Lete Lasa cre que mostrar bandeiras nacionalistas é "incompatible" co ideal de "cohesión social" do deporte

Pola súa banda, Luís Bará, deputado do BNG, considera que símbolos como a "estreleira" están a ser "sistematicamente prohibidos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O Goberno galego non quere símbolos políticos nos estadios. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, considerou que a exhibición de bandeiras por parte do público durante os partidos, como a independentista galega ou co símbolo deseñado por Castelao de 'Denantes mortos que escravos', choca coa concepción do deporte como "elemento de unión e cohesión social", polo que resultan "incompatibles" co ideal defendido pola Xunta para os estadios.

"Debemos primar o deporte como elemento de unión e integración", defendeu, insistindo en que nestes espectáculos as bandeiras a enarborar deben ser deportivas, "do mesmo xeito que non entenderían que respondese a esta pregunta ataviado cunha camiseta do Racing de Ferrol", trasladou Lete Lasa en resposta a unha cuestión formulada por Luís Bará, deputado do BNG.

Precisamente Bará ilustrou o seu punto de vista cunha 'estreleira', a bandeira icónica do independentismo e nacionalismo galego de esquerdas, que situou na súa mesa durante a intervención, na que denunciou que estes símbolos están a ser "sistematicamente prohibidos" nalgúns estadios, cunha "actitude represiva por parte de autoridades e clubs" respecto dunha iconografía "que non é ilegal", citando casos como Pasarón.

O deputado nacionalista defendeu a exhibición destas bandeiras ou o canto do himno galego, por exemplo, como "manifestacións da confraternización da afección", mesmo entre rivais como o Deportivo ou o Celta, e en encontros de baloncesto como o Breogán e o Obradoiro.

"NON ESTÁ PARA FACER POLÍTICA"

O responsable de Deporte argumentou que estes encontros deben acoller a afeccionados como "adversarios deportivos e adversarios", como unha actividade "directamente relacionada cun modo de vida saudable e a adquisición de valores de superación, loita e o respecto aos demais" e que permite "xuntar a persoas de diversos credos e procedencias".

"Non está para facer política e usalo partidariamente", matizou quen, aínda trasladando o seu respecto por estes símbolos como manifestacións "lexítimas do pluralismo político", isto é "incompatible" coa idea de estados "para xogar fútbol, enfrontar afeccións e sentimentos". Por iso, defendeu "salvagardar a esencia do deporte" e que os valores de unión e cohesión "prevalezan sobre os que nos separan".

A pesar diso, lembrou que este tipo de cuestións "quedan fóra das competencias da Secretaría Xeral", dado que se trata dunha materia de regulación Estatal.

Bandeiras independentistas no estadio do Pontevedra, Pasarón
Bandeiras independentistas no estadio do Pontevedra, Pasarón | Fonte: pontevedraviva.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta