Temas: EMPRESA CEP CEG

Cisma na Confederación de Empresarios de Galicia

A patronal de Pontevedra desvincúlase da CEG ata "aclarar todos os asuntos económicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

O comité directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), reunido este luns, decidiu "separarse" e "afastarse de calquera participación en órganos colexiados en temas relacionados cos asuntos económicos internos" da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra
Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra

O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, xustificou que "non" queren verse "representados nin contaminados por ningún problema económico" ante unha patronal galega que non presentou as contas, nin ten informe de auditoría de 2018 e da que "non" teñen "ningunha información do ano 2019" nin do estado da situación nin a liquidación de gastos, precisou.

Esta decisión do comité directivo da CEP adoptouse de maneira unánime. De modo que se toma a decisión de desvincularse "ata que todos os asuntos económicos estean absolutamente aclarados", puntualizaron por parte da patronal pontevedresa.

"Pensamos que esta non é a forma na que teñen que funcionar as organizacións", dixo Jorge Cebreiros, quen considera que, de continuar Pontevedra formando parte da CEG, estarían "a dar moi mal exemplo participando ou sendo cómplices dun funcionamento" que non consideran "normal nunha organización".

Cebreiros aclarou que non é unha baixa dentro da CEG, senón que evitan participar e vanse a opor en todo aquilo que non sexa "claridade e transparencia nas contas", que é "o mínimo" que debe presentar unha organización empresarial.

EVITAR RESPONSABILIDADE

A xunta de vicepresidentes da asociación que preside Jorge Cebreiros xa alcanzara este acordo o pasado xoves e este luns ratificouse para evitar así calquera responsabilidade na que poida incorrer a CEG. En Lalín en febreiro de 2017 a CEP xa adoptara a mesma decisión.

Na reunión celebrada este luns en Pontevedra a CEP presentou o peche económico do primeiro trimestre do ano en curso.

Temas: EMPRESA CEP CEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta