O Banco Sabadell contesta en inglés a unha queixa feita en galego

Pide en inglés que se remita a mesma queixa en catalán, euskera, español, inglés, alemán ou francés.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/06/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O Banco Sabadell respondeu en inglés a unha consulta presentada en lingua galega. Na súa resposta, a entidade bancaria pedía que se remitira esa queixa en catalán, en euskera, en español, en inglés, en alemán ou en francés. Un feito que, para a Mesa pola Normalización Lingüística, supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos dun cidadán galego. E

Oficina do Banco Sabadell en Galicia.
Oficina do Banco Sabadell en Galicia.

Curiosamente, o Informe sobre o uso do galego nas entidades bancarias publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística a finais do pasado ano advertía que esta entidade era unha das poucas que permitía o uso do galego. Pero, curiosamente, con esta resposta acepta calquera outra lingua oficial do Estado e varias linguas doutros países, pero non o idioma de Galicia.

Segundo o recollido no Informe da Mesa, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 "entidades financeiras colaboradoras" ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego.

Entre as entidades con convenio público, só Abanca, Banco Sabadell, Caixabank e Caixa Rural Galega contan cunha versión en galego nas súas páxinas web, mentres que BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, Bankia, Caja Rural Zamora, Ibercaja, Targobank e Banca Caixa Geral non ofrecen ningunha versión na lingua propia de Galiza. Abanca, Banco Sabadell e Caixabank ofrecen, tamén, a posibilidade de usar o galego tanto nos caixeiros como na aplicación móbil, aspecto que non cumpre Caixa Rural Galega. Porén, como denuncia agora a Mesa pola Normalización Lingüística, tamén estas entidades vulneran os dereitos lingüísticos da poboación galega ao non aceptar comunicacións na nosa lingua.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Quirousa

Pois retirada de cartos, cancelación de contas, denuncia e a espallar o boicot. Se eles fanse os suecos fagámonos galegos. Por certo, a "galeguísima" Abanca prestoulle as súas instalacións a Vox e patrocina institutos ultraneoliberais e unha xa logo universidade privada en Galiza. Cos meus cartos non.