Villares acusa a Pablo Iglesias de estar "empeñado en destruír" En Marea

Tras a negativa a apoiar a Mariló Candedo coma senadora, o líder de En Marea non descarta a ruptura do grupo parlamentario.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/06/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou este martes ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, e á súa dirección de "estar empeñado en destruír a convivencia, a confluencia e o espazo político" de unidade popular en Galicia e fíxolle unha advertencia: "O grupo parlamentario non é propiedade de Pablo Iglesias"

Villares explotou en conferencia de prensa despois da Xunta de Portavoces no Parlamento galego "tras a enésima lea" interna do grupo na lexislatura, motivado, nesta ocasión, pola proposta dunha persoa por En Marea para ser senadora por designación autonómica.

O pasado fin de semana a dirección de En Marea, na que non participan os críticos de Podemos, Esquerda Unida e Anova, decidiu comunicar o nome de Mariló Candedo como a súa aposta para ocupar o posto. Con todo, no grupo parlamentario, de adscrición individual ao partido instrumental En Marea, se hai representantes con afiliación a Podemos, Esquerda Unida e Anova que non están de acordo coa proposta de Villares.

Deste xeito, se non hai un acordo ou o grupo rompe finalmente, ameaza presente case desde o inicio da lexislatura, a elección dun senador pola oposición podería pasar ao PSdeG, cos mesmos deputados que En Marea pero menos votos nas eleccións de 2016.

A votación en pleno, en calquera caso, atrasouse a petición de PP, grupo ao que lle corresponden os outros dous senadores, de modo que en lugar de celebrarse a próxima semana farase "este mes", probablemente no pleno da última semana, segundo dixo o viceportavoz e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tamén en conferencia de prensa.

Villares asegurou que "as leas" do grupo parlamentario e do espazo de confluencia están "propiciados polo mesmo orixe", dixo sobre Iglesias e a súa dirección, a quen achacou un cambio tras a asemblea de Vista Alegre II na que o partido morado, na súa opinión, "perdeu transversalidade".

Ese cambio propiciou, continuou o maxistrado en excedencia, a "perda de ilusión" de moitos, como el, que entraran en política con ansias de ampliar os dereitos civís e de mellorar a vida das persoas e asegurou que o actual proxecto de Podemos é "irrecoñecible".

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)

CRISE EN PODEMOS

Explicou na súa intervención que "denuncias" que estes días fan membros relevantes e dirixentes" de Podemos como Ramón Espinar, o alcalde de Cádiz, as organizacións en Aragón e Castela A Mancha e no seu día Sergio Pascual "levan padecendo en Galicia moito tempo".

Aos deputados do seu grupo parlamentario afiliados a Podemos lembroulles que "son deputados de En Marea", que concorreu como un partido instrumental en 2016, e non do partido de Pablo Iglesias e deben comportarse en base a uns estatutos "ben claros". "O que pasa é que non se respectan, só cando lles resulta conveniente", dixo.

Ante a posibilidade de chegar a un acordo no grupo parlamentario para propor a unha persoa como senadora por designación autonómica dixo que ve "pouca marxe de actuación" e insistiu en que "hai dous anos Pablo Iglesias en Vista Alegre decidiu romper e facer un partido único".

"E tamén -insistiu- dar un xiro ideolóxico e político para acabar con idea de transversalidade, de ampliación de dereitos (...) algo que En Marea nunca quixo facer e que quedou escurecido" polas decisións e o comportamento de Pablo Iglesias e dos seus deputados, afirmou.

RUPTURA DO GRUPO

Preguntado por se é posible evitar a ruptura do grupo, como parece ante posturas aparentemente irreconciliables, na súa opinión "se primase a vista longa sobre as visións tacticistas de Vista Alegre II" e Iglesias se dera conta de que "non está só na construción do espazo de unidade" e atendese "á diversidade" podería ser posible.

En calquera caso, máis aló de manter o grupo unido está o dereito de participación das persoas inscritas en En Marea que decidiron participar nun proceso de primarias do que saíu elixida Mariló Candedo; proceso no que non participaron nin avalan os críticos.

"Parece que molesta que as persoas inscritas opinen", dixo e continuou: "Non podo entender que Iglesias vexa ben someter a referendo un asunto privado completamente irrelevante como a compra dun chalé na serra de Madrid e que desprece o proceso de primarias para escoller cargos de representación pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 antón de guizán

O triste é que Anova colabora con él

1 Tócallos outra vez Sam

Non hai grupo parlamentario nin "farrapo de gaitas" como dicía o grande e recordado D. Manuel. Neste momento Marea e a súas escisións son o cuarto e quinto grupo parlamentario. Nin deberían ter dereito a escoller senador.