Temas: EMPRESA DATOS

As sociedades mercantís constituídas en Galicia en maio caen un 12,88% en comparación con 2018

O número de sociedades mercantís constituídas en Galicia situouse en 338, 35 menos que o mes pasado e 50 menos que o mesmo mes do ano pasado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O número de sociedades mercantís constituídas en Galicia durante o mes de maio situouse en 338, 35 menos que o mes pasado e 50 menos que o mesmo mes do ano pasado, o que supón unha caída do 12,88% en comparación co mesmo mes do ano anterior. O capital medio subscrito polas sociedades constituídas en maio ascendeu a 94.791,72 euros por sociedade.

Así se recolle nos datos da Explotación do Boletín Oficial do Rexistro mercantil (BORME) que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE) con carácter mensual. O obxectivo desta operación é medir a demografía das sociedades mercantís de Galicia.

En maio de 2019 ampliaron o seu capital social 115 sociedades mercantís. O capital ampliado por estas sociedades ascendeu a 42,21 millóns de euros. Con respecto ao mesmo mes do ano pasado, en maio ampliaron capital 15 sociedades máis que as rexistradas hai 12 meses.

Por provincias, na mesma liña que en meses precedentes, en maio foron A Coruña e Pontevedra as que rexistraron o maior número de constitucións, co 42,01% das sociedades mercantís creadas no primeiro caso (142) e o 34,62% no segundo (117). O 11,83% das novas empresas constituídas fixou a súa sede na provincia de Lugo (40) e o 11,54% na de Ourense (39).

Por outra banda, case todas as empresas constituídas en maio en Galicia adoptaron a forma de sociedades de responsabilidade limitada (99,4%). O capital medio subscrito por este tipo de sociedades foi de 95.350,01 euros por empresa.

O 24,3% das empresas creadas en maio pertencen á rama do comercio. As seguintes actividades en importancia son a hostalaría (16,0%), a construción (13,0%) e actividades inmobiliarias, financeiras e de seguros (12,1%).

A presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria na creación de empresas, como en meses precedentes: 312 socios (o 73,07% do total), fronte a 115 socias (26,93%).

As sociedades mercantís creadas en Galicia adoitan estar, ademais, compostas por un número reducido de socios, ata o punto de que das sociedades constituídas en maio o 72,49% foron creadas por un único socio fundador e o 23,37% por dous socios.

DISOLUCIÓNS

En maio de 2019 disolvéronse 104 sociedades mercantís en Galicia, o que supón 65 menos que en abril de 2019. Con todo, con respecto ao sucedido hai un ano, o número de disolucións aumentou en 32 unidades, un 23,5% máis.

Ata 24 empresas reduciron o seu capital social en maio. Este mes rexistráronse 2 procesos de fusión e ningunha escisión. O mes de maio pechou con 29 sociedades afectadas por concurso de acredores. Con respecto ao sucedido hai un ano, isto supón 18 máis que hai un ano, en maio de 2018.

Traballo. XUNTA - Arquivo
Traballo. XUNTA - Arquivo

Temas: EMPRESA DATOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta