Sete novas residencias de maiores para estar "como na casa"

A conselleira de Política Social e o director xerente de Afundación fixeron entrega dos premios aos tres estudios de arquitectura finalistas do concurso de ideas deste plan da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/06/2019 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, fixeron entrega este mércores, na Sede Afundación de Santiago de Compostela, dos premios dos tres proxectos finalistas do concurso de ideas do Plan «Como na casa», que permitirá a posta en marcha de sete novas residencias nas sete cidades galegas.

Entrega do premio concurso de ideas do Plan «Como na casa»
Entrega do premio concurso de ideas do Plan «Como na casa» | Fonte: Afundación.

Os membros do xurado escolleron como gañadora, entre as doce propostas que concorreron ao concurso, a solución presentada por Elsa Urquijo Arquitectos. No seu fallo valoraron especialmente «a arquitectura neutra e sinxela da proposta, que alcanza unha imaxe moi adecuada ao uso previsto, que transmite serenidade e claridade». Subliñan, así mesmo, «a composición en planta moi ordenada, sinxela e intuitiva, cun esquema de funcionamento que articula satisfactoriamente as comunicacións verticais e horizontais».

Esta proposta servirá de base para a redacción dos anteproxectos a partir dos que se elaborarán os proxectos e obras das novas residencias que se construirán nas sete grandes cidades galegas. A este capítulo a Obra Social de ABANCA destinará 200.000 euros.

Ademais da proposta gañadora, o equipo encabezado por Elisabeth Abalo Díaz foi distinguido cun segundo premio e o liderado por Jordi Castro Andrade resultou clasificado en terceiro lugar. As tres propostas recibiron os seus galardóns valorados en 9.000, 6.000 e 5.000 euros, respectivamente.

COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E AFUNDACIÓN

A conselleira de Política Social destacou o talento «máis que contrastado» dos arquitectos galegos e ratificou a confianza da Administración autonómica no traballo destes profesionais «para conseguir que as residencias e outros centros de benestar combinen funcionalidade e estética».

Pola súa banda, o director xerente de Afundación subliñou que «as persoas maiores son un dos colectivos prioritarios para ABANCA e a súa Obra Social. Así, entendemos que unha adecuada atención, centrada na persoa, de quen é máis vulnerable é esencial para garantir o seu benestar, polo que ambas as dúas entidades sumamos forzas coa Xunta de Galicia para poñer en marcha “Como na casa”».

O plan «Como na casa» da Xunta de Galicia mellorará os equipamentos para maiores nas principais zonas urbanas do país, dotándoas de 900 novas prazas de atención á dependencia: 150 en Vigo e na Coruña, e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Para dotalas do persoal necesario, prevese a creación duns 500 empregos. Contémplase un investimento total de 66 millóns de euros, cuxa primeira partida xa está consignada nos Orzamentos de 2019.

As residencias contarán cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores. Entre as novidades, por exemplo, contarán con unidades psicoxeriátricas para o tratamento das usuarias e usuarios con doenzas mentais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta