Temas: BNG BUGALLO PP PSOE

O BNG non entrará polo momento no goberno de Santiago e exercerá unha "oposición construtiva" a Bugallo

O Bloque local sinala que quedan "moitas vías de diálogo" abertas e de posibilidades de acordos puntuais, "sempre sobre a base do programa do BNG".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O BNG acordou non entrar no goberno local de Santiago, que previsiblemente liderará o socialista Xosé Sánchez Bugallo, ao considerar que "non se dan as condicións" neste momento pero non pecha a porta a retomar esta cuestión en "un momento posterior".

Esta decisión foi alcanzada pola asemblea e o consello local da formación, que avanza que o BNG pasará no futuro inmediato a "exercer o seu papel dunha oposición construtiva", con "un seguimento moi estrito dos pasos dados" polo futuro rexedor.

Nun comunicado remitido aos medios, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, lembrou que, na semana seguinte ás eleccións, mantivo un encontro con Bugallo no que este lle trasladou que o PSOE "estaba preparado para gobernar en minoría" pero que lle parecía "ben" que o BNG entrase.

A portavoz nacionalista asegurou que, na reunión, preguntou a Bugallo se tiña pensado facer esa invitación a algunha outra formación tendo en conta que PSOE e BNG non alcanzan xuntos a maioría --o dez do PSOE e os dous do BNG quedarían a un dos 13 necesarios--. "A súa resposta foi que non lle preocupaba a estabilidade e que iría chegando a acordos tanto coas forzas de esquerda como co PP, dependendo dos temas e das situacións", explicou Goretti Sanmartín.

Tras avaliar a proposta no consello local e a asemblea, o BNG considera que a solución restante "sería de incerteza" para o Concello. Ademais, censura a intención de Bugallo de chegar a acordos "pola dereita e pola esquerda". "Unha opción que vemos con perigo de ofrecer un resultado escorado cara a políticas de dereita que se sitúan moi lonxe das ofrecidas polo BNG", sinala para lembrar que o BNG dixo en campaña que querían "ser a garantía de políticas de esquerda".

Con todo, o Bloque local sinala que quedan "moitas vías de diálogo" abertas e de posibilidades de acordos puntuais, "sempre sobre a base do programa do BNG" e de "conseguir que Santiago avance con políticas transformadoras e galleguizadoras".

REUNIÓN CON BUGALLO

Neste sentido, Sanmartín detallou que mantivo outro encontro con Bugallo para pedirlle unha "reunión formal" entre o BNG local e o Grupo Socialista para trasladarlle "cuestións urxentes" sobre as que é necesario que existan "amplos consensos", algo para o que os nacionalistas se ofrecen.

Así, entre outras cuestións, referiuse a a construción de parques cubertos, á substitución da cuberta da piscina de Sar ou á situación dos comedores escolares.

A concelleira do BNG e vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín
A concelleira do BNG e vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín

Temas: BNG BUGALLO PP PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta