O PSOE quere levar as negociacións do novo goberno de Ferrol "con toda a discreción"

Os encontros foron de maneira individual e informal con FeC e BNG. O PP considera "unha mágoa" que non o chamasen.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

O candidato do PSOE á Alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, aposta por seguir "con toda a discreción" os encontros de maneira informal que xa iniciaron por parte da súa formación con representantes de Ferrol en Común (FeC) e BNG, que lle mostraron a súa disposición a apoialo na sesión de investidura para poder ser alcalde. Ditas manifestacións realizounas na mañá deste luns tras manter unha reunión de traballo na zona de Alcaldía co resto de candidatos a este posto, ademais de co secretario municipal e persoal do Protocolo, para planificar como será o pleno de investidura de Ferrol.

Ángel Mato.
Ángel Mato. | Fonte: Europa Press

Mato manifestou que os encontros para tratar de chegar a un posible pacto con FeC e BNG teñen que ser "desenvolvidos de forma tranquila e con discreción suficiente para que non haxa interferencias, xa que o importante é que as negociacións trascurran con normalidade para tentar chegar ao maior acordo posible."

O candidato socialista destacou que "as negociacións van ao seu ritmo e agora é cando hai que entrar neste proceso, na negociación, facéndoo con discreción". Así, rexeitou que se están realizando con "segredo". "Evidentemente nós somos representantes públicos e a discreción é unha boa compañeira, en calquera situación e na vida en xeral", abundou.

POSICIÓN DO BNG

Mentres, o candidato do BNG, Iván Rivas, trasladou que "polo momento non hai ningunha novidade". "Esperemos que esta semana se produza algún tipo de reunión", afirmou, aínda que admitiu que xa se produciron "encontros de tipo informal, contactos pero sen ningún avance do que vai suceder despois da investidura".

Ao mesmo tempo destacou que "quen ten que determinar o futuro da cidade é o Partido Socialista e, en función diso, o Bloque Nacionalista Galego adoptará as decisións que considere oportunas", apostilou.

De todos os xeitos, Rivas vincula a entrada nun hipotético goberno de Ferrol ao que decida a asemblea local, "xa que se trata do maior órgano de decisión que ten o BNG na cidade". "E ata que teñamos algo específico ou concreto non o podemos someter a votación, xa que é algo que descoñecemos", afirmou.

Por último, o representante nacionalista lembrou que "os prazos se acurtan para poder chegar cun goberno pechado antes do próximo sábado", pero lembrou que "o PSOE xa ten manifestado que non lle importa que se configure con posterioridade".

SEN CONTACTOS CO PP

Pola súa banda, o líder do grupo maioritario no pleno de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, xa que o PP quedouse a un só edil da maioría absoluta, ao lograr doce dos 25 concelleiros, tamén acudiu a esta sesión preparatoria do pleno.

"Xa hai un acordo, están a celebrarse reunións entre o resto de grupos políticos e paréceme unha mágoa que estes encontros non se celebrasen co grupo maioritario", manifestou, para estimar que a súa formación será "clave no próximos catro anos na cidade e será unha equivocación para aquel que queira articular un goberno nesta cidade o non contar con este grupo".

Rey Varela lembrou que "xa pasaron 15 días desde as eleccións e "aínda non hai acordo de goberno". Di o popular que "Ferrol non está para perder nin un só minuto, sobre todo tras o acontecido no últimos catro anos".

ENTRADA POLA PORTA DO REXISTRO

O pleno da sesión de investidura no Concello de Ferrol terá lugar o sábado día 15 a partir das 12,00 horas, tal e como acordaron o catro candidatos á Alcaldía, de Partido Popular, PSOE, Ferrol en Común e BNG.

Ademais, cada concelleiro terá tres invitacións para familiares e volverase convidar as autoridades locais, algo que non se fixo en 2015 por desexo do alcalde saínte, Jorge Suarez (FeC).

Haberá tamén pantallas no salón de recepcións para seguir todo o que ocorra no salón de plenos e a entrada realizarase pola porta do Rexistro, por rúa María, e non pola principal, debido ás obras que se desenvolven na praza de Armas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Opa Canido

Discreción, cando todo o mundo sabe que xa lle prometiches a concellería de Urbanismo a Jorge Suárez ?