facía era a partir do voluntarismo dos Museos cos que colaboraban os galeguistas moderados, como era o caso de Ourense, coa escola de Cuevillas. Outra consecuencia foi a pervivencia dos mesmos enfoques até fins da década de 1970.

 

Ayán é todo un referente por ser o gran excavador dos castros do Neixón, en Boiro. Ten participado en proxectos de investigación sobre a memoria histórica en diversos lugares de España e traballado en proxectos internacionais de arqueoloxía en Guiné Ecuatorial, Etiopía e Sudán. 

Participou en foros internacionais como os congresos da Asocciación Europea de Arqueólogos en Lisboa (2000), Esslingen, Alemaña (2001), San Petersburgo (2003), Lyon (2004), Cork, irlanda (2005), Cracovia (2006), Zadar, Croacia (2007), e en publicacións internacionais en revistas europeas e norteamericanas. En xuño presentarase este traballo no marco do congreso final do proxecto aprobado polo Parlamento europeo Archaeology in Contemporary Europe (2007-2012).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 86 comentarios

9 Kike

Os historiadores e a interpretacion que estes deben facer da historia sempre debe ser dende un punto de neutralidade ideoloxica . Ser bo ou mal historiador non depende de ser de centro ou de esquerdas ou de dereitas ou o que sexa . Os historiadores , coma persoas que son , teñen ideoloxia , cada un a que lle de a gana , pero se esta interfire na interpretacion dos feitos historicos , coma normalmente pasa , surxe a sombra do revisionismo e da manipulacion . Creo que certos cmentarios e comparacions politicas sobraban nesta entrevista . Intentarei ler a tese a ver que tal , ainda que a miña primeira impresion do señor Ayan non e moi gratificante e xa se sabe unha primeira impresion so se pode dar unha vez .

1 Lemavo

Aquí libres de ideoloxía só están as pedras e outros minerais inertes, ao mellor, o que queres dicir é que debe estar limpa de calquera ideoloxia que non sexa a oficial. Os meus parabéns a Ayán polas súas achegas: o pasado non para de mutar.

2 Kike

Efectivamente libres de ideoloxia coma dis so estan as pedras e outros minerais . Pero esta non debe ser centro das interpretacions dun historiador .

3 Xanti

Non concordo. Xurxo fala de que outra arqueoloxía puido ser posibel, é posible que idealice demais a esa xente, pero non minte candi di que Chamoso Lamas era un aficionado... Destrozou Santa Eulalia de Boveda, escarallouna viva. Habia moito amateur, iso non é mintir.

8 Emilio

Calo Lourido en "Os celtas. Unha re-visión" amosa dúbidas sobre o carácter guerreiro dos habitantes dos castros (amáis de outros aspectos moi establecidos). Ayán dalle unha volta e di o contrario. Semella que imos ter unha polémica entre as achegas deste autor e outros. Benvida sexa.

1 Xanti

habendo evidencias arqueolóxicas e literarias dicir que non eran guerreiros... cada vez son menos os que defenden isa teoría, francamente moi desprestixiada en toda Europa. Esa xente é a mesma que di que castros como os de San Cibrán e e Santa Tegra son 100% romanos e resulta que as novas análises estratigráficas amosan co castro ten mais de prerromano que de romano.

2 Xanti

Por outra banda Calo Lourido está moi anticuado.

7 XurxoMG

Eu tiña unha pregunta: tes investigado ou analizado a Teoría da Continuidade Paleolítica (TCP) de Alinei e Benozzo? Nela incorpórase unha nova visión sobre a orixe das culturas castrexas e o seu desenvolvemento. Parabéns pola tese. Xurxo M. G.

1 Xanti

Eu agardo tamén a súa resposta, pero zecais aínda é cedo para falarmos diso. Eu defeito gustaríame que alguén explicarame esa teoría a modo. Os historiadores e arqueólogos galegos acreditan na teoría invasionista dende os Alpes, ou nunha reformulación desta teoría.

2 Xanti

bueno, os celtistas quero dicir.

5 Xanti

Si, si, coñezo algunha desas páxinas, pero digo que me gustaría que alguen de viva voz mas explicara. Paréceme interesante ademais.

6 Koroshiya Itchy

6 Pablo

"Arqueoloxía de Xénero" "arqueólogo republicano".... pffff. este tipo apesta a politización. Lo primero que debe ser un científico que interpreta la Historia es perfectamente aséptico. De lo contrario, todo lo que digas hay que cogerlo con pinzas. si has medrado en la Universidad a base de pasarlle a man polo lombo a 4 politicastros, non me vales como referencia. Cambia de lecturas, meu.Adícate o teu.

1 Xanti

Licheste a tese? Non, pois a calar. Botaslle unha ollada e despois falamos. E non fales por falar, porque este rapaz traballa no CSIC, e a xente de arqueoloxia da USC non se leva ben con esta xente porque siguen anquilosados en teorías que ninguén defende por estar totalmente desfasadas; aínda ca razón polo que seguen nas mesmas é que non traballan nada. Falar é gratis xa se sabe...

2 Kike

Completamente dacordo con Pablo.

3 Buli

deus pablo, qué atrevido es; das vergonha alhea!

5 Calad

Nom se pode extrapolar a experiência com africanos para afirmar que os " castrejos" eram multiétnicos pola sua diversidade material. A mesma cultura material pode responder a diferentes origens étnicas, e vizeversa.A genética nom permite sustentar essa afirmaçom. A origem étnica é muito antiga e nom diferente de outras europeias. Talvez se confunda diversidade cultural regional, antes subestimada, com diferentes origens étnicas. É muito “ curioso” que a cultura material nom se diferencie da murciana, e nom tenha a ver com " outros celtas". Nom há aqui nengum " sesgo ideológico"? A mim cheira-me a espanholismo radical projectado cara ao passado, e isso é perigoso apresentado como " dados científicos". É muito meritório o trabalho de campo, mas cuidado com as extrapolaçons e as interpretaçons subjetivas que se fai dele. Cumpre mais reflexom e menos efectivismo mediático.

1 Xanti

Non está a falar de raza, está a falar de cultura. De todolos xeitos hai que ter moito coidado. Xurxo investigou nos castros costeiros, aínda agardamos por unha investigación decente no interior.

2 Kike

Estoy dacordo con Calad en moitas cousas ! Non se pode interpretar ideoloxicamente (refirome empregando ideoloxia e vision cultural presente aplicada ao pasado ) a sociedades tan diferentes cultural e conceptualmente a nosa . Sobra menos ideoloxia e "arqueoloxia republicana" e mais pragmatismo .

3 Calad

A diversidade étnica, entendida como " biológica" nom seria mais grande da que hoje há entre corunheses e vigueses. Outra cousa é que cada comarca tivera o seu jeito de fazer as cousas, cos próprios materiais e costumes locais. Agora, também há elementos comuns, e por isso os Galeguistas históricos empregarom um termo comum. Elementos comuns que nom se dam em múrcia, rússia nem aquitânia: Nom nos passemos ao outro extremo. Povos de línguas celtas havia desde Anatólia até Andaluzia, seria muito extranho que nom se falaram em Gz diferentes dialectos celtas. A povoaçom Galaica actual está mais próxima de franceses do que italianos, ou seja que isso da diversidade étnica cumpre entendê-lo bem.