O escuro negocio dos helicópteros da Xunta, diñeiro público para empresas privadas

Babcock, a concesionaria de moitos servizos de helicópteros da Xunta, apunta un mercado competitivo como elemento condicionador para querer aplicar recortes. Mentres a administración galega segue fornecendo con licitacións e diñeiro público unha empresa que, segundo algúns traballadores, só pensa no beneficio e pouco nun servizo de calidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A folga de traballadores e traballadoras así como das tripulacións de helicópteros contraincendios, Gardacostas de Galicia e algúns do 061, estaría cuestionando o modelo de xestión deste sector, importante para tres áreas importantes para a seguridade da cidadanía en Galicia. E todo porque afectaría tanto ao transporte sanitario en aeronaves medicalizadas como vixilancia e seguridade no  mar, Salvamento Marítimo, Aduanas (isto dependente do Goberno Central) así como algo tan imprescindible como a seguridade e loita contraincendios mediante helicópteros de transporte e extinción de lumes.

HELICÓPTERO DE SALVAMENTO MARÍTIMO. SALVAMENTO MARÍTIMO
HELICÓPTERO DE SALVAMENTO MARÍTIMO. SALVAMENTO MARÍTIMO

A contratación pública para servizos aéreos é un apartado que consume unha dotación de recursos económicos importante. Así, en 2012, a Xunta transfire dous helicópteros de Salvamento Marítimo á empresa Inaer, mediante tramitación urxente. O motivo da urxencia foron, segundo informacións do momento, a declaración de concurso deserto por non apareceren empresas que quixesen levar o servizo de salvamento marítimo. Máis adiante, o presidente da Xunta declarara que o “traspaso” das aeronaves respondía á dificultade de mantemento dos helicópteros. O servizo custoulle un millón de euros máis aos fondos públicos galegos.

INAER-BABCOCK, QUE VEÑEN OS INGLESES

INAER era a empresa referencia en todo o estado para o aluguer e prestación de servizos mediante helicópteros. Nace da fusión de dúas empresas, Helicsa (Helicópteros S.A.) e Helicópteros del Sureste. En 2017 Inaer é mercada por Babcock International Group, empresa británica especializada en contratacións co ministerio de Defensa do Reino Unido e segundo fontes sindicais “con escasa experiencia na xestión de servizos como rescate e incendios”, por iso as mesmas fontes apuntan que “os cadros intermedios do que antes era INAER quedaron nos seus postos, mais os altos directivos foron substituidos” David Lanza de UGT..

Estes altos cargos serían “executivos que buscan resultados económicos e “bonus” de aí que só busquen beneficios conseguindo contratacións” di David Lanza. Ditas contratacións poderían estar baixando e de aí que Babcock usase este punto para aplicar recortes que agora mesmo son o motivo da folga. No caso galego, Babcock, que creou unha filial galega, Babcock Mission Critical Services S.L., presentárase á licitación de contratos para helicópteros do 061 en Ourense e Santiago. A licitación pasou a Habock, empresa que agora se chama Eliance. “Os motivos serían unhas condicións mellores que as presentadas por Babcock” di Pablo Vázquez da CGT. A licitación fora recorrida por Babcock, mais ao final Eliance quedara con esas dúas aeronaves.

Helicóptero medicalizado
Helicóptero medicalizado | Fonte: EP

MOTIVOS DA FOLGA

O obxectivo da empresa é seguir ofrecendo un servizo de calidade e que os traballadores sigan sendo os mellor pagados do sector” din fontes próximas á empresa. Segundo as mesmas fontes, para continuar así, habería que cambiar as condicións “que son insostibles” por que “están totalmente fóra do mercado”. “O convenio asinouse en 2015 cando aínda era Inaer, existen máis de 70 complementos divididos entre todas as categorías profesionais e o que fixo o convenio foi igualar ata un punto as condicións laborais” sinala Vázquez de CGT. “O mercado é máis competitivo, con todo dentro das negociacións buscamos que os salarios sigan sendo os máis altos dentro do espectro, buscamos axustar e equilibrar complementos” din as fontes próximas a Babcock.

“Desde hai anos estamos asumindo tarefas que non nos correspoderían profesionalmente, como  o mantemento de equipos, mais agora que falan de baixar salarios e complementos, aí si que non podemos aceptar” di David Lanza. As rebaixas afectarían tanto a salarios como complementos, segundo Pablo Vázquez “sobre complementos baixarían un 30% e sobre salario base un 13%”. As fontes consultadas por Galicia Confidencial desde Babcock apuntan que “non é certo que queiramos baixar un 30% os salarios (CGT apuntaba esa porcentaxe sobre complementos) e tampouco é certo que se subiran os salarios dos directivos ata o 27%, pois levan tres anos cos salarios conxelados”. Outras fontes sindicais apuntan que a rebaixa salarial si sería do 30%, nunha valoracón que inclúe salario base e as dietas ou complementos como un todo salarial.

O salario base dun rescatador que traballe para Babcock anda entre 1.600 e 1.700 euros. A isto engádenselle unha serie de complementos que poderían sumar uns 300 ou 400 euros a fin de mes. “Eses complementos non están exentos de IRPF” di Vázquez da CGT. “Mais o que estamos é facendo horas que consideramos excesivas, un bombeiro pode facer 1.700 horas por ano, un rescatador está facendo 2.000 horas por ano”. Logo están “os de garda localizada, que teñen o teléfono da empresa 24 horas durante 20 días por mes, que a fin de ano son 5.400 horas, e a empresa di que non se traballa todas as horas”. O que denuncian é que desprazamentos e formación, ademais das horas de garda sen traballar, non entran dentro dos planos de remuneración da empresa.

Logo do anuncio dos paros convocados no servizo de helicóteros da Xunta e que leva Babcock, a Xunta publicou no DOG os servizos mínimos do 100% para este servizo, pois é indispensable. “Non temos nada en contra que se nos diga que somos indispensables, o caso é que para os servizos mínimos quixemos negociar, non houbo acordo, anunciaron os servizos mínimos e agora están recorridos” sinala Pablo Vázquez.

CONTRATACIÓN

Babcock ten contratos por todo o Estado. A Xunta de Galicia estimaba en 2012 o servizo de salvamento marítimo, daquela con dous helicópteros, que o orzamento estimado para licitar o servizo era de 45.105.000 millóns de euros. Inaer, agora Babcock, levou o contrato por case 31 millóns de euros. O servizo, como apunta o anuncio da Xunta no DOG número 230 do luns 3 de decembro de 2012, sería efectuado con dous helicópteros que serían transferidos da Xunta a Babcock.

Este ano a Consellería de Medio Rural anunciou a licitación do contrato para dous helicópteros contraincendios para  2019, 2020, 2021 e 2022, por un valor estimado de  15.261.992 euros, sen IVE. Con todo, e con correccións engadidas, na web www.contratosdegalicia.gal, aparece un “Orzamento base da licitación” de 8.494.213,52 con IVE. O prazo para a presentación de documentación, segundo aparece na web citada sería: Data e hora límite de presentación no SILEX o 18 de xuño de 2019 ás 14:00. Dirección web: www.conselleriadefacenda.es/silex

Con anterioridade, en 2018 a Xunta emitira o anuncio: “RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a formalización do contrato dun servizo integral de helicópteros, técnicos coordinadores e técnicos analistas con destino á prevención, vixilancia e coordinación de medios aéreos de defensa contra incendios forestais durante os anos 2018 e 2019 (expediente 13/2018)”.

Dentro do documento mencionado, o valor estimado pola Consellería de Medio Rural sería de 1.166.911,60 €. Finalmente, en Importe figura: Importe: 1.086.000,00 €, exento de IVE. Adxudicataria: UTE Babcock MCS Galicia, S.L., Babcock MCS España, S.A.U., Consultoría Natutecnia, S.L.U., número 2.

O factor competitividade, sumado ás ofertas á baixa das empresas adxudicatarias, neste caso Babcock, así como a posible perda de beneficios da empresa de servizos, poderían estar empurrando á mesma a buscar unha vía de recortes dentro do seu convenio colectivo. Por outra parte, aínda que desde fontes da empresa se di que “somos os líderes con diferenza en toda España”, a cuestión é que as contratas públicas parecen fornecer de maneira moi especial tanto a esta como a outras empresas que prestan servizos aéreos con helicópteros.

A non asunción por parte das autoridades públicas da xestión directa tanto do material como do persoal involucrado tanto en rescate, contraincendios e Aduanas, estaría xustificada en que “historicamente” estes servizos sempre foron contratados por empresas.  Isto pode repercutir tanto na calidade como nun elemento clave como é a seguridade, tanto de traballadores e de persoas rescatadas, eficiencia para apagar lumes ou control do furtivimos ou de vixilancia aduaneira. Servizos que pagamos entre todos.

Helicóptero de salvamento marítimo. SALVAMENTO MARÍTIMO
Helicóptero de salvamento marítimo. SALVAMENTO MARÍTIMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta