O BNG iniciará formalmente negociacións co PSOE para chegar a un pacto de goberno en Pontevedra

Sería o cuarto goberno coaligado de nacionalistas e socialistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

O alcalde en funcións do concello de Pontevedra e aspirante á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, informou este xoves que o BNG iniciará formalmente as negociacións co PSOE para tratar de alcanzar un pacto de goberno na cidade. Sería o cuarto goberno coaligado de nacionalistas e socialistas.

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Europa Press.

Así o acordou este mércores a asemblea local do BNG "a condición de que esas negociacións signifiquen que iso vai ser mellor para os cidadáns de Pontevedra". "Se non é así, gobernaremos en solitario", explicou Lores.

O PSOE local xa expresou a súa vontade de entrar no goberno local durante a noite electoral do pasado 26 de maio, unha vez coñecidos os resultados das votacións.

O alcalde en funcións cre que a negociación "se vai arranxar rápido", xa que non é "partidario de estar permanentemente debatendo".

Ademais, Lores lembrou que xa teñen "anos de voo todos" con gobernos de coalición e non van ter que "estar quince días debatendo para chegar á conclusión de que non".

Neste sentido, Lores atreveuse a marcar un prazo. "Nun día non, porque haberá que matizar cousas, pero eu desde logo son partidario de facelo antes do día 15, se pode ser", asegurou, porque para esa data está convocado o pleno de investidura.

Sobre a postura do BNG dixo Fernández Lores que "se hai vontade de acordo cada un terá que ceder en parte as súas formulacións", pero sen que iso supoña "variar a liña" que "fixo de Pontevedra un referente", cunha "xestión que á xente lle gusta".

E como conclusión, o alcalde en funcións sinalou: "Mentres non me faga modificar o modelo... cuestións puntuais si se poden modificar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta