Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/06/2019 | Actualizada ás 08:10
A Rede da Marea Atlántica acordou este xoves, na reunión que celebrou esta tarde, que os concelleiros e concelleiras do grupo municipal daranlle o seu apoio á candidata socialista á Alcaldía da Coruña, Inés Rey, na sesión plenaria de investidura que se celebrará o 15 de xuño, segundo informa.
O máximo órgano de decisión da formación municipalista aprobou un documento no que sinala que esta decisión evidencia un "exercicio de honestidade, transparencia e fondas conviccións democráticas".
"Algo que contrasta coa situación vivida fai catro anos", engade o comunicado. Nel, incide en que, antes de que Xulio Ferreiro tomase posesión como alcalde, o PSOE "esixiu que o voto na sesión de investidura fose secreto e en urna, baixo a ameaza de darlle a Alcaldía ao PP se non se garantía antes, publicamente e sen condicións, a presidencia do PSOE na Deputación" da Coruña.
Por outra banda, a Rede tamén acordou, en base aos resultados obtidos nas eleccións do 26 de maio, coa perda de catro concelleiros, "articular un tempo para a reflexión e o debate aberto, sen medo nin imposicións" sobre a maneira de abordar a situación no novo escenario político. Con todo, pese ao resultado obtido, subliña que Marea Atlántica "segue sendo decisiva para a gobernabilidade".
NINGÚN "CHEQUE EN BRANCO"
O posicionamento aprobado este xoves especifica que, á marxe do apoio á investidura da candidata socialista, o voto dos concelleiros de Marea Atlántica non será "un cheque en branco" e que a súa atención estará posta "nos compromisos que o PSOE sexa capaz de asumir nestes primeiros días" de mandato.
Por outra banda, o documento aprobado apela a mirar "cara a adiante" con "ambición transformadora" e sen retroceder en "conquistas sociais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.