A Deputación de Pontevedra prevé unha ocupación hoteleira do 55% para o mes de xuño na provincia

Máis da metade dos visitantes son españois e o turismo rural e os albergues son algunhas das opcións máis destacadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou de que Turismo Rías Baixas estima que a ocupación hoteleira media na provincia para este mes de xuño será do 55,3%.

Por comarcas, a previsión máis alta é para Vigo co 64%, seguida por Pontevedra (60%), Deza-Tabeirós-Terra de Montes (56%), O Morrazo (54%), Caldas (51%), Salnés (50%), Condado-A Paradanta (43%) e Baixo Miño (42%). En canto ao tipo de negocio, espérase que os establecementos de turismo rural alcancen o 31% e os albergues o 65% de ocupación media.

En rolda de prensa, Carmela Silva tamén deu conta este venres dos datos de turismo do pasado mes de maio, que valorou como "positivos", cunha ocupación media nos hoteis dun 53%. A presidenta destacou a relevancia desta cifra "tendo en conta que o 25,6 dos establecementos hoteleiros permanecen pechados en maio".

Por comarcas, a do Salnés alcanzou un 40%, Pontevedra un 61%, O Morrazo un 47%, Caldas un 55%, Vigo un 64%, o Baixo Miño un 49%, Condado-A Paradanta un 44% e Deza-Tabeirós-Terra de Montes un 50%.

En canto ao turismo rural, cuxos establecementos estiveron "maioritariamente están pechados" excepto durante a ponte de maio, rexistrou un 20% de ocupación localizada fundamentalmente nas comarcas de Caldas e Pontevedra. Carmela Silva tamén incluíu neste informe o dato da ocupación nos albergues, que na provincia supuxo un 60%, sendo as comarcas con mellor porcentaxe o 84% rexistrado en Caldas.

PERFIL

O perfil dos visitantes que acudiron á rede de oficinas de información turística da Deputación de Pontevedra durante o pasado mes de maio correspóndese nun 67% a españois (procedentes maioritariamente das provincias de Madrid, Lanzarote, Barcelona e Salamanca).

Carmela Silva remarcou que a cifra de visitantes de procedencia estranxeira (un 33%) principalmente veu de países como Alemaña, Francia, Estados Unidos, Portugal e Reino Unido. "Cada vez vén máis xente de fóra das nosas fronteiras ás Rías Baixas", comentou a presidenta provincial.

A maioría de visitantes (un 62%) alóxase en hoteis e o tempo de estancia media sitúase entre 7 e 15 días. A cultura, o lecer e o Camiño de Santiago son os principais motivos que esgrimen os visitantes á hora de xustificar a elección deste destino.

Ocupación hoteleira. TURISMO COSTA DO SOL - Arquivo
Ocupación hoteleira. TURISMO COSTA DO SOL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta