Temas: EMPREGO CIG

Delegados da CIG mobilízanse en Galicia para esixir a derrogación das reformas laborais

Delegados da CIG mobilizáronse en distintas localidades galegas para esixir ao Goberno que "non demore máis" a derrogación das reformas laborais, dentro dunha campaña posta en marcha polo sindicato pola "recuperación dos dereitos".

Por E.P. | A CORUÑA | 06/06/2019 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

Delegados da CIG mobilizáronse en distintas localidades galegas para esixir ao Goberno que "non demore máis" a derrogación das reformas laborais, dentro dunha campaña posta en marcha polo sindicato pola "recuperación dos dereitos". Este foi o lema dunha protesta que no caso da Coruña concentrou a case medio centenar de representantes sindicais ante a Delegación do Goberno en Galicia.

Manifestación pasada convocada pola CIG para defender os dereitos sociais
Manifestación pasada convocada pola CIG para defender os dereitos sociais

Alí, nun acto que contou coa presenza do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, corearon proclamas como 'Queremos traballar e non mendigar' ou 'Derrogación da reforma laboral'.

En concreto, con estas mobilizacións, a CIG pretende denunciar "a perda de dereitos" que, para a central, supuxeron as reformas laborais, das pensións e de negociación colectiva, aprobadas polo PSOE ou o PP.

Na protesta ante a Delegación do Goberno en Galicia, o secretario xeral da CIG denunciou que as relacións laborais xurdidas destas reformas "facilita o desmantelamento industrial" e a "perda" de emprego, apuntou en alusión aos casos de Alcoa ou Ferroatlántica.

Por outra banda, asegurou que o paro rexistrado pon de manifesto unha contratación estacional en Galicia. Así, incidiu en que, a pesar de que se asinaron 95.000 contratos no mes de maio, o desemprego "só baixou en 5.421 persoas". "O que constata esa verdade tan cruel de que a pobreza e a explotación laboral que permitiu a reforma laboral está a implantarse de maneira definitiva".

Coincidindo coa concentración ante a Delegación do Goberno, a CIG entregou un escrito dirixido ao presidente do Executivo e ao Ministerio de Traballo coas reivindicacións e propostas da CIG para a nova lexislatura e demandando un cambio nas políticas económicas, laborais e sociais.

Temas: EMPREGO CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta