Esixen "auténtica capacidade para negociar" melloras na Atención Primaria

Organizacións sociais e profesionais relacionadas coa sanidade en Galicia presionan á Administración sanitaria para poder "negociar e chegar a acordos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Organizacións sociais e profesionais relacionadas coa sanidade en Galicia esixen á Administración sanitaria que dote de "unha auténtica capacidade para negociar e chegar a acordos" a organismos como o Consello Técnico de Atención Primaria para mellorar este nivel asistencial.

Así o destacan no 'Manifesto en defensa e mellora da Atención Primaria en Galicia' subscrito por varias organizacións sociais e profesionais para denunciar a "situación de abandono, marxinación e sometemento como consecuencia dos recortes de recursos e do abandono da promoción e prevención da saúde".

En concreto, indican no documento, recollido por Europa Press, que consideran que "os recortes e a precariedade laboral afectan os profesionais" dos equipos de Atención Primaria e á poblacón que, segundo sosteñen estas entidades, "soporta esperas irracionais para acceder a uns centros de saúde masificados, que non ofertan unha atención integral, comunitaria, participativa e de calidade".

Por iso, demandan "incrementar o orzamento de Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total", así como recuperar as xerencias neste nivel asistencial, "repor e incrementar" as prazas de todas as categorías profesionais e laborais "perdidas", "acabar coa precariedade laboral" e reducir a "burocracia innecesaria".

A iso suman reivindicacións como "establecer con claridade e mediante o acordo as funcións e tarefas de cada grupo profesional, para proporcionar unha atención de saúde integral", así como desenvolver instrumentos de participación social e profesional.

PRESIÓN E NEGOCIACIÓN

"Consideramos que nesta estratexia deberíanse involucrar os sindicatos, a todo o persoal dos centros de saúde, ás súas organizacións representativas e a poboación", expoñen no documento no que concretan que "para alcanzar estes obxectivos é necesario combinar medidas de presión e de negociación".

En relación ao Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, apunta que "deberá ser o órgano onde analizar, debater e aprobar os cambios na Atención Primaria coa creación de comisións específicas e un tempo de traballo concreto das mesmas".

"A gravidade da situación e a urxencia esixe que a administración convoque a estes organismos e o dote dunha auténtica capacidade para negociar e chegar a acordos", conclúen e advirten de que, no caso de que non fóra así, comprométense "a acordar as medidas de mobilización e presión laboral e cidadá que sexan necesarias".

Médicos de Atención Primaria en folga.
Médicos de Atención Primaria en folga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta